O mundo rural, que tolea de novo

tania taboada

GALICIA

Carlos Castro

Este venres arranca o festival Agrogay da Ulloa, unha celebración que ten como principal obxectivo visibilizar un medio rural afectivo e sexualmente diverso

26 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois dun tempo anunciándoo e de que distintos locais de toda Galicia puxeran á venda as entradas, chegou o gran día. Arranca o festival Agrogay da Ulloa, unha celebración que terá lugar no núcleo do pobo de Monterroso e na Granxa Maruxa, na parroquia monterrosina de Cumbraos. A vila rebenta con este festexo que ten como principal obxectivo o de visibilizar un medio rural afectivo e sexualmente diverso. Diferentes establecementos da vila expoñen dende hai uns días as bandeiras do orgullo gay e tamén do balcón da casa consistorial colga dende o mércores pasado o pano multicolor.

Ás sete desta tarde, cunha presentación do programa na praza de Monterroso, dará comezo a terceira edición deste festival que este ano leva por lema Son agrogay. Deseguido soarán as músicas en directo de Sofía Espiñeira e Os Modernos. Ao remate, sesión de dj para que a troula non pare e os asistentes bailen ata que xa non podan co corpo.

Tendo en conta a resposta da anterior edición e coas expectativas previstas para este ano, a organización decidiu ampliar a dous os días do festexo e limitar o aforo máximo a seiscentas persoas. «Desta volta queremos dar especial visibilidade á muller do medio rural, verdadeiro soporte dunha forma de vida e produción en íntima conexión coa terra. A todas esas mulleres anónimas e silandeiras que deron a súa vida e prestaron a súa sabedoría polo mantemento da vida rural», explican dende a organización, que puxo a disposición dos usuarios un autobús gratuíto dende diversos lugares de Galicia para que a xente poda desprazarse aos diferentes escenarios do festival. Os buses teñen parada en todas as provincias galegas. «Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo e A Coruña. O que vén de Santiago parará tamén en Palas de Rei», informan dende o certame.

Segundo día do festival

Está previsto que mañá sexa o día forte deste singular festival. Empezarán as actuacións ás 10.30 horas coa apertura de portas, ioga e feira de artesanía na Granxa Maruxa. Despois iniciaranse as diferentes actividades. Mesas redondas, teatro, contacontos, talleres, concertos e sesión de dj e entregas de premios integran o programa desta terceira edición.

En fin, unha iniciativa que ademais é unha clara aposta por amosar, defender e pór en valor principios como a sustentabilidade, o respecto polo patrimonio material e inmaterial e o ecoloxismo.