Última hora
El Tribunal Supremo anula el nombramiento de Dolores Delgado como fiscal de Memoria Democrática

Os ladróns e as cancións en francés

Diego Ameixeiras

FUGAS

Forrest caracterizado como el escritor Dashiell Hammett en el filme de Wim Wenders «El hombre de Chinatown» (1982).
Forrest caracterizado como el escritor Dashiell Hammett en el filme de Wim Wenders «El hombre de Chinatown» (1982).

10 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Na praza Garibaldi, na Cidade de México, imaxinei que cantaba No soy de aquí ni soy de allá con Chavela Vargas: «Me encanta ser amiga de los ladrones y las canciones en francés». Había tequila, voaban as andoriñas, non tiñamos idade nin porvir. Rafael Bernal, diplomático nado na colonia Santa María la Ribera, non moi lonxe de alí, publicou en 1969 unha novela obrigatoria: El complot Mongol. Texto de culto entre os afeccionados á novela negra, peza fundadora do xénero no seu país. O detective Filiberto García nunha misión de política-ficción: desmontar unha trama orquestrada pola intelixencia chinesa para liquidar en México o presidente dos Estados Unidos. Estiven en poucas festas desa altura. Humor, intrigas e violencia sobre os ombros dun investigador que repite: «Pinche muerte, pinche soledad». En ocasións, nas mesas redondas dos festivais, pídennos aos que practicamos o xénero que definamos con propiedade ese asunto chamado novela negra. Nunca teño moi claro que dicir: só que con Dashiell Hammett e a banda de Black Mask, os vellos enigmas de salón saltaron polos aires. Dun tempo a esta parte adoito confesar, seguindo a Chavela Vargas, que tento facer esa clase de novelas porque me encanta ser amigo dos ladróns e as cancións en francés. Marius Jacob, operario das profundidades marsellesas, inspirou a Maurice Leblanc para crear o lendario Arsène Lupin, ladrón capaz de adoptar múltiples identidades. Faríame amigo do seu modelo real se non fose que leva case setenta anos morto. Jacob fundou unha banda ilegalista, «Os traballadores da noite». Roubábanlles aos xuíces, aos militares, aos cregos; nunca aos que consideraban profesionais de utilidade: artistas, médicos, arquitectos. Non discutirei o criterio. A todos eles cantaríalles Stances à un cambrioleur, unha balada que Georges Brassens escribiu en homenaxe a un magnífico ladrón: «Príncipe dos raspuñeiros e desvalixadores, / ti que tiveches o bo gusto de escoller a miña casa, / mentres vendía polas rúas as miñas chacotas, / na túa honra compuxen esta canción». Cantaríalles versos así, con máis intención que xeito, para pedirlles o tesouro da amizade. Empuñando o revólver de El Tigre de Santa Julia, bandoleiro de Guanajuato que asaltaba facendas e xendarmarías. E logo beberiamos tequila ata o amencer, repartíndonos o último botín. Convencidos polas andoriñas de que non somos de aquí nin de alá.