O humor que dá xenio ler

Ramón Nicolás

FUGAS

cedida

Exhíbese en «Bibliópatas e Fobólogos» unha verdadeira fervenza de recursos narrativos e xogos lingüísticos

30 jun 2017 . Actualizado a las 05:10 h.

"Fálame, para facer que exista”, apunta unha protagonista dun dos múltiples relatos que poboan este libro de Emma Pedreira e, en efecto, esta sentenza talvez suxira a relevancia que atesoura dialogar cos libros, sobre os libros e, xaora, coa propia vida. Se se fai cun discurso revestido de ironía e enxeño, en tantas ocasións salferido cun humor que dá xenio ler, pois se cadra axuda a entender que a existencia ofrece de seu argumentos que superan á propia realidade. A autora, así pois, compila neste libro un conxunto poderoso de historias heteroxéneas ideadas á sombra dos libros, das lecturas, das voces que crean e crearon historias que lemos e das propias experiencias vitais, quen sabe se verosímiles ou imaxinadas, para construír un fresco, no fondo desacralizador, onde se retallan historias susceptibles de entendelas como metáforas do noso tempo que, loxicamente, non dan as costas á reflexión.

Exhíbese en Bibliópatas e Fobólogos unha verdadeira fervenza de recursos narrativos e xogos lingüísticos; unha variedade de puntos de vista, de temáticas e tipoloxías textuais tan inxente que será difícil non atopar algúns relatos, ou narracións breves, realmente antologables e brillantes -eu quedaría con Lost in translation e Pompas fúnebres ou A casa tomada por só citar tres- e se cadra é nesa pluralidade que alimenta a narración onde radique o seu engado.

Sospeito que un percorrido por títulos e voces que circulan neste libro, algunhas citadas expresamente e outras agochadas, daría pé a establecer un paseo polos esteos literarios sobre os que Pedreira constrúe a súa proposta con orixinalidade sen entendelos nunca como universos paralelos, máis ou menos coincidentes ou afastados segundo se transite por eles. Antes ben, transfórmanse nunha cosmoloxía propicia e lúcida, operativa para comprendermos que as estremas entre ficción e realidade son, ás veces e aínda que pareza imposible, moi tenues. Comparto coa autora esa convicción de que sen libros, sen historias que contar e sen a práctica da lectura nada sería o mesmo. Para min é marabilloso que nolo recorde con este libro tan fresco e distinto.