Rescates biográficos e literarios: seis libros para coñecer a Luísa Villalta

Ramón Nicolás

FUGAS

-

DA DIVULGACIÓN AO ENSAIO INTERPRETATIVO. Estas fronteiras, á falta de posteriores achegas, engloban a orientación das publicacións que estas primeiras semanas do ano nos deixan sobre o percorrido biográfico de Luísa Villalta e, sobre todo, sobre o seu legado literario, truncado prematuramente. Diversos formatos para, como é natural, un público moi diverso... 

26 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Comeza o ano Luísa Villalta, e con el comezan as propostas para descubrila ou afondar na poeta. Estes son só algúns dos títulos que xa engaiolan.

«Luísa Vilalta, melodía de palabras»

MARÍA CANOSA, Xerais

Un achegamento, para un público novo mais non só, á biografía de Villalta e á súa obra, depositaria dunhas claves que cómpre saber explicar con efectividade. Sistematízase un percorrido que se estende desde os territorios da infancia e da esfera familiar, repara nos anos de formación académica, no seu compromiso social e no seu labor profesional, vinculado coa docencia. Deseña, asemade, os límites deses universos que fundiu esplendidamente nunha produción singular como son o da música e a palabra: trazos que a biógrafa revela con brillantez ao abrazar unha estrutura inspirada nun pentagrama á que, ademais, se une unha breve e ben representativa escolma poética.

«Alma de violino»

BEATRIZ MACEDA / ELI RÍOS, Editorial Xerais 

Acértase, ao meu ver, tanto no ton do discurso como no deseño do corpus plástico neste formato de álbum ilustrado ideado coa intención de divulgar aqueles aspectos máis relevantes de Luísa Villalta. A ilustradora Laura Suárez e o tándem creativo conformado por Beatriz Maceda e Eli Ríos, conseguen peneirar as precisas doses de información previa de maneira que calquera persoa que achegue a este libro será difícil que nela non medre o interese na figura polifacética de Villalta e, abofé, na súa obra poliédrica.

«Abonda con vivir»

MONTSE DOPICO, Xerais

 Dopico aplica unha orientación de carácter inequivocamente xornalística a este volume: a xeito de reportaxe e cunha acaída estrutura revisa moitas dimensións, de todo tipo, que suscita a memoria de Luísa Villalta a través de persoas que a coñeceron e tamén doutras voces que interpretan o seu legado literario, alén do labor de esculca persoal, sei que non exento de dificultades. Gustoume a conclusión que obtiven da lectura deste ensaio, isto é, o valor das palabras compromiso e talento no universo Villalta.

«O outro lado da música, a poesía»

LUÍSA VILLALTA , Galaxia

En 1999 publicouse este libro, que se reeditou, por fortuna, hai tres anos. Subtitulado significativamente «relación entre ambas as artes na historia da literatura galega», talvez constitúa un dos libros máis brillantes e lúcidos do noso ensaísmo. Nel interpretaba algúns textos nosos desde un punto da vista diferente tendo presente a restitución da unidade existente entre música e poesía. Velaí como o exercicio de pór en valor eses vínculos conseguiron iluminar conexións esquecidas que sempre estiveron aí.

«Tinta do mar. Pequena biografía de Luísa Villalta»

POLO CORREO DO VENTO, Lela Edicións

Ilustrada por Tania Solla na serie «Mulleres galegas», de Polo Correo do Vento, viu a luz o ano pasado o que foi a primeira achega en forma de publicación sobre Villalta tras a decisión da RAG de homenaxeala co Día das Letras Galegas. Orientada cara a un lectorado novo presenta os trazos biográficos básicos da poeta e amosa a súa dimensión creativa onde cobran relevancia a música, a literatura e a actitude reivindicativa como elementos indisociables na configuración da súa memoria.

«O lugar das palabras»

LUÍSA VILLALTA, Galaxia

En marzo do 2003, a editorial Galaxia ofreceu en «Pensar é escuro. Poesía reunida» (1991-2004) os catro libros que Luísa Villalta publicou en vida, isto é, «Música reservada» (1991), Ruído (1995), «Rota ao interior do ollo» (1995) e «En concreto» (2004). O selo vigués ideou unha antoloxía poética da escritora que escolma composicións acollidas tanto nos devanditos libros como nos póstumos «Papagaio» (2006) e «As palabras ingrávidas» (2020) e, mesmo, rescata algúns poemas inéditos que constitúen parte do Legado Luísa Villalta.