O Centro Dramático salda unha débeda: por fin Valle-Inclán en galego

FUGAS

Escolleu para esta significativa estrea «As galas do defunto» e «A filla do capitán»

21 abr 2017 . Actualizado a las 05:15 h.

Centrémonos no artístico que desta volta paga a pena. Non é cuestión menor que o Centro Dramático Galego poña enriba do escenario a Valle-Inclán en galego. E fíxoo en canto houbo ocasión. Escolleu para esta significativa estrea «As galas do defunto» e «A filla do capitán». «Dúas pezas en sintonía coa nosa realidade», sinala a directora do CDG, Fefa Noia. Dúas pezas que «atacan directamente os poderes militares, políticos, monárquicos e eclesiásticos», engade Marta Pazos, directora da montaxe.

Unha Marta Pazos que se amosa radical e valente, «como o foi Valle-Inclán cando escribiu estas pezas». Xa o anticipaba tan só o feito de ter aceptado o encargo no momento no que o fixo. «Quero xogar cos símbolos dunha cultura que non sei se me representa: abrazar a tradición, fuxir da superstición, empaparme do grotesco, gozar da beleza, deleitarme coa palabra, respirar irreverencia e meterme nos zapatos de todos os personaxes, tanto dos que respecto como dos que deploro», subliña a directora.

As galas do defunto está ambientada nunha cidade galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao momento actual a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez en 1913.

A pesar de tratarse de dúas aproximacións estéticas diferentes, na proposta de Marta Pazos ambas obras dan conta da absoluta vixencia temática e simbólica dos textos de Valle-Inclán, así como da súa valentía e risco á hora de criticar as miserias da sociedade a través dunha privilexiada capacidade para a sátira e a retranca.

Martes de Carnaval ponse en escena cun sobresaínte elenco formado por Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta.

Os tempos son chegados, que diría o bardo, e non é pouca cousa. Recoñéceo Fefa Noia cando di que «chegamos á estrea cunha montaxe chea de coraxe, risco e arroubo porque só con coraxe, risco e arroubo paga a pena levar estes esperpentos a escena».

 

HOXE, MAÑÁ (20.30) E DOMINGO (18.00)

SANTIAGO. SALON TEATRO. ENTRADAS 10 EUROS