Explosións de raios gamma

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

Charlton Heston en «El Cid»
Charlton Heston en «El Cid»

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Atravesei o Obradoiro de camiño á casa en plena actuación da Panorama, no día grande da Ascensión. Mentres soaba unha melodía que non puiden identificar, entre bailes frenéticos, pareceume distinguir no escenario un trapecista bañado por unha especie de explosión de raios gamma. O sintagma «digno de ver» inventouse para cualificar este tipo de fenómenos. Supoño que me estou perdendo unha parte importante da nosa cultura popular, pero teño escaso coñecemento en materia de orquestras. De viaxe á infancia en Ourense, lembro unha sesión con Tony Pérez y Los Arquinos atacando No debes presumir por unhas festas da Ponte. «La fuente de tu boca / cuando besaba / era un veneno dulce / que me mataba», cantábanlle daquela aos amores difíciles. Os vellos bailaban sen freos, os cativos enredabamos con rifles de plástico. Era verán, claro. O meu pai paseaba polo seu barrio da mocidade. Corenta anos antes, os avós instaláranse alí chegados dende o lugar de Partovia, o topónimo máis fulgurante de todos os tempos, unha república de Tintín nas terras do Carballiño. Gardo esa imaxe moi nidia, a da ledicia paterna compartida coa da miña nai mentres a orquestra oficiaba unha peza de Antonio Molina. Aínda que quizais non era así, porque os avós xa non estaban. Seguro que aquel paseo do meu pai encubría a perplexidade de volver a un paraíso no que botaba en falta todo, eses estrañamentos que os pequenos armados coma Charlton Heston experimentariamos máis tarde. Regresabamos da verbena pola Ponte Vella e as luces quedaban atrás, dando paso a unha escuridade que se facía forte mentres nos alonxabamos daquel edén na ribeira. Unha sensación semellante recibiume pola rúa das Hortas cando deixei a Panorama principiando unha cumbia. Agora é meu pai quen xa hai uns cantos anos que non anda por aquí, supoño que gozando nalgún lugar cunha verbena de longo alcance, no centro neurálxico da luz. Podo imaxinalo enchido de paciencia, preguntándome por que lle dou voltas a estas lerias do pasado, que a cabeza hai que poñela no presente, e a min respondéndolle que pensei este artigo só para ter unha escusa coa que escribir varias veces Partovia. Porque escribo agora Partovia, eu que sei, e noto unha descarga eléctrica nos dedos. Violentas explosións de raios gamma. Con permiso de Celso Emilio: «Digo Partovia / cando a noite é pechada. / Digo Partovia / e ponse a luz en marcha».