¿Que vai pasar agora cos traballadores galegos no Reino Unido?

JESÚS VÁZQUEZ FORNO

INTERNACIONAL

Algo máis de 8.000 galegos están rexistrados no Consulado Xeral de Londres, aínda que esa cifra podería duplicarse se se engaden os non rexitrados

27 jun 2016 . Actualizado a las 12:47 h.

O mesmo día do referendo chegou en avión de Londres un amigo meu que veu pasar estes días de San Xoán. De orixe fisterrá, arquitecto, marchou a Inglaterra hai cinco anos buscando unha oportunidade que aquí non atopaba, e deseguido comezou traballar como camareiro. Aínda que deixou o currículo na oficina de Norman Foster tivo que conformarse con entrar nunha empresa portuguesa de construción na que fai un pouco de todo segundo me comenta pero alomenos traballa en algo de seu. Hy mate! (¡ola compañeiro!) púxome nunha mensaxe e fomos despachar unha boa ración de sardiñas. 

Coma o meu amigo, algo máis de 8.000 galegos están rexistrados no Consulado Xeral de Londres, aínda que probablemente esa cifra se duplique se engadimos os non rexistrados. En termos absolutos é o primeiro destino da emigración española -máis de 200.000-, o que se explica non só polas oportunidades laborais, senón polo atractivo que supón a aprendizaxe do inglés para a xente moza, con estudos universitarios.

Actualmente a Gran Bretaña presenta cifras históricas próximas ao pleno emprego, xa que o pasado mes de abril baixou a cifra de desempregados ao 5 %. Ademais, segundo o portal da Rede Eures, é, despois de Alemaña, a que concentra maior demanda de forza laboral en Europa. Con estas perspectivas, sumando un crecemento do PIB por riba do 2 %, é evidente o seu interese por garantir a mobilidade dos traballadores e os fluxos migratorios necesarios para soster o crecemento, constituíndo o seu estado de bonanza un evidente efecto chamada.

Fluxos migratorios si, máis non avalanchas. Velaí o sentimento inconformista da poboación inglesa que votou polo brexit: nos últimos dez anos moreas de inmigrantes procedentes doutros territorios da Unión se asentaron nas illas británicas e buscaron emprego sen trabas legais causando importantes turbulencias no seu mercado interno. 

Coa ampliación da UE no 2005 aos países do Leste, o Goberno británico estimou en 20.000 os polacos que chegarían ao seu país. Foi un grave erro de cálculo: emigraron centos de miles. Despois cando Rumanía e Bulgaria entraron na UE, fixeron todo o posible por disuadilos, poñendo trabas ao acceso aos benefits (axudas estatais) e explicando que en Inglaterra non se vivía tan ben como lles parecía. Nin con esas foron quen de frear a chegada de entre trinta a cincuenta mil inmigrantes anuais deses países. 

Nese contexto producíronse tensións coas institucións comunitarias que demandaban a aplicación sen restricións do artigo 45 do Tratado da UE sobre o principio fundamental da libre circulación dos traballadores e a equiparación de dereitos; e por outra, a nivel interno, as loitas co Partido para Independencia de Gran Bretaña (UKIP) que gañaba adeptos entre as clases traballadoras inglesas, descontentas coas políticas de recortes e desigualdade do Goberno e a forte competencia de estranxeiros dispostos a traballar por salarios máis baixos e disfrutar dos mesmos benefits. 

¿Cal pode ser o resultado deste proceso tralo referendo? O mandado dos electores é claro: restrición do acceso dos traballadores inmigrantes europeos e dos seus familiares ao mercado laboral da Gran Bretaña, así como da protección que se lles dispensa mediante os benefits. Non obstante veremos qué sucede nas futuras negociacións e se a ambas partes son capaces de acadar un modelo privilexiado de circulación de traballadores que atenúe esta involución como existe por exemplo con Suíza. En todo caso o que si quedarán garantidas serán as cotizacións xa feitas polos traballadores migrantes segundo a actual Reglamentación Comunitaria e no futuro se substituirán por acordos de reciprocidade. 

Jesús Vázquez Forno é director da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña.