A noticia na escola revoluciona as claves da aprendizaxe

> Jesús Garrido | cursosrepeducador.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

Oscar Vazquez

O libro The Learning Revolution considérase como o exemplar de índole educativa de maior difusión no mundo

24 sep 2014 . Actualizado a las 10:42 h.

Gordon Dryden é neocelandés. O seu libro The Learning Revolution, escrito en colaboración coa doutora americana Jeannete, foi reeditado en diversos países e foi obxecto de análise e discusión en 22 programas internacionais de televisión. Considérase como o libro de índole educativa de maior difusión no mundo. Soamente en China distribuíronse máis de dez millóns de exemplares do volume.

A Universidade Camilo José Cela invitou a Gordon Dryden ao I Congreso UCJC Educa celebrado en Madrid e Maxisterio faise eco da súa intervención, recollendo nunha entrevista as nove claves nas que Gordon fundamenta a súa proposta para o desenvolvemento actual e futuro da aprendizaxe na escola.

-Aquí están, segundo Gordon Dryden, as nove claves nas que se cimenta a Revolución da aprendizaxe. O traballo coa noticia en clase é bo campo de adestramento para saber de que van e aplicalas despois ao estudo das materias.

1. Esta é só unha mostra rápida, unha chamada de atención ao feito de que traballar coa noticia axúdate a comprender o esquema defendido polo famoso libro e proposta de Gordon Dryden.

2. ¿Danse estas 9 claves na estrutura de aprendizaxe que mantemos coas materias na aula?

3. ¿Global, persoal, movible, interactivo, instantáneo, gratis, compartido, social, creativo? Pois na tal revolución andamos, ¿ou non?

1. GLOBAL

As noticias sempre son globais. Adoita dicirse, poeticamente polo menos, que o tremor dun voo de bolboreta no teu xardín un día calquera repercutirá na selva do Amazonas: ¿quen sabe ata onde chega? O estudo da noticia fomenta o sentido de globalidade e fai que o xornal nos conecte cada día co mundo enteiro.

2. PERSOAL

É o segundo reto que debe levar consigo unha boa aprendizaxe: provocar, pór en evidencia o teu talento persoal. ¿Oíches falar das intelixencias múltiples? Pois sempre hai unha noticia para os de preferencia musical, outra para os talentos analíticos, non sei cantas para os que teñen o privilexio da relación interpersoal, moitas tamén para os intelixentes emocionais a quen lles ferve o corazón. E así o resto.

3. MOVIBLE

A aprendizaxe debe ser movible para que constitúa de verdade unha revolución. O que aquí aprendes debe valer tamén para alí. Non hai fronteiras nin ninguén ha de contentarse con aprender para o pescozo da súa propia camisa e aí queda todo. Cada un, coa súa aprendizaxe, debe levar as maletas incorporadas: o que se aprende, é movible, transferible. A noticia convértenos en cidadáns universais.

4. INTERACTIVA

Outra vez o de sempre; apréndese facendo, mollándose, aínda con risco de catarros molesto. Experimenta, comproba, analiza fallos, formula hipóteses, xoga, saca conclusións, as túas, compara con outros, discute, informa. A noticia interactívase con outras intelixencias e talentos distintos aos teus, comproba resultados, dá marxe á dúbida, e decide.

5. INSTANTÁNEA

É a gran vantaxe dos medios que temos a man, a un simple botón de distancia conectas case co mundo enteiro, coas enciclopedias universais, cos centros de datos que podes manexar ao instante. Falas ao momento con miles de escolas e de alumnos como ti a ver que opinan e fan sobre o mesmo, abres centos de xornais que informan sobre o mesmo acontecemento. Son minutos, segundos, que sorte, non hai desculpa.

6. GRATUÍTA

E a noticia non che custa nada. Chega gratuitamente ao teu pupitre todos os días. Non fai falta unha gran fortuna nin pór en risco o escaso e sempre medido orzamento do colexio. Incluso ás veces che pode desbordar a oferta de balde en todos os campos do saber e da curiosidade que teñas. Non escapa, non se perde, pódese compartir e aumenta o seu valor.

7. COMPARTIDA

Iso: a noticia préstase a un traballo en grupo. Non ten dono. É interdisciplinar sempre. Cada un pode levala ao seu campo. Nace como froito de tantas e diversas circunstancias e aspectos da vida. Pasa con facilidade do deporte ao medicamento, por exemplo. Conéctase coa historia antiga e preséntase ao momento en calquera lugar do mundo. Percorre todos os libros de texto e en cada páxina séntese como en casa.

8. SOCIAL

E moi importante. O traballo coa noticia ensínanos o seu carácter social. O que non interesa á xente, o que non preocupa á sociedade, o que non serve, non ameaza ou non remedia algo, non adoita chamarse noticia e aí queda, como un feito máis. ¿Lograremos facer que a todo o que aprendemos nas materias do colexio lle outorguemos o privilexio de que serve á sociedade?

9. CREATIVA

Finalmente, a noticia é un reto. E de aí tamén a súa importancia educativa, tal como sucede en todas as materias. ¿Que pode un facer para pór remedio ao problema que presenta ou aproveitar o invento que consigo trae para buscar aínda unha mellor solución?