Unha decisión inapelable

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

15 oct 2014 . Actualizado a las 11:27 h.

Convén recordar que calquera lei que se estableza en España ou calquera acto de goberno que afecte aos seus cidadáns ten que estar de acordo co establecido nesta Constitución. Con todo, ás veces as cousas poden non estar claras. A algúns pode parecerlles que algo está en contra da Constitución, mentres que a outros lles pode parecer que non o está. ¿Como resolver entón o litixio? A propia Constitución estableceu o sistema coa creación dun organismo cuxa única finalidade é servir de árbitro para decidir de modo inapelable cando algo está de acordo con ela ou cando non o está. Ao Tribunal Constitucional dedica todo un apartado, o noveno, no que establece os principios básicos da súa estrutura e funcionamento, descritos desde o artigo 159 ata o 165.

De acordo con estes artigos, o Tribunal Constitucional está constituído por doce maxistrados elixidos do modo seguinte:

1. O Congreso dos Deputados elixe a catro que teñen que ter obtido o voto das tres quintas partes dos representantes.

2. O Senado elixe a catro que teñen que ter obtido o voto das tres quintas partes dos senadores.

3. O Goberno da nación elixe a dous.

4. O Consello Xeral do Poder Xudicial elixe a dous.

Este sistema de elección pretende garantir a independencia dos maxistrados, elixidos por maiorías cualificadas e estamentos diversos. Teñen que ser xuristas de recoñecida competencia que teñan máis de 15 anos de exercicio profesional. Son elixidos para un mandato que dura 9 anos e son inamovibles, ninguén lles pode privar da súa condición de membros do Tribunal Constitucional. Os membros non se renovan todos á vez, senón que o fan por terceiras partes cada tres anos. Na actualidade o seu presidente é Francisco Pérez de los Cobos.