Especies na Lista Vermella

> Susana Pérez

LA VOZ DE LA ESCUELA

No disponible

Esta nómina é unha ferramenta que permite seguir o estado de conservación de animais e vexetais

10 dic 2014 . Actualizado a las 12:11 h.

Na Terra estímase que existen entre 2 e 50 millóns de especies, das cales só foron descritas preto de 2 millóns. Esta enorme variedade de formas que mostra a vida é o resultado de millóns de anos de evolución, de interaccións coa contorna e entre as propias especies. Esa biodiversidade non só é fundamental para que o proceso evolutivo atope novos camiños polos que avanzar, senón que tamén é unha importante fonte de recursos de todo tipo.

As actividades humanas están a alterar de forma moi rápida a natureza, rompendo o equilibrio e o bo funcionamento de moitos ecosistemas. A sobreexplotación de recursos como a pesca, a minería, a agricultura ou a talla de árbores ten como un dos seus efectos máis inmediatos a ameaza á supervivencia de moitas especies. A Unión Internacional para a Conservación da Natureza, organización que promove no mundo a protección da integridade e diversidade do medio natural, manexa unha ferramenta que permite facer un seguimento do estado de conservación das especies animais e vexetais. É a Lista Vermella de Especies Ameazadas, que este ano celebra o seu 50.º aniversario.

Trátase do inventario máis completo de especies ameazadas que existe, e inclúe actualmente 71.199 especies. Achega información sobre o tamaño das súas poboacións, os requirimentos ecolóxicos de cada unha delas, o lugar no que viven, as ameazas ás que se enfrontan e as accións recomendadas para evitar ou reducir o seu perigo de extinción. A partir dos datos que recolle a lista, establécense nove categorías ás que se asigna cada especie avaliada: extinta, extinta en estado silvestre, en perigo crítico, en perigo, vulnerable, case ameazada, preocupación menor, datos insuficientes, non avaliada.

Na última revisión da Lista, publicada o pasado mes de novembro co gallo da celebración do Congreso Mundial de Parques, refírese que a día de hoxe son 22.413 especies as que están en perigo de extinción. Algunhas delas pasaron recentemente á lista desde a categoría de menor preocupación á de vulnerable. é o caso do atún vermello do Pacífico, o peixe globo de China (dúas especies sobreexplotadas polo crecente mercado do sushi e o sashimi), a anguía americana (atenazada polas capturas para a súa comercialización, a contaminación, a perda de hábitat e os obstáculos para a súa migración), a bolboreta dardo de herba negra (que vive exclusivamente na costa norte de Australia, ameazada pola destrución do seu hábitat e a introdución de especies herbáceas invasoras) ou o camaleón xigante con cornos de coitela (orixinal dunhas montañas de Tanzania, en perigo pola talla de bosques e a minería), entre outras.

EN ESPAÑA

En España a Lista Vermella está engrosada por preto de 3.000 especies, das cales máis de 500 están ameazadas. Entre elas está o lince ibérico, un animal do que se coñecen só dúas poboacións no noso territorio, unha no couto de Doñana, con ao redor de 30 exemplares adultos, e outra en Sierra Morena, cuns 100. A especie está catalogada na categoría en perigo crítico, e na súa ficha da Lista Vermella indícase que as súas poboacións foron diminuíndo de forma continua debido á redución das poboacións das súas presas principais, os coellos, afectados por enfermidades e pola súa caza excesiva.