Na reciclaxe está o futuro máis limpo

Cristóbal Ramírez congostro@gmail.com

OURENSE CIUDAD

O programa Separemos ben, reciclaremos mellor leva grupos de educadores aos centros, onde imparten charlas informativas

29 oct 2014 . Actualizado a las 11:34 h.

Suman algo máis de 250 centros escolares (primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional) os que se adscribiron á terceira edición da campaña autonómica Separemos ben, reciclaremos mellor. Unha iniciativa que partiu dos despachos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e dos da empresa pública Sogama. Ecoembes (www.ecoembes.com), Ecovidrio (www.ecovidrio.es) e os sistemas integrados de xestión de pilas (Ecopilas: www.ecopilas.es, Ecolec: www.ecolec.es, e ERP: www.erp-recycling.es-) arrimaron o hombreiro.

É dicir, trátase dunha idea que levará a grupos de educadores aos centros onde impartirán charlas informativas, e que serán complementadas con vídeos, power points, unidades didácticas, pasatempos e xogos (hai un destes últimos moi popular, que é o chamado Xogo Xigante da Reciclaxe). «Temos que explicar por que é necesario reducir a produción de lixo, en que consiste a reutilización e como debemos separar os residuos para que poidan ser reciclados», explican na devandita consellería responsables do programa.

Quizais o que máis impresiona aos alumnos é a compostaxe. «Abordámola ?insisten desde Separemos ben, reciclaremos mellor- porque xa está implantada en máis de cen entidades, a aí metemos concellos, colexios e asociacións». Non son moitos, certo, pero cada vez si son máis os centros con comedor que contan cun composteiro cedido por Sogama no que fabrican o seu propio abono natural a partir da materia orgánica producida. Unha pregunta habitual por parte dos alumnos é qué facer despois. A resposta é ben sinxela: fertilizar hortas e xardíns dos propios centros escolares.

UNHA GALICIA MÁIS LIMPA

O programa arrancou sobre o terreo o pasado 15 deste mes, cando chegou a hora da verdade no CEIP A Florida (Sanxenxo), seguido polo CEIP de Randufe (Tui). Tras eles xa foron outros centros de primaria os que recibiron a visita dos grupos de divulgación: Malpica de Bergantiños, Ourense (o sempre activo Divina Pastora), Moaña, A Guarda, Os Blancos, Vigo, Manzaneda, Arzúa (un IES), Poio, Cospeito, Vilalba, Carballo e Boiro, e hoxe lle toca a Viveiro e de novo Tui (o Plurilingüe n.º 1). E isto non fixo máis que empezar, coa esperanza de que as novas xeracións teñan unha Galicia máis limpa ca actual. Porque iso de calquera tempo pasado foi mellor é, sinxelamente, falso.