Nuno Pico, músico de Grande Amore: «De neno quería ser Sherlock Holmes»

GALICIA

Pilar Canicoba

O cantante e compositor di que compón en galego porque é no idioma que pode expresar mellor como se sente, e cre que non é unha barreira para a súa música: «Este ano case temos máis concertos fóra de Galicia que aquí»

22 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Detrás de Grande Amore, un dos grupos máis laureados pola crítica especializada neste momento e que xa no 2022 gañou o Premio Martín Códax á mellor música electrónica, está Nuno García Pico, Nuno Pico (O Valadouro, 1995). Un rapaz tan tímido como espontáneo no que van da man o neno que medrou sen outros nenos no lugar do Chaíño, parroquia de Frexulfe, devorando cómics e libros de aventuras, vendo películas ou escoitando os discos de súa irmá —que lle leva 12 anos—, co artista que triunfa en escenarios de toda España, que en marzo actuará en Bruxelas, que acumula centos de miles de descargas en internet ou que sona a cotío en Radio 3 con II, o seu segundo disco (Ernie Records). Unha charla con el no Asadoiro Cambota de Ferreira, propiedade do seu padriño, pasa nun tris e recarga de boa enerxía as pilas de calquera.

—Como definiría a súa música?

—É punk con instrumentos electrónicos, non con guitarra, baixo e batería. É unha música rara, bastante indixesta, pero que, como o picante, pódeche gustar. Ás veces, cando me preguntan isto, dinme que a vendo mal, pero penso que a xente conecta máis coa música á que chega por si mesma que coa que lle intentan colar con márketing.

—Que teñen de autobiográfico letras de temas como «Esta pena que a veces teño», nas que a angustia vital se mestura e se transforma en ganas de gozar?

—Moito, porque esas dúas realidades conviven en min. No meu día a día, na miña vida interior, son moi angustiado, moi preocupado, atorméntome sempre. Sempre fun moi así. Pero logo tamén son extravertido, gústame rir e pasalo ben e dalo todo sobre o escenario, por exemplo.

—Por que compón en galego?

—Non vou compoñer en castelán ou en inglés porque para expresar o que sinto non me manexo neles como no galego. Sempre me gustou moito xente como Patti Smith ou Bob Dylan, e neles a letra ten moita importancia. Facer a letra para min ten moito peso, e o galego é o idioma no que mellor me manexo. Se escribise libros faríao en galego, e se atendese unha panadería atenderíaa en galego.

—Supón o idioma unha barreira?

—Penso que non, porque este ano, por exemplo, temos case máis concertos fóra de Galicia que aquí. Máis que a barreira do idioma, a barreira pona a música que fago en si, que é rara. Eu ía no bus do colexio escoitando a Dire Straits sen entender nada do que dicían, e gustábame...

—Con que soñaba de pequeno?

—De neno quería ser Sherlock Holmes. Lía os seus libros e pensaba: «Isto é o que fai un policía municipal, seguro» [sorrí]. Co tempo fun cambiando e cando empecei a tocar a guitarra, con 15 anos, vin que era o que realmente me gustaba.

—E logo cambiou o fútbol pola música...

—Si. Empecei a tocar o saxo obrigado por miña nai con 13 anos na Banda de Burela porque quería que me cultivase como persoa. Eu non quería, porque era dos que ían a fútbol, e os dous primeiros anos ía a clase de música por onde sabía que non estaban os de fútbol porque non quería que me visen...

Nuno Pico, en un momento de la entrevista
Nuno Pico, en un momento de la entrevista PEPA LOSADA

—Cando chegaron os grupos?

—Levo tocando en grupos con colegas desde os 15 anos: O Golpe, Escolma... Oh! Ayatollah, co que haberá un novo proxecto. E agora estou en Grande Amore con María Grep e Clara Redondo.

—Que é o mellor da etapa actual?

—Dedicarme ao que me apaixona. De pequeno tamén me gustaban moito os libros de Julio Verne e pensaba: «Como será a vida desta xente, sempre dun lado para outro pasándolle cousas?». Non é que eu vaia facer unha viaxe ao centro da Terra, pero ensaiar, ir no coche tocar a Huesca, a Barcelona..., logo volver... tamén é unha aventura na que atopas personaxes pintorescos.

—E o peor?

—Todo na vida ten unha peaxe, e nesta tes que renunciar a todo o demais. Pasas pouco tempo coa familia, cos amigos... Tes unha vida de feirante, deslocalizada, con horarios moi cambiados... Botas poucas raíces en cada sitio, e supoño que a longo prazo é o que a moita xente lle fai deixar un tipo de vida moi sacrificado a nivel humano.

—Que escoita habitualmente?

—Normalmente rock, aínda que pola música que fago non o pareza. Led Zepellin, Motorhead, Patti Smith... Non podería vivir sen música.

—Gústalle a verbena?

—Claro. Medrei indo ás orquestras das festas de Burela ou do Santiago de Lagoa. Na miña xeración xa non hai a distinción de antes de que os rapeiros só escoitaban rap, os metaleiros, metal...

—Que agarda do futuro?

—Se a miña carreira se mantén así, estarei contento. Facer o que me apaixona é o mellor.

E para rematar...

1. Que non pode faltar na súa casa?

Pomadas de efecto calor porque nos concertos salto moito e dou moitos golpes.

2. Que titular lle gustaría ver abrindo La Voz de Galicia?

Que todos os bos músicos son boas persoas.

3. Un día que non esquecerá?

O primeiro concerto que dei, en Burela, co grupo O Golpe.