Unha mirada ao Tribunal Constitucional

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

BENITO ORDOÑEZ

Os seus membros son os derradeiros árbitros da lea na que se meteron os gobernantes cataláns

15 oct 2014 . Actualizado a las 11:26 h.

Chegou a hora de mirar outra vez cara a ese edificio circular de vidro rosado situado en Madrid, preto da Cidade Universitaria. O interese dos españois está pendente do que decidan os xuristas do Tribunal Constitucional. Que os cataláns poidan ou non poidan votar se queren ou non independizarse de España depende da sentenza que emita tanto sobre a Lei de Consultas aprobada polo Parlamento autonómico como sobre o decreto de convocatoria da consulta ditado polo presidente da Generalitat, Artur Mas.

A base da democracia

A Constitución é a norma xurídica que goberna toda a vida dos españois. Dela derívanse todas as demais leis, sexan do nivel que sexan: estatais, que, xa que logo, afectan a todos os territorios e cidadáns de España; autonómicas, que afectan ao territorio e aos habitantes dunha comunidade autonómica;, ou municipais, que só incumben a un concello e aos seus veciños. A Constitución establece todos os dereitos e obrigas dos españois, como se organiza o territorio, como deben facerse as leis, quen ten a responsabilidade de aprobalas e autorizalas, a que principios deben aterse. Todas estas cousas non nos foron impostas por unha autoridade suprema vida de fóra. Se pasase iso, estariamos nunha ditadura, pero a Constitución é produto dun pacto entre todos os españois.

Houbo unha época, hai case corenta anos, na que España si vivía nunha ditadura. Ao morrer o ditador, en 1975, os españois conseguiron pórse de acordo para construír unha democracia na que vivir con seguridade. Para logralo, propuxéronse redactar unha Constitución que fose a base xurídica do Estado democrático.

Convocáronse, en primeiro lugar, eleccións libres para que todos os cidadáns puidesen elixir a quen querían que lles representasen e despois os elixidos comezaron a debater, facer propostas, pactar e volver discutir durante longos días, interminables noites, semanas e meses. Para chegar a acordos e consensos, todos tiveron que ir cedendo parte dos seus proxectos e ideas. Uns querían que o Estado fose unha república, outros unha monarquía parlamentaria; algúns preferían un poder centralizado, outros descentralizado... Todos tiveron que ir cedendo nunhas pretensións ou noutras para chegar a un texto que non foi o ideal para ninguén en concreto, pero no que todos cabían e no que todos se podían recoñecer. Esta foi a principal virtude da Constitución de 1978: que non foi feita contra ninguén, senón unha feita por todos.

As votacións das Cortes nas que se aprobou o texto reflectiron esta valoración. No Congreso os votos afirmativos foron 325 e os negativos só 6, aos que hai que engadir 14 abstencións. No Senado, os afirmativos foron 226, os negativos 5 e as abstencións 8. A continuación, convocouse un referendo para que a Constitución fose aprobada tamén polos cidadáns. O si obtivo o 87,78 % dos votos. O resultado foi o nacemento dunha España nova, grazas só ao diálogo e ao consenso.

Actividades

1. Investigade as persoas que son na actualidade membros do Tribunal Constitucional. Atoparedes os datos en www.tribunalconstitucional.es.

2. Establecede un debate sobre se vos parece que se pode confiar na súa independencia e responsabilidade para decidir unha cuestión tan importante como a que está en xogo.

3. Recollede as noticias que o Tribunal Constitucional vaia producindo en diante sobre esta materia ata que dite sentenza. Só as noticias que procedan do propio tribunal, non doutras fontes. Ao final facede un informe do contido da sentenza futura e do camiño que seguiron os xuíces ata chegar a ela.