The Rapants: «Nos nosos concertos hai moito amor, queremos que todos e todas 'morreen'»

FUGAS

Andrea Freckleseye

O grupo máis divertido de Galicia vén de lanzar un terceiro disco co que quere estirar a loucura que foi para a banda o 2023. Cunha base de fans a morte con eles, están no bo camiño

15 mar 2024 . Actualizado a las 18:34 h.

O mellor dun concerto de The Rapants dáse con aquelas persoas que se tropezan con eles casualmente nun festival. Ou que acoden a unha sala sen saber moi ben que van ver. En canto as guitarras de Xanma e Samuel empezan a cortar e o baixo de Matías e Xaquín xúntanse ao trote do ritmo, ese espectador despistado de súpeto sente o efecto por dentro da súa música. Unha quente e intensa sacudida de arranque. Que se relaxa un pouco na parte central. E que, no último terzo, empuxa ao oínte ao delirio colectivo que adoitan ser os seus directos. «É que nós somos como fogos de artificio», di Xanma antes de que os catro rachen a rir.

Estamos a uns días da presentación en vivo de La máquina del buen rollo, terceiro álbum que viu a luz onte. Será nunha dobre data, o 23 e 24 de marzo, nunha sala Capitol de Santiago que vai quedar pequena. «Foi algo totalmente flipante. Saíron as entradas e esgotáronse en 10 minutos. Ao ver a resposta, fixemos unha segunda data. E volveu a pasar o mesmo, duraron minutos», comentaba o seu mánager Álvaro Creo no festival Emigrason de Bruxelas. Nas redes sociais, os fans eufóricos falan de mirar recintos maiores, incluso o Coliseum da Coruña. Na banda volven a rir. Prefiren falar de ir pouco a pouco. «O noso crecemento foi natural e creo que iso é bo», di Xaquín para rebaixar o entusiasmo que os rodea.

O grupo cita a Fugas nos coruñeses estudios Drum&Roll, onde ensaian o set desta xira co seu técnico de directo, Iago Blanco. «Estamos nerviosos, ansiosos e tensos. Iso podería ser o resume do noso estado de ánimo agora, co disco aí», expresa Samuel. «E moi emocionados», engade Matías. Pese a un ano de vertixe como foi o 2023, con máis de 40 concertos deses que terminan en xigantescas festas nas que todo desborda, non deixaron de traballar para darlle a continuación a O corasón como un after (2023). «Aínda non sabemos gozar da vida», sostén cun sorriso Xaquín. «Somos pobres e temos medo de fliparnos. Non nos queda mais remedio que traballar. Ademais, somos uns ansias. Cando vemos que hai material, imos a pecharnos para grabalo», expón Xanma. Unha inercia que parece non ter fin. «De feito, estamos xa traballando nun disco. Isto é o que quería Sony, un grupo que sacara tantos discos coma nós», comenta Samuel antes de que as risas volvan torpedear a conversa, inundándoa dunha ledicia pícara e tremendamente contaxiosa.

The Rapants levan meses vivindo un soño. Son catro rapaces de Muros que viñan doutras formacións. No 2018 xuntáronse coa intención de facer música garaxeira. «Indie a verdade e que non queriamos, senón algo un pouco punki», lembra Xanma. Os referentes entón chegaban por Terbutalina e Novedades Carminha. «Queriamos mover á xente e fomos mirando á electrónica ou á música disco —engade— . Cando Mati e Xaco deron ese paso empezamos a ir a temas máis bailongos, vendo como a xente se movía e bailaba». Como se os Arctic Monkeys e The Strokes se puxesen baixo a bola de espellos, o son de The Rapants volveuse incisivo, pero tamén elástico. E tremendamente gozoso. O seu groove, irresistible e euforizante, maniféstase sobre o escenario mellor que en ningún outro lado. «Nunca pensamos chegar a isto que temos hoxe —confesa Samuel—. Co primeiro EP de catro temas xa tivemos moito éxito na casa. 'En Muros mola', diciamos. Empezamos a subir a Santiago, e alí tamén molabamos. Foi así, pouco a pouco». A escaleira levounos xa fóra de Galicia cunha chea de gheadas e seseos inserta no seu galego.

Se no citado Emigrason xogaban un pouco en casa, con centos de compatriotas coreando os seus temas no corazón de Europa —que ese día foi o «roto corasson» dunha das súas cancións—, en lugares como León e Madrid viron como a súa proposta pode funcionar «sorprendentemente ben», como comenta Samuel. «Creo que ten que ver con iso de que a xente nos vén ver, engánchase e coméntao por aí —pensa Xaquín—. Este ano, tocamos no Náutico de San Vicente e estaba xente de fóra. De Madrid, Tenerife, León e sitios así. Cando fomos a León veu a vernos xente que estivera no Náutico. En Madrid incluso veu unha moza de Tenerife que tiña familia alí. E un tipo de Toledo coa súa parella asturiana». Se normalmente se di que a música é unha linguaxe universal, a de The Rapants desde logo esnaquiza fronteiras idiomáticas. «No Náutico un tío de Madrid díxonos: «Buah, me encantó el grupo, ¿tenéis alguna canción en gallego? Porque hubo una que me pareció que era en ese idioma». Ao final saen de aquí co Celga! Todo o mundo entende», opina Xanma. «A ver, o galego non é como o vasco, enténdese máis», subliña Matías. «E que, ademais, nós falamos na nosa variante chea de castelanismos. Non nos raiamos nada con iso. Poñemos títulos en castelán e cantamos en galego ou mesturamos todo».

«Eu sigho en Blaster waiting for you / Na Luna eras menos complicada/ Cántoche temas para reír / Porque toda esta música está inventada». Esta é a primeira estrofa de Blaster W4u, o sinxelo de adianto de La máquina del buen rollo, un título sacado do slogan da atracción do saltamontes. «Vén sempre ás festas de Muros é iso e precisamente o que queremos producir nós», explica Samuel . «O noso discurso é esquecer todos os problemas, gozar xuntos e que durante hora a media sexa unha festa de quererse e respectarse», describe Xanma. «E, se despois diso, podemos morrear... mellor!», completa Samuel preparando a riseira. «Nos nosos concertos hai moito amor, queremos que todos e todas morreen», remata Xanma. Un novo estoupido de felicidade invade o estudo. Escachan coa risa. É un concerto de The Rapants un bo lugar para namorase? «Buff, si. Hai moita xente que nos fala, que vén aos bolos e que nos din que se coñeceron nun concertos noso e que se queren sacar unha foto con nós», relata Xanma.

Do country ao rap

O novo traballo de The Rapants foi gravado con Paco Loco e reforza a líña disco do anterior. Pero, ademais, entra en territorios nunca antes explorados polo grupo. En Chusma rides, por exemplo, a banda rapea. E en Country asesino ofrecen máis ou menos o que suxire o título. «Queriamos experimentar para non quedar a medio camiño do anterior, que foi unha petada máxima. Non queríamos parecer que faciamos o mesmo, desexábamos algo distinto», asegura Xanma, que recorda como o produtor os cualificaba como «conxunto discotequeiro». Cando empezan a poñerse sobre a mesa as posibles influencias e direccións, Samuel sae cunha das súas: «Este disco é un guiso. Un guiso moi de bailar, pero un guiso. Pasamos a facer unha música máis currada con voces e coros, pero sempre mantendo a esencia de facer bailar a xente e que o pasen ben. Creo que iso vese claramente».

Andrea Freckleseye

Sobre The Rapants hai quen ve aquel espírito tolo dos Heredeiros da Crus, pasado polo filtro dos festivais indie de hoxe en día. Outros miran a bandas como Sidonie, pero con referencias totalmente actualizadas. Sexa como sexa, en todas esas conexións sempre aparece ese resorte de paixón e tolemia que vai a máis. O ano pasado, por exemplo, reuniron a miles de persoas no Son do Camiño ás cinco da tarde a pleno sol. «O outro día dicíame un de Bring The Noise [unha das empresas que fan o festival de Santiago] que non houbera nunca un grupo que metera tanta xente a esa hora», precisa Samuel. Despois, chegou o Noroeste da Coruña. Abriron o evento ás nove da noite e aquilo parecía un festival nun punto álxido. «Ese día foi un punto de inflexión total», sinala Xaquín, que asegura ter que facer esforzos para non descontrolar: «O máis difícil é non deixarte levar e seguir con eles, manter a compostura e non botarte á xente».

Matías di que séntense aí «nun palco vip», observando a que se monta abaixo. «Temos fans moi hooligans», apunta Samuel. Todos están chamados a subirse a esta «máquina del buen rollo» durante o 2024. Este é o ano no que a banda mais divertida de Galicia debería confirmarse para sempre.