Raimundo Viejo: «Syriza non ten a máis mínima capacidade para romper con Europa»

INTERNACIONAL

PACO RODRÍGUEZ

Cre que a troika negociará con Grecia, que vaise centrar na política interna

28 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Syriza necesita impulsar cambios no seu país e para iso precisa alianzas, incluso coa troika, coa que non ten capacidade para romper, pero si para renegociar a débeda. Así interpreta o futuro inmediato de Grecia o galego Raimundo Viejo (Vigo, 1969), politólogo que está detrás da xestación de Podemos e que imparte Teoría do nacionalismo e Movementos sociais na Universidade de Xirona.

-¿Como analiza o trunfo de Syriza en Grecia?

-Un feito histórico. É a primeira vez dende a Segunda Guerra Mundial que é referente dun cambio político a nivel estatal un partido de esquerda que non é de obediencia socialdemócrata.

-¿Qué vai facer Tsipras? ¿Romperá con Europa?

-Nin de broma. Grecia é só o 2 % do PIB europeo. Syriza non ten a máis mínima capacidade para romper con Europa. Necesita impulsar cambios no seu país e para iso precisa alianzas, ter unha capacidade brutal de pragmatismo nestes intres. O que vai mirar a xente alí é se aparecen máis comedores para nenos, se sube o salario mínimo. É dicir, como se cumpre o programa de emerxencia. Syriza vai ser analizada por iso, non polo seu pulso con Europa. Se a renda básica pasa de 300 a 500 euros, a xente dirá que é estupendo. Pero se non... Todo vai pasar pola política interna.

-¿Que sucederá entón co antieuropeísmo declarado de Tsipras?

-O programa de Syriza é moi pragmático. Fala de reestruturación da débeda, pero non di nada de saír do euro. Ademais, unha cousa é o contexto electoral, e outra, como te apañas e negocias.

-¿Non cre entón que poña en perigo o crédito da débeda?

-Sería un suicidio renunciar a el, ir directos a unha autoorganización, a unha especie de Cuba. E nin sequera podería, porque está integrada no euro. E esta xente non calcula a irreversibilidade do proceso. Do euro non se sae, porque é un sistema de circulación de capitais. Os euros alemáns, por exemplo, non existen. Están circulando pola eurozona.

-¿Haberá renegociación entón entre Grecia e a troika?

-A dos intereses da débeda, porque despois das inoperantes receitas da troika, mellorar a situación interna de Grecia é doado, e redistribuír a renda, sinxelo. Penso que Europa vai ceder niso, aínda que a ver cando e como. Pero un Estado ten unha capacidade de negociación inmensa, e se non se busca unha saída para Grecia vai medrar o sentimento de que non hai saída dentro da UE.

«¿Quen vai ser o guapo que se poña ao lado dos neonazis por votar contra Tsipras?»

Raimundo Viejo non ten claro que a vitoria de Syriza se reviva con Podemos en España.

-Son procedementos electorais diferentes. Co sistema de maiorías de España podes ter as enquisas favorables que ti queiras, pero non valen de nada se non me dis como se reparten os votos, porque non é igual telos en Madrid que en Huesca. Para que venza Podemos, as diferenzas co PP nesas enquisas terán que ser de 12 puntos. Se non, nin de broma.

-¿Que lle parece a alianza de Syriza con ANEL?

-É unha cuestión de investidura e sen implicacións políticas, máis nada; procedemento parlamentario. Tsipras ten un Goberno cunha maioría moi folgada que pouco vai necesitar doutros escanos. ¿Quen vai ser en Grecia o guapo que se poña ao lado dos neonazis por votar contra Tsipras? A alternativa opositora pasa pola extrema dereita, esa é a clave. ¿E que saca ANEL? Pois visibilidade.