A alimentación e a agricultura en cifras

Jesús Garrido | cursosrepeducador.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

MERCE ARES

15 oct 2014 . Actualizado a las 11:50 h.

Podemos empezar cun gran cartel titulado «A alimentación e a agricultura en cifras». É un pouco leante ao lelo, sobre todo con rostro de fame, pero pode adornarse en clase e facer máis visible o que vos guste destacar. Non é un bo menú, certamente, e parece máis ben unha lista de prezos, da que sempre un escapa. Pero máis dura é a fame. Trátase soamente dunha selección de noticias espontánea para as tres dimensións (0, 00, 000) co fin de que vós busquedes outras moitas e que dalgún modo se adapten ás tres dimensións elixidas (http://bit.ly/1nXwMRM).

1. DIMENSIÓN DE PROXIMIDADE: CERO PERSOAL (0)

1.1 María Pita nega que nenos da Coruña pasen fame

(La Voz, 3/8/2014) Entre os nenos da Coruña «pode haber algún problema de malnutrición, pero non de fame», defende o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, ante os inquietantes datos nos que insiste o PSOE, que cifra nun milleiro os menores coruñeses en situación de «pobreza severa» e pide medidas específicas para evitar que esa carencia de recursos se transforme en fame.

- ACTIVIDADES: Buscamos no periódico noticias próximas do todo, incluso, sen sinalar, xente que pasa fame preto de ti, case á beira do teu pupitre. ¿Ou non se nota? ¿Axudámoslles en algo?

1.2 «Como mola comer tres pratos»

(La Voz, 9/7/2014) Un salón de vodas dun restaurante boirense fai as veces de comedor social para nenos en risco de pasar fame durante o verán. Este é o menú que onte se serviu a unha vintena de nenos necesitados de Boiro que estrearon o comedor que o Concello puxo á súa disposición para evitar que pasen fame durante o verán. O Concello está facendo unha sondaxe para pescudar se algún neno máis pode estar en risco de pasar fame durante a época de vacacións.

- ACTIVIDADES: ¿Temos comedor escolar? ¿Que pasa á hora para comer que poida indicar o noso interese incluso en axudar ao que podamos e non crear desperdicios dabondo?

2. DIMENSIÓN MEDIA: CERO SOCIAL (00)

2.1 O párroco de San Campio pide desde o púlpito alimentos no canto de flores

(La Voz, 12/8/2014) Hai xa tempo que iniciou a campaña e, entre a novena e a festividade do último fin de semana de xullo, conseguiu reunir 649 quilos de alimentos non perecedoiros para as 60 familias ás que axuda actualmente SOS Tomiño. «Un centro de flores custa entre 80 e 150 euros e se murchan en dous ou tres días; con 80 euros compramos 150 litros de leite que serven para saciar a fame». Non é unha parábola e o encargo resulta tan clarificador como un dos mandatos máis universais da Igrexa e da humanidade: «Tiven fame e déstesme para comer, tiven sede e déstesme de beber».

- ACTIVIDADES: «Estamos a vivir da caridade dos maiores, se eles nos fallasen morreriamos de fame», considera o sacerdote. ¿Que opinades vós deste cambio de flores por alimentos para outros? ¿Enfadaranse os santos da igrexa ao quedar sen floreos?

2.2 Recollida de alimentos

(La Voz, 13/9/2014) A campaña de recolleita de alimentos, que organiza a Asociación para a Memoria de Álvaro del Portillo, conta cun total de 450 voluntarios galegos. Esta agrupación organiza, entre onte e hoxe, unha recollida de alimentos en 43 cidades de España de xeito simultáneo. Entre elas atópanse Santiago, Vigo, A Coruña, Ferrol e Ourense. Participarán 16 supermercados Eroski, que será o punto de recollida. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, máis do 20 % das familias en Galicia están en risco de sufrir pobreza infantil.

- ACTIVIDADES: ¿Participamos como grupo nalgunha organización de recollida ou repartición de alimentos? ¿Podedes prescindir algunha vez de algo que enche demasiado a vosa bolsa da compra e entregalo a alguén?

3. DIMENSIÓN SEN FRONTEIRAS: CERO UNIVERSAL (000)

3.1 Un de cada oito habitantes da Terra sofre fame.

(La Voz, 2/4/2014) Fontes da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) sinalan que o mundo podería producir o dobre de alimentos, co que teoricamente desaparecería o problema da fame. Coa metade do que se extravía poderíase saciar a todos os que pasan fame no mundo. A coexistencia da fame co malgasto constitúe un absurdo sanguento.

- ACTIVIDADES: ¿Atrevédesvos a buscar algo, participar en calquera acción, ler, escribir, enviar, participar nalgún grupo que conecta por encima de fronteiras, de cores, de idiomas, de costumes, pero teñen fame?

3.2 «Deberiamos ter morto en casa»

(La Voz, 18/8/2014) Sentada sobre os xeonllos da súa nai, Alia, de 4 anos, chora: ten fame. «Deberiamos ter morto en casa». Os refuxiados, a maioría deles nenos, perdérono todo: os seus seres queridos, o seu fogar e o resto dos seus bens acharon refuxio no Kurdistán iraquí tras fuxir dos islamistas en Sinyar. Pero atormentados polos horrores vividos, famentos e vivindo en condicións precarias, algúns se preguntan se non tería sido mellor morrer. Os refuxiados, a maioría deles nenos, perdérono todo: os seus seres queridos, o seu fogar e o resto dos seus bens.

- ACTIVIDADES: E xa o último. ¿Que pensades, que sentides cando alguén ten que dicir a frase desta noticia? ¿Rómpenos a alma ou nos quedamos quedos aínda?