Ría de Muros, ao lonxe e de preto

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

GALICIA

29 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Andar o país permite coñecelo de lonxe e de preto e ter unha percepción dos elementos que compoñen o territorio. O mesmo que a boa arquitectura é a que mantén a calidade desde o debuxo construtivo ata o contexto urbano da rúa, as boas paisaxes son aquelas que soportan a mirada dende lonxe e na proximidade. En Galicia, ao lonxe, cando as curvas de nivel das potentes montañas se superpoñen nunha especie de penumbra orográfica e o sol escintila no mar, a fermosura do país é quen de atenuar mesmo as intervencións máis desafortunadas, que se revelan con crueza cando nos achegamos.

Entre todas as rías, a de Muros é tal vez o caso que mellor soporta a proximidade. Quizais teña que ver coa accidentada topografía pétrea, suavizada nestes días polos tons amarelos do toxo e a xesta, que non é doada para a expansión construtiva; ou coa sucesión de esteiros, praias e espazos protexidos, entre lagoas que secan no estío e praias longas dominadas polo perfil do monte Louro, con dobre xiba como a Despina de Italo Calvino. Estes factores, unidos á orientación e o clima e con algo de planeamento, evitaron danar unha natureza única.

Neste contorno poderíamos dicir que o territorio está case feito. Feito significa conter os recheos, as infraestruturas potentes, os parques eólicos, os paseos marítimos e pantaláns, e evitar actuacións intempestivas na liña de Outes, O Freixo, Esteiro, Muros, Louro, seguindo por Area Maior e Lariño deica Carnota e o macizo do Pindo.

Certamente, pódense mellorar as cousas cun bo mantemento que non precisa do paisaxismo activo. Completar a comunicación peonil entre Muros e Louro; liberar os cumes das cristas de eucaliptos que quebran o perfil da montaña contra o ceo. Hai cousas que non dependen da ordenanza nin da licenza, senón dunha atención especial: é imposible esixir ás compañías subministradoras que non fagan o que queren co cableado, que fragmenta as vistas? As mansardas mal interpretadas polos construtores locais rompen o plano dos faldóns das cubertas; as baixantes e canos, canto máis sinxelos mellor; as medianeiras son arquitectura e deben tratarse como tal; as cores cada vez máis rechamantes, cando os resultados óptimos se conseguen coas variedades do branco e pouco máis; a limpeza e almacenamento nos saídos; os peches, mellor vexetais, translúcidos e flexibles; e, tal vez o máis importante, o manexo da topografía cos movementos de terras, sobre todo nas implantacións industriais. Esoutras arquitecturas, ás veces esquecidas, non supoñen grandes custes, senón coidados dos que hai que previr os arquitectos, os propietarios e os munícipes.

Trátase de activar o máis prezado que temos: o país coa súa diversidade, territorio, paisaxe e patrimonio. Compatibilizar economía, sociedade e cultura, algo diferente do churrascrut que algún creativo espelido inventou para promocionar os voos de Lufthansa entre Galicia e Baviera.

Necesítase tempo para asimilar o país, tempo para que a natureza e a acción humana se concertan nun combate pacífico pola convivencia.