Xosé Luís Barreiro Rivas: «Sempre escribín con liberdade, o que transmite confianza ao lector»

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOÁN A. SOLER

O premiado avoga por fuxir das modas de pensamento e por razoar máis

25 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A piques de cumprir as vodas de prata como cronista político en La Voz, Xosé Luís Barreiro Rivas (Forcarei, 1949), dende a súa casa, compartindo un café, fala de vagar. Di que non é un comentarista corrente porque foi político e é politólogo, o que ao seu entender marca o estilo de abordar as cuestións.

-¿Iso é unha vantaxe ou xenera pola contra barreiras?

-Non lle vexo aspectos negativos. Hai unha coherencia en todo o que fago: fixen política, a estudo e a comento. E sobre todo, o máis importante, algo que valoro máis co paso do tempo. Sempre escribín con absoluta liberdade. Nunca me deron unha orientación. E iso transmite ao lector unha enorme sensación de confianza, estea dacordo ou non.

-¿Por que se lle ocorreu chamar á súa tribuna A Torre Vixía?

-É como un outeiro para ver con máis panorámica. Unha persoa que estivo dende dentro nos conflitos e agora ve todo dende fóra. Teño a gran satisfacción de que logrei unificar dúas cousas: falar dende fóra sen deixar de comprometerme coas miñas posicións.

-Lendo as súas tribunas dá a sensación de que vostede se sente sempre máis cómodo navegando contracorrente...

-Eu non vou contracorrente. Xa teño anos e non defendo posicións radicais contra o sistema. Pero si penso contracorrente.

-¿Cal é a diferenza?

-Eu téñolle unha especialísima prevención á linguaxe correcta. A dicir o que está de moda, a razoar como todo o mundo, a abordar de xeito simple o que é complexo. A opinión, a análise, debe fuxir dos moldes. Temos que ver o que é posible e o que non é. O que é sostible ou o que non o é...

-¿Por exemplo?

-Non podemos votar un goberno da dereita, como o do PP, e logo esixir políticas de esquerda. Hai xente que bota en falta que Rajoy non goberne como a esquerda. A veces hai que dicir cousas tan elementais como esta.

-Pero si é certo que o PP dixo na campaña que ía facer unhas cousas, e logo fixo as contrarias...

-Moveu mensaxes máis sociais, máis incluso que o PSOE, pero ninguén dubidaba do que ían facer en canto chegaran ao Goberno. O PP mitinea cando lle convén, pero logo móvese nunha ortodoxia económica. Ninguén se enganou co PP. E si co PSOE cando se moveu do seu esquema. E está pagando a factura en termos de apoio.

-¿Nunca se cansa de escribir?

-Non, é unha actividade moi gratificante. O que si me resulta curioso, como comentarista de actualidade, e por que entran e saen temas de actualidade sen atender á súa transcendencia.

-¿Por exemplo?

-Estabamos a falar da miseria, da pobreza de España, e de repente, ven a abdicación do Rei, e todos nos pomos a falar da República e a Monarquía. E consumada a coroación, xa estamos noutra cousa. Temas de importancia tan substantiva non poden entrar e saír de xeito tan sinxelo da axenda. Do contrario, carecerían de relevancia, digo eu. Todo isto sona a artificio.

-¿E cal é a explicación?

-Hai un factor para min clave: un mecanismo de oposición para ver como se desgasta ao goberno. Faise o discurso nunha liña na que calquera explicación ou calquera defensa sona a canallada.

-Xa que non lle gustan as modas. ¿Non cre que se perde máis tempo criticando a Podemos que analizando por que xurdiu este fenómeno?

-Eu non caín nese asunto. Produciuse a ruptura dalgo que non estaba previsto. Hai dúas maneiras de analizar o fenómeno. Podemos estalle facendo un gran favor á dereita. E non é outro que fragmentar a esquerda. O barullo é para outros. IU e o PSOE son as vítimas da potenciación artificial dese fenómeno. E teñen que decatarse que hai que substituír a protesta pola alternativa. En política está moi ben invalidar unha cousa, pero sen esquecer que hai que substituíla por outra.

-¿O problema non podería ser que os cambios que se propoñen non gustan ao poder?

-Unha parte da cidadanía está convencida de que se pode chegar ao paraíso a través da escaleira do caos. É dicir, tiramos este e o que veña será mellor. Dende a miña perspectiva isto nunca sae ben. Ao tempo que estamos demolendo hai que ir construíndo, e un exemplo disto foi a Transición española.