Os arrieiros celtistas da Estrada atópanse en Balaídos

GRADA DE RÍO

CEDIDA

Un grupo de afeccionados poñen en marcha unha nova peña do Celta para «dinamizar o celtismo» na localidade

05 mar 2024 . Actualizado a las 09:44 h.

Un novo proxecto celtista está a dar os seus primeiros pasos na Estrada, localidade de gran tradición celtista. Alí xa había unha peña que foi perdendo actividade e un grupo de antigos membros da mesma decidiron tomar a iniciativa e crear unha agrupación desde cero. «Somos dunha vila celtista e queremos que iso teña continuidade. Pretendemos dinamizar o celtismo aquí», di Ero Torres, un dos impulsores da nova peña, que aínda non é oficial nin ten sede física, pero xa está en proceso de darse a coñecer e captar membros non só da Estrada, senón tamén do resto da comarca.

A idea que teñen é, precisamente, xuntar ao máximo de afeccionados posibles que simpaticen co Celta. «Somos dez e a primeira idea é poder organizar viaxes a Balaídos. Agora imos coa peña de Cuntis, pero queremos xuntar máis xente», sinala. Sabe que o feito de estar a 80 quilómetros é un obstáculo complicado para algúns, especialmente no plano económico. «Dispoñer de medios non é fácil», lembra.

Torres ten 31 anos e di ser dos máis vellos entre os novos peñistas, o que dá unha idea de que hai canteira de celtismo no municipio. «Estamos abertos a quen queira sumarse para tirar adiante entre todos», comenta. Esperan ir formando unha base e, de cara á vindeira campaña, converterse en peña oficial. Están en Twitter (@arrieiros1923) e Instagram (@arrieiroscelestes) e o seu enderezo electrónico é arrieiroscelestes@gmail.com

E de onde vén o nome? En primeiro lugar, apostaran por outro, pero déronlle unha volta e Arrieiros Celestes pareceulles o ideal. «Agora fálase moito do Camiño de Santiago desde Braga a Compostela, que pasa pola Estrada, e o primeiro que temos que facer é mirar pola comarca e darlle publicidade. Tamén pensamos outras relacionadas co salmón ou a rapa das bestas, pero decantámonos por esta», conta. Xa teñen lema: «Arrieiros somos e en Balaídos nos atoparemos».