Honesta aposta polo cine galego

FUGAS

cedida

O laureado director Xacio Baños está inmerso estes días na rodaxe da súa primeira e moi agardada longametraxe, «Trote», da man da produtora galega Frida Films

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:06 h.

Xerou inusitada expectación o inicio da rodaxe da primeira longametraxe de Xacio Baños. A súa traxectoria como curtametraxista avalada por máis de 150 seleccións oficiais e premios, o feito de que este guión formase parte do programa de residencias Ikusmira Berriak do Festival de San Sebastián e que a produción corra a cargo de Frida Fims, a produtora galega que ven de colleitar múltiples recoñecementos por María (y los demás) ben xustificaba o interese.

Non falta quen considere a Xacio Baños a «grande esperanza branca» da nova cinematografía galega. Unha delas é Luisa Romeo, responsable de Frida Films. «Nós traballamos con novos talentos e Xacio parecíanos un dos maiores e que precisaba facer xa a súa primeira longametraxe», comenta.

Esa longametraxe é Trote, unha historia profundamente enraizada coas tradicións e coa máis profunda esencia galega, ambientada nun ambiente rural durante a fin de semana na que se celebra a rapa das bestas e na que unha muller, Carme, terá que decidir o rumbo que a súa vida, ata entón opresiva e escura, vai tomar no futuro.

A loita entre o animal e o home convertida en metáfora. «A loita do home contra a besta, da razón contra o instinto, da necesidade contra o desexo», explica o director. «Porque no fondo todos somos coma eses cabalos. Unha familia é como un curro no que todos, querendo ou sen querer, imos dando coces e facéndonos dano. E esas feridas son ao final as que van marcando a nosa vida».

Trote estase rodando dende hai dúas semanas en distintas localizacións galegas. Entre elas, hai uns días, na rapa das bestas de Amil.

Recoñece Xacio Baños que as diferencias con respecto á rodaxe dunha curta son «tremendas», pero ao tempo maniféstase excitado polo que está a descubrir e a acontecer. «Na miña concepción do cine se a rodaxe vai como estaba prevista é que algo vai mal. A rodaxe ten que ser un sitio onde aparezan outras cousas distintas as pensadas e imaxinadas. Ten que xurdir a maxia. Se non, convírtese nun trámite».

E a maxia apareceu. «As sensacións son moi boas», ratifica a produtora Luisa Romeo. «Os planos son preciosos, os actores están fantásticos... A min gústame ser contida pero o que teño visto ata agora estame parecendo incrible».

Maila que a película non está concibida dende o localismo e ten determinada vocación de chegar ao mercado internacional Trote estase rodando en galego e cun equipo técnico e artístico tamén galego. «Parecíame imprescindible facela en galego porque outras das ideas en torno ás que xira Trote é a morte do rural e o abandono da lingua e das tradicións», subliña o director.

No mesmo sentido maniféstase a produtora. «Interésame traballar sobre a verdade. E neste caso para trasladar esa verdade era necesario facela en Galicia, con actores galegos e rodada en galego». Aínda que iso, recoñece Luisa Romeo, vai facer que, en principio, sexa máis complicado estrear Trote nas salas comerciais españolas. «Temos moita confianza en que a película funcione ben en festivais. Xa ten garantido o seu pase no de San Sebastián e a nosa idea é que consiga ser seleccionada en Cannes, Berlín, Venecia ou Lorcano. Se así fose, dende logo sería moito máis doado acadar a súa presenza nas salas comerciais».

Xacio Baños ratifica a vocación viaxeira da súa película, «como de todas as que fixen», pero sen perder de vista o punto de partida, sempre moi próximo ao creador. «O cine só ten sentido se se crea dende o que ti coñeces, dende o que é teu», subliña. «Un pode dicir que sabe contar historias moi lonxanas pero o que se está é mentindo. Podes interpretar outros mundos. Pero eu penso que a labor dun creador é interpretar o seu mundo». Nese sentido Trote nace cun punto de radiografía dunha época e dunha sociedade, da relación do home co seu entorno e coas súas raíces.

Esas «tremendas» diferenzas que o director advirte entre a rodaxe dunha longametraxe e unha curta non as traslada Xacio Baño á presión que supón a estrea e o percorrido comercial da súa película. «Honestamente, non noto diferenza de presión. A miña esixencia é a mesma. A miña presión é sacar todo o que teño e facer a mellor peli posible nestes 20 días. O que aconteza unha vez que a película saia da cabina de montaxe xa non é a miña viaxe».

UN ELENCO DE ACTORES INTEGRAMENTE GALEGO

A película está protagonizada por María Vázquez, Celso Bugallo, Diego Anido, Tamara Canosa e Fede Pérez. «Para contar con verdade o que quería contar tiña que facelo en galego», di o director