A invención da modernidade

TEXTO: LUÍS POUSA

FUGAS

Internet

A Universidade de Santiago recupera o monumental «O federalista», en tradución de Ramón Maiz e Alfonso Mato e con prólogo de Roberto L. Blanco Valdés

02 jun 2017 . Actualizado a las 05:35 h.

Dicir Tea Party a estas alturas do noso tempo é pensar en Sarah Palin e nun movemento ultraconservador norteamericano que propón borrar as pegadas do Estado e deixar que o darwinismo social dirixa o destino dos cidadáns. Pero o nome ten unha orixe nobre: a Boston Tea Party. O 16 de decembro de 1773, un grupo de rebeldes disfrazados de indios asaltaron un barco da Compañía das Indias Orientais atracado no porto de Boston e lanzaron pola borda os fardos de té en protesta polo novo imposto que o Reino Unido creara sobre un produto básico. Con ese xesto empezaba a revolta da colonia norteamericana contra a metrópole, unha rebelión que desembocaría na guerra contra os británicos (1775-1783) pola independencia dos territorios da Unión Americana.

Así o recorda o catedrático de Dereito Constitucional Roberto L. Blanco Valdés no seu extraordinario prólogo á edición que vén de publicar a Universidade de Santiago d’O federalista, a monumental colección de artigos nos que Alexander Hamilton, James Madison e John Jay sentaron as bases da nación e a democracia modernas, encarnadas nos Estados Unidos de América.

A USC recupera, en tradución ao galego de Ramón Maiz e Alfonso Mato, un texto fundamental -e fundacional- do pensamento político moderno, que Blanco Valdés sitúa no seu limiar -máis que un prólogo é un profundo ensaio sobre O federalista- no seu preciso contexto histórico e na súa capital importancia como fito do constitucionalismo moderno.

Tras a aprobación da Constitución da nova nación americana en setembro de 1787 en Filadelfia, Hamilton, Madison e Jay deciden aparcar as súas discrepancias ideolóxicas e intelectuais para unir os seus esforzos na defensa do proxecto político común, polo que acordan publicar unha serie de artigos en diferentes cabeceiras de Nova York, nos que tratarán de convencer aos estados que aínda non ratificaran o texto sobre a necesidade de unirse á República federal dos constitucionalistas de Filadelfia.

E así o fan, dando ao prelo estes 85 textos entre 1787 e 1788, creando unha atmosfera de debate público que favoreceu a divulgación do gran proxecto democrático da modernidade. E, como non podía ser doutro xeito nunha nova nación, ese intercambio de pareceres sobre a Constitución de Filadelfia fíxose con luz e taquígrafos nas páxinas da prensa da época, como subliña no seu espléndido ensaio introdutorio o profesor Blanco Valdés: «De feito, o proceso histórico de ratificación estivo marcado polas discusións nos xornais, panfletos e reunións de todo tipo que serviron para articular politicamente a confrontación entre os partidarios e os contrarios tanto do novo Estado que se configurara en Filadelfia como, máis en concreto, desta ou daquela decisións que, en relación con asuntos específicos da regulación constitucional, tiña adoptado a Convención de Filadelfia».

Para dar conta da transcendencia d’O federalista baste recordar o afirmado por Thomas Jefferson nunha carta a Madison, onde o futuro presidente dos Estados Unidos apuntaba que o libro era «o mellor comentario sobre os principios do goberno que xamais se ten escrito».

Ler O federalista é intentar comprender como se inventou a democracia moderna nunha antiga colonia da súa maxestade. E ler O federalista, nesta exquisita edición en galego da Universidade de Santiago, é tan importante para entender os Estados Unidos coma ler outros títulos fundacionais da súa cultura: Walden, de Henry David Thoreau; Follas de herba, de Walt Whitman ou Moby Dick, de Herman Melville.

Porque no pensamento recollido aquí por Hamilton, Madison e Jay están as claves dun sistema democrático que foi quen de blindar o poder do pobo fronte a calquera tipo de ataque externo, pero tamén interno, aínda que daquela, finais do século XVIII, ninguén podería imaxinar que nun lonxano 2017 a principal ameaza para o propio proxecto sería o mesmo presidente dos Estados Unidos. Pero o que aprendemos n’O federalista é que a Constitución e a democracia americanas prevalecerán. E que todos os Donald Trump que nos traian o futuro e o populismo de saldo non poderán coa República que se creou en Filadelfia en 1787 e que Hamilton, Madison e Jay defenderon cunha intelixencia imperecedoira.

AUTORES ALEXANDER HAMILTON, JAMES MADISON E JOHN JAY

PRÓLOGO ROBERTO L. BLANCO VALDÉS

TRADUCIÓN RAMÓN MAIZ E ALFONSO MATO

EDITORIAL UNIVERSIDADE DE SANTIAGO E FUNDACIÓN BBVA

732 PÁXINAS.