¿Quen foi Martin Gardner?

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

22 oct 2014 . Actualizado a las 12:11 h.

Filósofo, xornalista pero, sobre todo, divulgador matemático, Martin Gardner tiña un día de vida hai exactamente un século. Coa súa columna mensual na revista de divulgación científica Scientific American -que continúa existindo, www.scientificamerican.com-, chamada Xogos matemáticos, colleu axiña sona en todo o inmenso país. Trinta anos estivo escribindo nela, tratando todo tipo de enigmas matemáticos e propoñendo desafíos, sempre nunha linguaxe o máis preto posible da xente da rúa e das aulas, pero sen perder para nada o rigor necesario.

Os títulos eran moitas veces provocadores, como o de «Claves de novo tipo cuxo desciframento ocuparía uns cantos millóns de anos». Exactamente, segundo el, 40 catrillóns de anos, pero aí se equivocou: en 17 anos resolveuse o enigma que propuxera. Libros como O idioma dos espías non fixeron máis que acrecentar a súa fama nunha xeración que medrara coa guerra fría e a psicose de espionaxe por parte do mundo comunista. Nada quedou fóra da súa mirada, nin sequera os supostos fenómenos paranormais, que desenmascarou sen piedade.

De poder estar onte en Sigüeiro, seguro que andaría orgulloso ao ver aos rapaces como facían trucos coas barallas. Puras matemáticas que el aplicara no seu día aos naipes.