Jane Austen sempre volve

Diego Ameixeiras 1280 ALMAS

FUGAS

21 jul 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

En plena celebración do bicentenario da súa morte, escríbese máis que nunca sobre Jane Austen. Hai unanimidade en que o interese na súa figura, de indubidable valor literario, garda relación con esa mestura de ironía, crítica social e romanticismo tan recoñecibles nas súas novelas, marcas da casa en proporcións insólitas para a época. Pero a súa vixencia vai máis alá. Austen amósanos unha Inglaterra decimonónica, burguesa e orgullosa das súas esencias, cuxo traslado á ficción constitúe un xénero en si mesmo, impoñente na súa estética coma un western clásico. E sempre gañará Shakespeare, pero velaí están as numerosas versións audiovisuais das súas novelas, os ensaios que a converten en feminista avant la lettre ou experimentos como The Austen Project, iniciativa editorial para adaptar a súa obra á contemporaneidade.

Persuasión, traída ao galego por Celia Recarey, conta a historia de Anne Elliot, unha muller que no albor da súa mocidade é persuadida polo seu entorno familiar para que non case co home do que está namorada. Ocorre que pasou o tempo e ese vello amor nunca esquecido, transformado agora no airoso capitán Wentworth, volve aparecer de novo. Quizais sexa unha das novelas menos coñecidas da escritora británica, especialmente mordaz nalgunhas pasaxes, pero quen se achegue a ela por vez primeira non botará en falta esa alta voltaxe emocional coa que deitar un suspiro. Os mesmos que proferían os amantes de hai douscentos anos.