«O financiamento do SUG é menor que o dalgún club de fútbol, é cuestión de prioridades»

La Voz

GALICIA

22 oct 2014 . Actualizado a las 19:11 h.

Aínda que disposto a cumprir coa normativa da Xunta no tocante ao número mínimo de alumnos por curso, Armesto fuxe da visión universitaria «unicamente economicista».

-¿Que vai pasar cos grados que non cheguen a 45 ou 50 alumnos?

-Tratamos de axustarnos ás normas que dita a comunidade e buscamos plans de viabilidade se nos poñen un número mínimo de alumnos. Explicámoslle á Xunta, e así o aceptaron, a posibilidade de coller cursos comúns nas titulacións que están na mesma área do saber e no mesmo campo, como as filoloxías, para que os estudantes poidan facer unha parte común. Noutros casos teremos que ver alternativas, pero a universidade é algo máis que cuestións económicas. Hai unha frase de Eliot Freidson que di que as universidades son unha invención notable da humanidade, precisamente porque naceron para protexer o traballo que non ten valor económico inmediato.

-Ás veces, nun contexto de recortes en servizos esenciais, é difícil xustificar un grado con nove alumnos.

-É que xa non estou dacordo coa premisa dos recortes. Haberá que ter máis ingresos. Os dereitos e cuestións fundamentais das persoas non se poden recortar. Estamos vendo nos medios o fraude fiscal, o Estado español recada un 10 % menos do PIB que a media europea, e iso son 100.000 millóns de euros, cos que se poden arranxar aspectos dos servizos públicos e dereitos fundamentais. Non podemos entrar na dinámica de que como cada vez hai menos, temos que recortar. Haberá que aumentar os ingresos e ter as ideas claras, saber se e importante o coñecemento, a formación superior ou a investigación. Cando empezou a crise, Alemaña aumentou un 3 % o gasto en I+D, e como vían que a crise medraba, subiron a un 5 %. Eses 380 millóns de financiamento do SUG é moito menos que os orzamentos dalgún club de fútbol, é cuestión de prioridades.

-Criticaba a miúdo o anterior reitor de Santiago a desaparición da autonomía universitaria.

-Na práctica non existe, porque a autonomía financeira vai a menos, e a autonomía organizativa nestes dous anos sufriu uns recortes que nunca vira. Parece que van pechando o círculo por todas partes, por un lado co financiamento e coa estrutura organizativa, cunha intervención para que cada vez o fagas peor.