Aquí seguimos os científicos: «Ti pregunta, que nós respondemos»

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

CÉSAR QUIAN

22 oct 2014 . Actualizado a las 12:03 h.

Desde que comezou a publicarse a web do Programa Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es), alá polo ano 2006, todos os días do curso escolar este grupo de científicos responderon a máis de 1.500 preguntas. Hai un ano, aproximadamente, presentámosvolos nas páxinas de La Voz de la Escuela. Hoxe están aquí de novo para animarvos a que non deixedes nunca de facer preguntas: é a mellor proba de que se pensa, como dicía o poeta.

PACO FRANCO DO AMO

Licencieime e doutoreime en Bioloxía na Universidade de Santiago e especialiceime en bioloxía molecular en EE.UU. Despois dun tempo dedicado a investigar e ensinar na universidade, decidín cambiar de rumbo e dedicarme a contar ás persoas que visitan os nosos museos científicos os fundamentos da ciencia e a actualidade científica. Así que agora son un científico dedicado á divulgación e a museografía. Na miña decisión de dedicarme profesionalmente á ciencia influíron moito a miña familia, os meus profesores e certos personaxes da miña infancia. A miña nai é bióloga e farmacéutica e, ao longo de toda a miña infancia, soubo inculcarme amor á natureza e respecto á ciencia como o método máis eficaz para coñecer e comprender o que sucede ao noso redor. Tamén influíron os longos paseos polo campo que daba co meu avó. Os profesores de física, química e bioloxía que tiven no colexio ensináronme ciencia de forma moi atractiva e acabei enganchándome a esas disciplinas. Certos divulgadores científicos que aparecían en televisión durante a miña adolescencia, como Carl Sagan, Félix Rodríguez de la Fuente, David Attenborough ou o comandante Cousteau, terminaron de rematar a faena.

PATRICIA BARCIELA

Nacín en Arxentina e crucei o charco para vir vivir a Galicia cando tiña 14 anos. Namoreime da ciencia por entón. Primeiro, do universo e os seus misterios, así que empecei a pensar en ser astronauta (¿por que non?) ou física. Despois cruzouse no meu camiño unha dobre hélice cunhas mensaxes que din como somos, e tíveno claro. Estudei Bioloxía, fixen un doutoramento, comecei a dar clases. E outra vez un cruzamento de camiños: a posibilidade de traballar nun museo de ciencia como a Domus e, sobre todo, a opción de volver ser un pouco nena outra vez no que á ciencia se refire. E aquí, nos Museos Científicos Coruñeses, estou desde 1995. Un privilexio. Pero, por suposto, non todo é ciencia nin traballo. Teño unha familia preciosa á que adoro. Teño debilidade polo mar e o meu kaiak. Teño unha chea de libros esperando. E, ás veces, teño envexa do meu gato.

MARCOS PÉREZ

Cando estaba no colexio gustábanme moito os profesores que facían as clases participativas e propuñan xogos, preguntas ou tarefas que nos facían pensar. Daba igual se se trataba de escribir un conto, investigar como se funden os cubos de xeo ou debater sobre un libro ou un tema de actualidade. Supoño que prefería aprender a que me ensinasen.

Así que seguindo a pista das cousas que me gustaban acabei quedándome coas materias de ciencias e despois estudei Física na Universidade, onde ademais atopei a algunhas das persoas máis importantes da miña vida. En 1997 cheguei á Casa das Ciencias, onde teño compañeiros aos que admiro moito. Desde entón non parei de aprender con eles como facer cousas para que a xente se divirta e descubra que tamén pode aprender pola súa propia conta, xa sexa con actividades, exposicións ou no planetario. E cando chego a casa espéranme tres nenas que non deixan de preguntar por todo, así que teño diversión garantida durante todo o día.

SUSANA PÉREZ CASTELO

No colexio atopeime co dilema de se estudar por ciencias ou por letras e, aínda que non o tiña claro ao principio, acabei na facultade de Ciencias Biolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela, onde me licenciei en 1988. Posteriormente realicei o máster en Medios de Comunicación de La Voz de Galicia-Universidade da Coruña. O meu percorrido no mundo laboral levoume en primeira instancia ao ámbito da educación, pero a principios dos 90 tiven a ocasión de traballar por un tempo breve na Casa das Ciencias, unha experiencia que me permitiu descubrir unha tarefa á que os científicos non adoitaban dedicarse, polo menos entón, e que me cativou: a divulgación da ciencia. É parte do que agora fago nos Museos Científicos Coruñeses, onde participo no desenvolvemento de exposicións e actividades, e é tamén o que me leva a colaborar noutros lugares, como este suplemento de La Voz de Galicia e o Programa Prensa-Escuela.

FRANCISCO ARMESTO

A miña curiosidade pola ciencia comezou, ¡como non!, durante os veráns en que gozaba cazando bolboretas, pescando camaróns e destripando flores ou experimentaba cos xogos de química para descubrir secretas fórmulas explosivas. O caso é que me convertín en biólogo molecular á vez que lía libros de divulgación científica e comezaba coas miñas experiencias de afeccionado: apuntaba avistamentos de aves, descubría a xeografía lunar, aprendía a recoñecer cunchas, constelacións, algas ou insectos. Así que a vocación me levou a aterrar nos Museos Científicos Coruñeses pouco despois de licenciarme, alá por 1986, e aquí sigo.

Traballar no que gusta ten a vantaxe, ás veces, de que segues facéndoo nos intres libres, e así escribín varios libros e moitos artigos de divulgación científica; imaxino que o gusto polas letras é o que terei herdado dun pai xornalista. Cos anos non perdín o interese por gozar da natureza, e por iso aprendín actividades como o esquí ou o mergullo con botella. Actualmente son director técnico de proxectos nos Museos Científicos do Concello da Coruña e teño dous cans.