A Carta Magna Leonesa

La Voz

FIRMAS

10 dic 2014 . Actualizado a las 12:08 h.

O camiño cara ao recoñecemento dos dereitos persoais viu un raio de luz no ano 1188, cando as Cortes do Reino de León e Galicia, convocadas polo rei Alfonso IX, se reuniron no claustro da colexiata de San Isidoro e admitiron por primeira vez en Europa a participación dos representantes das cidades e pobos do reino. Si, aquela foi a vez primeira que en Europa o pobo participou na aprobación das leis. O conxunto dos acordos xurdidos daquelas Cortes son coñecidos como os Decreta e, máis tarde, como a Carta Magna Leonesa. A Unesco recoñeceu o 18 de xuño do 2013 que «os Decreta conteñen a referencia ao sistema parlamentario europeo máis antigo que se coñece ata o presente». Naquelas Cortes recoñecéronse dereitos como a inviolabilidade do domicilio e do correo, a propiedade e a protección da xustiza contra os abusos dos nobres, o clero ou o propio rei. Estableceuse a obrigación do rei de convocar Cortes para declarar a guerra ou asinar a paz.

Ata agora tíñase á Carta Magna de Inglaterra, que os nobres obrigaron a asinar ao rei Juan sen Terra o 15 de xuño de 1215, como a orixe máis remota do parlamentarismo representativo e do recoñecemento de dereitos das persoas no ámbito europeo, pero os acontecemento históricos das Cortes de San Isidoro de León ocorreron 27 anos antes, como manifestaran historiadores hispanistas. O recoñecemento da Unesco resolveu esta cuestión, admitida xa polos historiadores, despois de que no 2009 o investigador da Universidade de Sidney John Keane así o recoñecese na súa coñecida obra The Life and Death of Democracy.