Ana Pontón: «É necesaria unha posición de país no reparto dos fondos covid»

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

G. Vázquez / R. Santamarta

Pasaron tres meses desde que o BNG fixo historia e colocou a unha muller no liderado da oposición en Galicia, no medio dunha pandemia que será a protagonista absoluta da lexislatura. Sobre a nova realidade falou Ana Pontón cos lectores de La Voz.

29 oct 2020 . Actualizado a las 12:46 h.

Raúl (A Coruña): En Andalucía quitaron o 100% das peaxes en moitas autoestradas. Na investidura o BNG arrancoulle un compromiso para a AP-9 de gratituidade ao Goberno. Agora só se fala dalgunha rebaixa. ¿Pode concretar cando se conseguirá a gratuidade da AP-9?

É un dos agravios do noso país. Nós asinamos un acordo de goberno e acabamos de ver nos orzamentos que, por primeira vez, recóllese unha rebaixa no prezo da AP-9. Sen ese acordo de goberno, non a habería. Esa é a utilidade dunha forza como o BNG. Gustaríanos que non houbera peaxe, por suposto, pero sen ese acordo, esta rebaixa non sería posible.

 Roberto (Santiago): Que lle parecen os presupostos do Goberno e que nota lle pon do 0 ao 10?

Temos que coñecelos con maior detalle. Para nós é importante que Galicia non resulte discriminada e imos traballar para iso. No medio dunha crise como a que vivimos é algo fundamental e para o BNG é prioritario, e máis importante que nunca, que se cumpran eses acordos. Aínda que hai outras moitas necesidades que temos que esixir, como reforzar a sanidade, a dependencia… Nós imos seguir pelexando no Congreso para que Galicia teña un trato xusto. 

 Iago (Vigo): O BNG aposta pola saída sur ferroviaria para a conexión en alta velocidade con Portugal?

É unha cuestión estratéxica. A ministra portuguesa falou da prioridade do eixo atlántico no seu deseño ferroviario e nós coincidimos con iso, porque para o noso desenvolvemento económico é fundamental.

  Marcos Montiel (Santiago): A situación da vivenda nas cidades galegas engade unha dificultade para afrontar esta pandemia, especialmente para a xente nova. Como afrontará o BNG esa lacra?

A Rede contra a Pobreza está a dicir que o prezo da vivenda é unha das principais vías de exclusión social, e nós estamos de acordo en que é un problema que hai que resolver. A Xunta non ten unha política de vivenda, non chegan a cen as vivendas públicas en Galicia, moi lonxe da media do Estado ou de comunidades como Euskadi. O problema é que hai pouca oferta de vivenda pública. E logo, a día de hoxe hai tamén un problema na hostalaría coas rendas que teñen que pagar no medio da pandemia. En Cataluña se están tomando medidas e nós temos que facelo tamén.

 Eugenio (Soutomaior): Cando esixirá ao Goberno de Madrid que pague a Galicia os 700 millóns que lle debe do IVE do 2019 e canto diñeiro solicitará o Bloque das axudas de Bruselas polo covid?

En referencia á débeda do IVE, o que lle temos reclamado á Xunta é que poña unha reclamación nos tribunais. Non entendo como o goberno galego di que hai unha débeda por parte do estado con Galicia e non a reclama nos tribunais, esa é a súa responsabilidade. Respecto do fondo covid, estou convencida de que estamos nun momento decisivo no que é fundamental que haxa fondos para a reactivación económica, e aí ten que contar cada euro e non podemos permitir que este fondo covid acabe sendo a repetición doutras historias que xa vimos, como se reparte dunha maneira discriminatoria para Galicia. A día de hoxe vemos como Andalucía, Valencia ou Madrid están poñendo sobre a mesa criterios de reparto que son prexudiciais para Galicia, como o peso poboacional ou a taxa de paro. Nós cremos que hai que poñer criterios que sexan representativos do noso país, porque nós temos, por exemplo, que facer fronte a unha transición enerxética, aquí vanse pechar dúas centrais cun impacto moi forte, e temos tamén unha fenda dixital, unha falta de tecido produtivo… Se temos en conta os criterios de distribución do fondo, o que non pode ser é que un país como Galicia acabe quedando discriminado. Preocúpame ver como o presidente Feijoo vai á conferencia de presidentes e non leva ningunha proposta que defenda os intereses de Galicia; é máis, di que non hai que facer un reparto territorial. Por que na UE se plantexa un reparto territorial e non no Estado? Pois ben, nós pensamos que é necesaria unha posición de país no reparto dos fondos covid onde poñamos sobre a mesa criterios para defender os intereses de Galicia, e tendo en conta a nosa realidade socioeconómica e demográfica deberiamos pedir que, como mínimo, o 9 % dese fondo covid viñera para Galicia, o que serían, aproximadamente, 12.600 millón de euros. E hai que reclamar que esta posición de país a defendamos todos en Madrid. Máis alá do que poidan opinar o PP e o PSOE, que haxa unha posición na que todos e todas nos comprometamos a que os deputados galegos defendan o mesmo aquí que en Madrid. Levamos reclamando este gran acordo a Feijoo que, inexplicablemente, non responde. En vez de defender a posición de Galicia, non sei que intereses está defendendo, pero desde logo, non os dos galegos e as galegas.

 Marta (A Coruña): Non pensa que ten que haber un límite de tempo para dedicarse á política e ter outra profesión?

Eu estou moi orgullosa de ter sido nestes anos representante dos galegos e das galegas no Parlamento, creo que a dedicación ao servizo público é unha cuestión importante e penso que hai que medirnos polos nosos actos, pola nosa dedicación e pola nosa coherencia e honestidade nos cargos.

  Rogelio (Brión): Cando pensa o BNG dar un paso cara o centro político, sabendo que  a dereita leva moitas lexislaturas ganando por maioria? Pensa seguir o BNG dependendo do PSdeG para gobernar algún día?

Agradezo o apoio nas últimas eleccións cun crecemento espectacular e estamos traballando, precisamente, para ensanchar esa base social e electoral do BNG, porque Galicia necesita un goberno que teña as mans libres para defender os nosos intereses. Polo que respecta aos acordos con outras forzas, eu creo que son os cidadáns os que deciden cando ten que haber pactos, e nós respectamos a decisión dos cidadáns porque, ademais, pensamos que iso é democrático.

 Xosé Manuel López (Teo): Que está a facer o parlamentario do BNG en Madrid con respecto a nova lei de educación, e concretamente para a eliminación da relixión dos centros escolares?

É unha lei que se está debatendo agora e nós temos presentado máis de cen enmendas, e unha delas fai referencia a iso, porque cremos na laicidade no ensino e porque parece lóxico que eses profesores non os teña que pagar o erario público.

 Celia López Sánchez (Vigo): Por que a atención primaria non está funcionando presencialmente como antes da pandemia?

É a pregunta que lle levamos feito a Feijoo nos últimos tempos e non obtivemos resposta. A telesanidade non pode ser o futuro e paréceme gravísimo que se estea aproveitando unha pandemia para levar adiante unha nova volta de torca nos recortes na sanidade pública. Nos preguntamos por que podemos ir tomar algo coas amizades e non podemos ir ao médico cando estamos enfermos. Creo que se cometeu unha grande irresponsabilidade ao non ter reforzado a atención primaria na que estamos a ver todos os días uns profesionais que están exhaustos. Nós propuxemos xa en xullo unha reforma da atención primaria e dixemos que había que reforzala con 200 millóns de euros, e preguntámonos por que non se fixo. É unha irresponsabilidade que non se tomaran medidas nin se aprendera da primeira onda da pandemia. Sete meses despois estamos na mesma improvisación e coa mesma falta de medios. O nivel de esixencia non pode ser só para a cidadanía, tamén co goberno hai que ser esixentes, e unha das principais esixencias é o reforzo da atención primaria.

 Ángel Carril (Arteixo): Cando se porá enriba da mesa a redución drástica de concellos en Galicia?

Non creo que o problema de Galicia sexa de número de concellos, creo que ese é un debate falso. De feito, se vemos Cataluña ou Castela-León, ten moitísimos máis, duplica os de Galicia. O problema que temos é de financiamento, o que é moi grave é que esteamos recibindo 50 euros menos por habitante que a media do Estado, porque iso si que dificulta a prestación de servizos. O que temos é que cambiar ese modelo de financiamento que discrimina os concellos galegos, e camiñar para que haxa un financiamento estable e un bo funcionamento dunha Administración que eu creo que é moi importante, e que ademais xoga un papel clave nun país con tanta dispersión poboacional como é Galicia.

 Panchito (Boiro): Síntese orgullosa da súa foto con Bildu e ERC e da súa coalición co BNG para as eleccións europeas de 2019? Faríao de novo?

Eu síntome moi orgullosa do traballo que estamos facendo desde o BNG en Europa, coa nosa representante, a eurodeputada Ana Miranda. Grazas a esa coalición, Ana Miranda está facendo unha labor fundamental á hora de darlle voz aos intereses da sociedade galega. Creo é lóxico que o BNG teña relación con outras forzas democráticas do ámbito do nacionalismo e que son democráticas. Co que non estou de acordo é con que se trate de criminalizar a certas organizacións, con independencia de que se lles vote ou non.

 Carla Seijas (Mugardos): Por mor da pandemia, que impediu facer moitos actos, non estaría xustificado prolongar a homenaxe a Carvalho Calero ata o 2021?

Coincido con Carla. De feito, o BNG xa o ten proposto e o temos trasladado á propia Academia, que nos parecería oportuno que no ano 2021, Carvalho Calero sega a ser a persoa homenaxeada, porque é certo que este ano foi unha distorsión tamén para poder celebrar o Día das Letras e espallar unha figura clave na nosa cultura.

  Rosa (Carballo): Non cre que se necesita investimento na sanidade, pero tamén máis control no traballo que fan os profesionais?

Temos que recoñecer o inmenso traballo dos profesionais que se deixaron o pel nesta pandemia e reclamar máis medios e máis recursos para que poidan traballar. Precisamente, La Voz de Galicia publicaba estes días que faltan case mil médicos en Galicia, e non é porque non os haxa, senón porque marcharon fóra, porque non tiveron unha oportunidade a través do mir. Necesitamos defender a sanidade pública, e menos mal que a temos, porque onde non é a hai, a situación é dramática. Pero tamén vimos na pandemia as carencias, no ámbito da atención primaria e hospitalaria, e insisto en que é importante que Galicia conte cun plan de reforzo da atención primaria, porque lamentablemente estamos vendo nesta segunda onda da covid que imos pasar por momentos moi difíciles e que é un erro grave non telo feito. Aínda está a tempo o goberno de Feijoo de levalo adiante e nós animámolo a que rectifique neste ámbito.

  Xavi R. (Dublin, Irlanda): Gustaríame saber si é posible levar unhas políticas similares ás de Irlanda para atraer empresas. Ten Galiza capacidade para baixar o imposto de sociedades? ¿Parécelle unha boa medida ou ten unha alternativa o BNG?

Temos pouca capacidade no ámbito fiscal, pero creo que Galicia si ten capacidade para atraer empresas. Galicia necesita industria e creo que, cos fondos covid, temos unha oportunidade para cambiar o modelo produtivo. Pero se o final o fondo covid vai servir para que as grandes multinacionais e as grandes empresas se repartan a maior parte desta tarta, veremos como se repiten os erros do 2008, cando salvouse a banca á costa da maioría social. Agora parece que se queren salvar as grandes multinacionais e as empresas do IBEX e deixar tirada a pequena e mediana empresa, que é fundamental. É necesario un plan para a pequena e mediana empresa, pero tamén que este fondo se xestione con transparencia, porque sei de empresarios e empresarias que se preguntan cando se abre o prazo para presentar proxectos, a que ventaniña hai que ir… O que non pode ser é a opacidade coa que se está xestionando este fondo covid e que non haxa un prantexamento de futuro. Temos un potencial enorme na industria, no sector do mar, no sector eólico e temos que xerar traballo aquí, que non se deslocalice. Fagámolo! Temos un potencial enorme no ámbito da investigación. Por que non destinar unha parte dese fondo para que Galicia sexa unha potencia nese ámbito, que é un dos piares básicos no cambio de modelo económico? Porque é evidente que necesitamos unha economía verde, unha economía sostible e, ou subimos a ese tren, ou quedamos atrás, e lamentablemente vexo que, ata o momento, non hai un impulso suficiente, e tamén me preocupa a opacidade coa que se está xestionando todo que ten que ver co fondo covid.

Sofía (Santiago) Que lle parece que en plena pandemia o soldo dun parlamentario en Galicia sexa, como mínimo de 50.000 euros ao ano, mentres que o salario medio dun médico do noso país non chega a esa cantidade?

Creo que os nosos profesionais teñen que estar ben retribuídos, que hai un problema moi grave de pobreza e diferencia social no noso país, pero precisamente, a arma que teñen as persoas que queren cambiar as cousas, que queren cambiar a sociedade, é a política. Os grandes empresarios non necesitan que os defendan para saír adiante, pero os traballadores e as traballadoras, si. É importante que no ámbito público haxa persoas que poidan facer ese traballo. Agora, por exempo, estamos traballando no Parlamento nunha comisión de reconstrución económica do país, para escoitar á sociedade e poñer as bases dun novo modelo,para que desde o Parlamento tamén arrimemos o ombro. Desde o BNG imos facelo con rigor e responsabilidade nun momento tan duro como este.

David Rivas (Baiona): Son sanitario, enfermeiro. As condicións de traballo lévanme a pensar en abandonar a profesión. Que pode facer vostede e a organizaciòn por nós? 

David está retratando un día a día que é moi difícil para os traballadores da sanidade. Non é xusto que non coidemos como debemos ás persoas que nos coidan. Por exemplo, o colectivo Enfermeiras en loita vai estar nesa comisión de reconstrución para escoitar o que din e cremos que debemos chegar a un acordo, por exemplo, para convocar 6.000 prazas vacantes no Sergas.

 Javi Mogo (Burela): Que queda de aquela Ana que estudaba Ciencias Políticas e tiña de profesores a Pedro Puy e Barreiro Rivas? Recomenda á rapazada e mesma carreira?

Non lle vou dicir a ninguén que ten que estudar, porque é moi persoal, pero para min foi unha etapa moi bonita, os licenciados en Ciencias Políticas temos un labor importante que facer e logo, a nivel persoal, eu creo que aínda que se vai madurando co tempo, eu son a mesma persoa e cos mesmos valores; iso si, con mais experiencia e responsabilidade.

 Ramón (Carballo): Non cree que si a posición do Bloque fora máis parecida á do PNV, tería más rédito político?

Sorpréndeme iso cando acabamos de triplicar o número de votos. Creo que o BNG, honestamente e con todo o respecto para outras formacións como o PNV, representa a defensa dos intereses dos galegos.

  Gonzalo (Vilalba): Está de acordo coas plantacións de eucaliptos? 

O que me parece desolador é que a política forestal estea condiconada por unha empresa como Ence cando o monte galego ten un potencial enorme. As masas de cultivo de eucalipto ameazan os montes e os poñen en risco de incendios, e nós pensamos que outro monte é posible e que é necesario crear tamén industria de produción, porque a sustentabilidade do noso medio ambiente é outro dos nosos retos.

  David Cabello (Carballo): Cre posible eliminar a sangrante peaxe da autopista A Coruña-Carballo e unha liña de tren de cercanías que conecte a costa?

Coincido en que a Costa da Morte ten un problema de infraestruturas, e que hai que eliminar esa peaxe que lastra o seu desevolvemento económico. Solicitámolo varias veces no Parlamento e imos solicitalo de novo. E respecto do tren, hai moito interese no tren a Madrid e temos que pular tamén por un servizo de ferrocarril galego que se modernice e permita conectar as nosas vilas galegas. O Estado ten que invertir no tren, e a Xunta ten que crear unha compañía ferroviaria galega propia, que ademais está recollido no Estatuto.

   Xosé Currás (Moaña): Estaría o BNG preocupado pola aparición emerxente dun novo partido nacionalista, de idea de centro ou centro esquerda, formado por ex-militantes, alguns deles cargos ou antigos cargos dos governos locais, provinciais ou nacional do BNG e xente sen militancia anterior? 

Eu o que defendo é que a cidadanía ten dereito a autoorganizarse e a pluralidade política é un valor, nunca vai ser unha ameaza para ninguén.

Jose (Ourense): Son conscientes no seu partido de que si se alonxaran máis do independentismo poderian gañar moito voto cansado dos dous partidos de sempre, PP e PSOE?

O BNG é unha forza con capacidae para representar a cidadáns cunha liña política distinta, e imos traballar para ensanchar esa base e que dentro de catro anos haxa un cambio de goberno en Galicia que nós cremos imprescindible.

 Iván (A Coruña): Podería citar 3 referentes políticos? De Galicia, outro a nivel nacional, e outro a nivel internacional.

No ámbito intenacional, José Mujica, que ademais tiven a ocasión de entrevistarme con el e admíroo moito. No Estado paréceme moi interesante Mónica Oltra, e a nivel galego vou facer unha aposta por unha persoa do ámbito do BNG como é Rubén Arroxo, o noso portavoz municipal en Lugo.

  Pancho (O Carballiño): Con cal dos dous partidos que integran o goberno español (PSOE e Unidas Podemos) se sinte o BNG máis cómodo interlocutando?

Sentímonos cómodos tanto co PSOE como con Podemos, e pensamos que é a nosa obriga facelo, nunca entendería a política sen o diálogo entre as forzas, esa é a nosa responsabilidade.

  Carlos (Emigrado a Alemania): Ola Ana, que propón o BNG para facilitar o retorno dos emigrados? 

Moi complicada a pregunta. Temos prantexado un plan de retorno, pero é importante mellorar as condicións de vida en Galicia, porque esa é a mellor alternativa para que a xente volva.O problema demográfico non se soluciona con políticas natalistas senón con mellores condicións de vida.

Rober (Outes): Este ano, en plena pandemia, cunha conectividade moi deficiente no rural, están sendo publicados moitísimos proxectos eólicos. A utilidade pública que se lles otorga fai posible a expropiación e é un arma que utilizan as empresas para coaccionar e ter un prezo ridículo polo chan. A tecnoloxía fai que os muíños acaden cotas de máis de 200 metros, pero síguese permitindo polos a 500 metros de núcleos de poboación, sobre paisaxes emblemáticos como as salgueiras, ou enriba dunha concentración parcelaria como en Outes. Porque non paralizan momentáneamente estes proxectos ata adecuar a lei? 

Non coñezo ese caso en concreto. Nós defendemos que a enerxía eólica ten que ter cabida no noso país, pero non en calquera sitio nin en calquera circunstancia ou condición. Ten que haber un retorno social, non pode imposibilitar o desenvolvemento de outras actividades e non pode ser en calquera lugar. Por exemplo, non na Rede Natura. E logo, que non acabe servindo para que as grandes eólicas fagan negocio, ten que haber un retorno para o país. Hai que cambiar o modelo.

Lorena (Cangas): Vaise integrar o grupo de Mariano Abalo e Alexandra Fernández como corrente no BNG?

Esa é unha pregunta que non me corresponde contestar a min. Que Alexandra Fernández se teña sumado ao BNG é positivo, porque é unha persoa cunha grande valía e que representa un plus para o nacionalismo.

Juan (Ourense): De que lle gustaría traballar se non fose deputada?

Hai moitos ámbitos nos que me gustaría traballar, pero sempre digo que un deles é a xestión cultural, e os nosos creadores están pasándoo moi mal e é necesario máis axudas para non deixar caer a cultura.

 Galizaceive (Becerreá): Que opina de Resistencia Galega? No pasado fixo vostede declaracións pedindo actuacións policiais e xudiciais contra eles. Manteno agora que se está xulgando a xente por enaltecemento dese grupo?

Non coñezo Resistencia Galega, pero desde logo, o BNG rexeita calquera forma de defensa das ideas que non sexa a través da palabra, pero tamén teño a sensación de que hai un interese, neste caso, de criminalizar ideas, e iso non o comparto.

Óscar (Vigo): Teñen conversas con Anova para reintegralos no BNG agora que fracasou a súa alianza coa esquerda estatal?

Non, a verdade é que non.

Miguel Neira (Vigo): Cal é a súa opinión e propostas en canto á situación das actividades culturais neste momento, e en especial con respecto á situación da Orquestra Sinfónica de Galicia?

Descoñezo a situación concreta. Como criterio xeral, hai que ver como lle damos apoio aos creadores. A TVG debería ter un programa para darlles soporte. Este, como outros, é un tecido económico que, unha vez que cae, e moi difícil levantalo. Precisamos un plan para desenvolver actividades culturais de forma segura.

Antonio (dende o mar, no Océano índico): Para cando vai poder exercer o dereito ao voto a xente do mar?

Esa é a pregunta que non levamos facendo nos últimos 30 anos: Que se teña articulado o voto mesmo para os astronautas e non podan votar os mariñeiros.... Pedímolo ata a saciedade e esperamos que haxa sensatez, porque hoxe en dia sería posible facelo. É unha exclusión democrática duns cidadáns que fan un traballo moi duro e fundamental para que nos alimentemos. É de xustiza facelo.

Mercedes (Lugo): Vacina á súa filla?

Si claro, e póñolle vacinas que non están no calendario. Penso nas personas que non poden pagalas e por iso deberían estar no calendario. As vacinas son fundamentais e, neste momento, máis, e tamén é necesario que a Xunta solucione este problema de improvisación, de que non haxa suficientes doses.

Isabel (A Coruña): Pensa que as personas con dependencia teñen dereito a que lles paguen máis en vez de andar a subirlles o soldo aos ministros e concelleiros?

Non hai que baixar os salarios a ninguén, e espero que non se repita o do 2008. No Parlamento non estamos a subir os salarios, iso quero aclaralo. E por outra banda, temos unha lei de dependencia que non está ben desenvolvida, e o Estado debe a Galicia 200 millóns en dependencia desde o goberno de Mariano Rajoy, e ten que resolverse esa débeda.

 Investigal-Rede Galega pola Investigación (Santiago): No seu programa levaban varias iniciativas para mellorar a situación da investigación e a ciencia e aumentar o investimento. Cales serán as primeiras que intenten propoñer no Parlamento?  

Temos introducido o debate e veremos nos orzamentos se hai unha aposta real. Temos denunciado que non se renovaran as bolsas para os investigaores, porque sen ciencia e sen innovación non temos futuro, e hai que acabar coa precariedade deste sector. Cando vexo ese esforzo que están a facer os investigadores por 1.200 euros ao mes… Non pode ser, tedes o noso compromiso de que imos loitar por iso.

 Manuel de Castro Rego (Barreiros): Non cre vostede que o BNG fixo historicamente un discurso excesivamente victimista? 

Non. Quen me coñeza saberá que máis que victimismo, nós facemos un discurso de país e con alternativas, con humildade pero con orgullo de ser galegas.

 Lorena Álvarez  (A Coruña): Que lle parece que a Xunta decidira seguir cos procesos selectivos de miles de persoas e teña a todos os opositores preocupados polo risco que iso implica? Non debería paralizar eses procesos ata que remate o estado de alarma?

Sería importente un posicionamento do comité clínico para saber se son seguras esas probas ou non. Están a dicirnos que expandimos o virus e estes procesos concentran unha cantidade de xente moi importante. O lóxico sería ter un posicionamento cientifico.

 Noelia González Varela (Lugo): Se dentro de 4 anos o BNG tivera a maioria, cales serían as primeras medidas que cambiaría?

Sería iluso dicir o que vamos facer dentro de catro anos. Eu podo falar do que vamos facer agora, e fago tres reflexións: A primeira, que os gobernos teñen a obriga de de anticiparse. En marzo non sabiamos o que era a covid, pero agora si, e non houbo previsión nin anticipación, e o que houbo foi improvisación nos colexios, e non se garantiu a educación dos que teñen que quedar na casa. Por outra banda, reforzar a atenión primaria, como é posible que non teñamos un número suficiente de rastrexadores? E por último,o que pasa nas residencias. Como é posible que nesta segunda onda non se teñan blindado as residencias logo de saber o que pasou na primera. Seguimos sen tomar medidas despois de que 20.000 persoas acaparen o 45 % dos falecementos? A Xunta ten a obriga de anticiparse a o que cremos é que hai que intervir as residencias e que os nosos maiores non se sintan sós. A cuestión non é o que vamos facer dentro de catro anos, é o que vamos facer agora.

  Lucía Fernández (Madrid): Son unha galega que ten que vivir en Madrid porque en Galicia non hai traballo para moitos de nós, que medidas proporía o BNG para a creación de emprego cualificado en Galicia? Cree Ana Pontón que Galicia esta suficientemente industrializada?

Mando un saúdo a toda a xente da emigación. É un problema que marche tanta xente e temos que traballar polo retorno, pero para iso, Galicia necesita darlles postos de traballo, necesita industria, temos que apostar pola ciencia e a innovación e ter un proxecto de país que aposte por ese cambio, e non un goberno que está instalado na propaganda. Este país necesita un goberno que traballe polo futuro de Galicia.

 José (Lugo ): Como lucense quería preguntarlle pola autovía Santiago-Lugo e as xestións que fai o BNG o respecto.

Tamén como lucense son das que digo que iso é un gran agravio para Lugo. Cando tiña 18 anos vin estudar a Santiago e xa se falaba desta autovía. Imos presionar en Madrid para que teña financiamento e se acabe. Pero Lugo tamén necesita tren, o interior de Galicia necesita servizos e comunicacións dignas.