José María Monterroso: «Uruguai está moito mellor que os seus veciños»

JULIO Á. FARIÑAS REDACCIÓN / LA VOZ

INTERNACIONAL

XULio á. fariñas

O escritor uruguaio é un incansable investigador da xenealoxía das familias galegas que, dende o século XVIII, enraizaron na Arxentina e no Uruguai

29 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

José María Monterroso Devesa, escritor, poeta, xestor cultural, pianista e apaixonado pola filoloxía e a onomástica, é un incansable investigador da xenealoxía das familias galegas que, dende o século XVIII, enraizaron na Arxentina e no Uruguai. É un dos fundadores da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega da Lingua, coautor de O galego hoxe, publicado no ano 1978 pola Biblioteca Galega, que está a preparar a súa reedición. Desde que se xubilou como funcionario de Facenda, pasa a metade do ano en Montevideo e a outra na súa Coruña natal.

-Que papel xoga Uruguai no contexto desta América?

-Como país pequeno, practicamente non ten incidencia política en América Latina. Ten máis influencia filosófica. Uruguai tiña, e sigue a ter, un nivel cultural moi grande, dicían que era a Atenas de Sudamérica, que influía dende o punto de vista da literatura e sobre todo no pensamento, pero non politicamente, polo seu tamaño minúsculo, en medio de dous xigantes, como Arxentina e o Brasil. Hai unha escola historiográfica que considera que foi un país creado entre Arxentina e Brasil, como nin teu nin meu, unha terra de ninguén.

-Veo así?

-En parte é certo, porque con Brasil non tiña unha fronteira natural, Uruguai era propiamente parte do seu territorio. Da Arxentina sepárano o río da Plata e o río Uruguai. O ser nin teu nin meu, houbo un certo consenso entre estas grandes potencias. Pero tamén había un fenómeno que encarnou Artigas, que era a sensación de singularidade forte do oriental. Iso levou a que Uruguai formase un país moi dependente economicamente dos dous xigantes. Isto se reflicte hoxe no fenómeno do Mercosur, no que tanto Paraguai coma Uruguai son os países mais pequenos dun órgano moi desequilibrado.

-Pero tamén parece un referente democrático na rexión.

-Xeopoliticamente e un exemplo de boa política internacional. Certamente, a súa é a unha democracia exemplar. É un país moi avanzado en temas coma o laicismo, o divorcio, os dereitos sociais e sindicais e no ensino, que é gratuíto.

-Como describiría o país agora?

-Podo dicir que, con vento a favor, na década 2004-2014, rexistrou unha mellora importante na súa economía e soubo distribuír bastante ben a riqueza que entrou. Os Gobernos de esquerda deses anos fixeron moito fincapé nesa distribución da riqueza. Queda moito por facer, pero Uruguai está moito mellor que calquera dos países veciños. Non ten os problemas de corrupción de Brasil ou Arxentina, é un pais doméstico, amable, moi tolerante, sen grandes dramatismos, no que a xente non vive ben, pero tampouco vive mal, cunha clase media moi potente, aínda que ultimamente empobreceu algo, como a de España.

-Que pegada deixou Mujica?

-O Pepe, como lle chaman aquí, na ditadura estivo moitos anos recluído e tivo moito tempo para pensar, repensar, ler e reler. Fíxose un filósofo práctico e moi humano. Creo que é un home moi valioso como pensador e comunicador, pero non tanto como político. Agora bótaselle en cara que tivo unha Administración moi deficiente, ou polo menos bastante deficiente. Como político sempre tivo moita man esquerda para buscar o consenso. Dise que foi demasiado benévolo cos militares da ditadura. Fixo que primase o tempo que levaban na cadea sobre a súa condición de extorturadores e iso indignou a moita xente. Tanto el como Dilma no Brasil son exguerrilleiros que se adaptaron ben á democracia.

-Como lle afecta a América Latina a chegada de Trump?

-Dise que o sistema estadounidense está moi armado para que non ocorran grandes catástrofes. Aínda que nas Cámaras haxa maioría republicana, non tódolos republicanos o apoian. Supoño que tamén el mesmo se vai autolimitar.

-Ve algún paralelismo entre Trump, Le Pen e Pablo Iglesias?

-Os tres son populistas. Un é populismo de esquerdas e os outros de dereitas. Son fenómenos nacentes e paréceme que o paralelismo non vai mas alá do seu crecemento rápido e do que teñen de revulsivo. Poden ser un pouco un voto de castigo. No seu día tamén o foi o Partido do Traballo de Lula. A nivel global son pesimista, porque este mundo de hoxe e un horror, pero esfórzome por ser optimista.