A gran eclipse das nosas vidas

Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

01 jun 2017 . Actualizado a las 17:02 h.

O protagonista de Una sombra ya pronto serás, a novela de Osvaldo Soriano, era un enxeñeiro anónimo que emprendía unha viaxe sen rumbo polas pampas arxentinas porque se sentía «canso de levarse posto». Dalgún xeito, o home quería eclipsarse. Todos fabulamos nalgunha ocasión con esa idea de despoxarnos de nós mesmos e converternos nun libro coas páxinas en branco. Veume á memoria o mítico personaxe porque os habitantes que poboan as páxinas de Os asollados están feridos con ese desexo de seren outros, ou polo menos coa ambición de saíren correndo dos seus zapatos e ver que ocorre. O escritor e guionista francés Joël Egloff, desa estirpe de narradores especialmente dotados para o humor e o detalle, publicou en 2009 este feixe de relatos que convén ler con espírito de explorador doméstico. Hai aquí unha eclipse total de sol, a piques de producirse, que sobrevoa as existencias dunha serie de personaxes abondo lunáticos como para que nos recoñezamos neles sen dificultade. Por iso son estas criaturas humanas, e non un satélite gris e unha estrela de mediana idade que se xuntan para deixalos ás escuras, as que protagonizan o verdadeiro espectáculo astronómico. Simpatizamos coas súas excentricidades porque camiñamos polas nosas vidas nunha perplexidade permanente, como aquel heroe rendido de Soriano polas pampas. No universo, os astros xogan de cando en vez ás aparencias. Quen soñe con eclipses apoteóticos, que lea a Joël Egloff.