«Saltamos xuntos dun tren a outro»

FUGAS

XOAN CARLOS GIL

O autor de «Memoria de poeta» recorda unha viaxe a Alemaña, anos despois de coñecer a Luz Pozo como directora de «Nordés» en Vigo

23 abr 2020 . Actualizado a las 20:22 h.

A Luz podemos atopala en varios lugares e momentos. Na rúa Zamora de Vigo nos 80, onde viviu con Eduardo Moreiras e onde a visitaba daquela Pepe Cáccamo (Vigo, 1950). «Luz traía unhas pastas e Eduardo servíanos unhas copas de xerez ou porto para retirarse alegando que o obxecto principal da nosa visita era a súa muller», recorda o autor en Memoria de poeta. Luz di que Eduardo Moreiras é mellor poeta que ela, conmento. «É un poeta moi digno, pero non fai vibrar como Luz», di. Na memoria vital escrita de Cáccamo brilla ela. E tamén no poema Sinais de xiz nos muros -do libro Cimo das cidades tristes-, inspirado no idilio de Luz e Eduardo cando aínda era secreto. «Citábanse en Compostela, pero non nun lugar concreto. Deixábanse sinais de xiz nos muros», relata Pepe. (Digo «Pepe» porque sen coñecelo en persoa foi polo nome de casa como me acheguei de preto a Xosé María Álvarez Cáccamo a través de Luz Pozo).

-Viaxaron xuntos a Alemaña no 99. A ela dixéronlle que se quería, considerando a súa idade, podía acompañala unha poeta nova. «Mellor un poeta, un poeta novo», propuxo ela con humor. Ese foi vostede.

-Que honra. Ela non era maior en absoluto... En Heidelberg colleu unha desas bicicletas alemás e deu un paseo magnífico. Tamén tivemos que saltar xuntos dun tren a outro. Iamos confundidos de Berlín a Heidelberg. Iamos en dirección contraria e sóubeno por casualidade cando estabamos parados nunha estación. Collemos as maletas como tolos. Luz non sabía o que estaba pasando e eu, por non perder tempo, díxenlle «sígueme!»...

-E colleron o tren?

-... e chegamos a Heidelberg. Foi moi divertido todo, era como estar con alguén da miña idade. Sempre dá gusto a súa compaña. Nunca adopta unha posición distante nin de poeta consagrada, nin nada polo estilo.

-¿Como era a Luz directora da revista «Nordés», como a recorda?

-Moi traballadora e moi sensible. Luz fixo unha revista exemplar. Ela tamén era unha boa lectora...

-Somos o que lemos?

-Lemos, e sobre todo relemos, para reencontrarnos cos nosos sinais de identidade. Nesa escolla como lectores xa estamos dalgún xeito creando.

-Escolla unha soa obra de Luz.

-Serán dous. Concerto de outono e Prometo a flor de loto.

-En que radica a grandeza dela?

-Na música do poema. Na sensorialidade e na capacidade de interpretación da realidade. Luz constrúe unha especie de semiótica do amor. Le na natureza, é capaz de interpretar os seus signos secretos. E, por suposto, ten capacidade de comunicación. A súa é unha poesía que nos fai vibrar.