«Que as mulleres esteamos na primeira liña do folk era algo moi necesario»

FUGAS

Cedida

A cantante emprende xira de presentación de «Deserto de centos» e actúa hoxe ás 22.00 na sala Sónar de Santiago e mañá, ás 21.00, no Auditorio de Rianxo

21 abr 2017 . Actualizado a las 05:15 h.

Aroma a salitre e a tradición. Feituras de cantora indómita e horizontes por descubrir. Atrás quedou unha década póndolle voz a Fía na Roca. Agora toca defender proxecto propio. Máis luminoso, aberto, plural e cosmopolita pero sen esquecer a profunda pegada das raíces nas sonoridades e no literario. Sonia Lebedynski emprende xira de presentación de Deserto de centos respaldada en escea por unha banda de 7 musicos e arroupada por Sergio Tannus, o seu productor musical.

-Que vén a achegar Sonia Lebedynski á escena musical galega?

-Penso que un maior dinamismo, ¿non? Eu veño para amosar a miña visión e a miña reinterpretación da música da que me levo nutrindo todos estes anos tamizada polos meus ideais e dende un prisma máis acorde coa miña idade e co tempo no que vivo.

-Que diferenzas hai con respecto á Sonia cantante de Fía na Roca?

-A principal diferenza é o xesto no cantar. As tonalidades nas que canto agora son distintas e a mensaxe e o contido das letras son máis íntimos, máis persoais.

-No terreo musical, aínda que permanece un substrato evidente de musica de raíz, hai achegamentos ao pop, ao rock e incluso ao blues.

-Eu tiña gañas de saír desa zona na que xa levaba moito tempo cantando e buscar sonoridades diversas e plurais que resultasen novas para o público aínda que non o fosen para min respecto ao que eu escoito. Tiña claro que neste primeiro disco quería facer unha revisión de todo o meu imaxinario sonoro. Porque ese imaxinario é a razón do meu xeito de cantar, de entender a música e incluso de ser a muller que son hoxe en día.

-Preocúpalle que poidan dicir que se achega máis ao pop que ao folk?

-Non. É certo que pola textura das pezas este disco sitúase nun terreo entre o folk e o pop. Ou entre o pop e o folk. Non teño claro cal situar primeiro. En calquera caso non houbo premeditación á hora de facer este disco baixo ningunha etiqueta concreta.

-Son as mulleres as que neste momento complicado están liderando o proceso de renovación da música tradicional en Galicia?

-Da música tradicional e de moitas outras cousas. Pero no caso do folk si que é certo que nestes últimos anos as mulleres fomos conquistando espazos nos que antes estabamos menos visibles. De xeito incomprensible, porque a forza da palabra cantada en Galicia sempre estivo moi vencellada á muller. A percusión e a voz feminina é o sustento sobre o que construimos moitas das nosas músicas. Coido que o feito de que as mulleres esteamos hoxe en primeira liña e levemos enriba dos palcos toda esa herdanza era algo moi necesario.

-Dende logo que si...

-Á parte, somos moi ben levadas [ri]. Acompañámosnos no noso ciclo vital, estamos pendentes unhas das outras, coincidimos en proxectos colectivos... Hai unha relación de admiración e cariño mutuo entre todas nós.

-En «Inventario do prohibido» di que do establecido é desertora. E así realmente como se sente?

-Esa frase corresponde a un poema de Luz Campello, pero é que ese poemario chegou a min como un espello no que mirarme. Eu quería que un tema deste disco versase sobre a miña condición de xénero, sobre o meu compromiso coa causa de ser muller. E cando lin ese poema a conexión foi instantánea. Claro que me sinto desertora do establecido. As mulleres nacemos cunha orde mundial que estableceron sen contar con nós e temos o deber alentador de loitar cada día por salvarnos vertebradas.