Escravitude moderna

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Operación policial contra unha familia de Culleredo que escravizou a indixentes
Operación policial contra unha familia de Culleredo que escravizou a indixentes PACO RODRÍGUEZ

25 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O obxectivo que marca o monumento do «Lest we forget» citado hoxe en primeira páxina, ten unha frase significativa: «para que non esquezamos»; pero, ao mesmo tempo, insístese en que sirva de recordo educativo para que as futuras xeracións sexan conscientes dos perigos actuais de racismo. Noticias de escravismo na actualidade serven para atender ás dúas propostas.

1. Un galego acha a orixe de escravos do Caribe a partir do seu ADN nuclear

(La Voz, 10/3/2015) Un foi arrebatado da súa aldea de Camerún, outro arrastrado da súa de Nixeria e o terceiro foi capturado en Ghana. Aos tres aglomeráronos, cargados de cadeas, na adega dun barco con rumbo á illa caribeña de San Martín, onde traballaron como escravos ata a súa morte nunha plantación. Os seus restos óseos contan agora a historia grazas á análise do seu ADN, un material xenético que parecía imposible de extraer pola súa extrema degradación: abrasado polo sol do Caribe, esnaquizado pola enorme acidez do chan e alterado por un enterramento de máis de trescentos anos.

  • ACTIVIDADE: Busca información en «Comercio colonial no século XVIII», analizando datos no vídeo «A ruta do escravo» (http://goo.gl/VMxZMS).

2. A vitoria contra a escravitude

Toussaint Louverture
Toussaint Louverture
(La Voz, 26/3/2014) En 1979, a Asemblea Xeral da ONU aprobou un programa de actividades para a loita contra o racismo e a discriminación racial (Resolución 34/24). Nesta ocasión, decidiu tamén a celebración do 21 ao 27 de marzo dunha Semana de Solidariedade cos pobos que loitan contra o racismo e a discriminación racial. Este ano cúmprese o 210.º aniversario do nacemento da República de Haití en 1804, que foi o primeiro país en declarar a súa independencia tras a revolución dos escravos liderados por Toussaint Louverture. Por iso o tema do 2014 é «A vitoria contra a escravitude: máis aló de Haití».

  • ACTIVIDADE: Fíxate nos subtítulos, aínda que a imaxe é xa indicativa. Ao final, preguntas parta investigar en clase. E, si podes, unha sesión dalgunha película das que aquí se citan: http://goo.gl/6QrNgK ou http://goo.gl/0InWwY

3. O papa Francisco pediu hoxe «loitar contra as formas modernas de escravitude»

(La Voz, 1/1/2015) «Todos estamos chamados a ser libres, todos a ser fillos e, cada un de acordo coa súa responsabilidade, a loitar contra as formas modernas de escravitude», dixo o pontífice arxentino na basílica de San Pedro. O papa menciona como causas da «escravitude moderna» a pobreza, o subdesenvolvemento e a exclusión, combinadas coa falta de acceso á educación ou «cunha realidade caracterizada polas escasas oportunidades de traballo». O papa denuncia na súa mensaxe que a corrupción «sucede cando no centro dun sistema económico está o divos diñeiro e non o home, a persoa».

  • ACTIVIDADE: Un documento de traballo acorde con esta loita contra as formas modernas de escravitude podes atopalo en tres e-studos de noticias de Prensa-Escuela sobre a igualdade das persoas: http://goo.gl/76aEFu

4. A familia detida en Culleredo tiña escravizados a sete indixentes

(La Voz, 6/3/2015) Durante anos, unha familia de feirantes de Culleredo escravizou a un bo número de indixentes. Buscábanos na rúa. Só se fixaban en persoas sen arraigamento familiar, sen nada nin ninguén na vida. Engaiolábanos cun traballo, unha cama e tres comidas ao día. Xa baixo as súas ordes, comezaba unha brutal explotación. Ameazados de morte e golpeados, durante o día obrigábanos a xornadas laborais de sol a sol e sen descanso, e xa pola noite os metían a durmir baixo chave en caravanas ou chamizos. A algúns tramitábanlles as pensións e logo púñanse como cotitulares nas súas contas para poder ir ao banco a cobralas.

  • ACTIVIDADE: Máis de 672.000 galegos están en risco de pobreza. Desde o 2009 hai en España máis de 1,3 millóns de persoas en perigo de exclusión. Un total de 672.123 habitantes de Galicia atópanse en risco de pobreza ou exclusión, o que supón 15.714 menos que no 2009, segundo os datos do cuarto informe sobre «O estado da pobreza en España», que presentou este martes a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (EAPN). ¿Coñeces algunha institución na que poidas colaborar contra esta situación de pobreza e escravismo?

5. O tráfico de persoas para explotación sexual move en España cinco millóns ao día

(La Voz, 9/2/2015) A Policía Nacional reforzará os seus equipos para loitar contra as redes de tráfico de persoas para a explotación sexual e apelará á concienciación cidadá para disuadir a demanda e erradicar esta lacra, que en España move cada día 5 millóns de euros e somete a miles de mulleres á escravitude. A loita contra a trata de persoas é un «obxectivo de Estado» no que a Policía Nacional profundará o seu programa contra estas redes, iniciado en abril do 2013, cunha segunda fase na que primará a prevención e a concienciación social, mediante a disuasión da demanda.

  • ACTIVIDADE: As tres grandes mafias globais que xeran maior volume de negocio no mundo son: narcotráfico, trata de persoas para a súa explotación sexual e contrabando de armas. O primeiro e o último perséguense de oficio. O tráfico de mulleres e menores para a prostitución, non; pero move 1.825 millóns de euros ao ano en España, 25.000 no mundo e 12 millóns de mulleres son vítimas da trata en 160 países.