A maior conquista da humanidade

> Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

RAMIRO

Hoxe celébrase o Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

10 dic 2014 . Actualizado a las 12:07 h.

As persoas fomos conquistando ao longo da historia o recoñecemento dos nosos dereitos. Hoxe en día, grazas á organización das Nacións Unidas, este recoñecemento é universal, porque ningún Estado do planeta queda fóra desta institución, que fai obrigatoria a adhesión a esta declaración para pertencer a ela. A data na que se aprobou foi o 10 de decembro de 1948, pero foi necesario percorrer un longo camiño.

PASO A PASO

1. O primeiro vestixio documentado de recoñecemento por parte do poder nun territorio de dereitos das persoas, o que hoxe chamamos dereitos humanos, atópase no cilindro de Ciro, un rolo de terracota descuberto en 1879 polo arqueólogo Hormuz Rassam no templo de Marduk, en Babilonia. No ano 539 antes de Cristo, Ciro II o Grande, rei do Imperio aqueménida de Persia, conquistou Babilonia, liberou aos escravos e proclamou a igualdade racial de todos os habitantes da cidade. Gravou a súa historia para que a posteridade a coñecese no cilindro, en escritura cuneiforme e no idioma acadio. Alí aparece o trato que dispensou aos habitantes da cidade e iso constitúe o primeiro testemuño histórico de dereitos concedidos a uns cidadáns. As Nacións Unidas considerárono así e traduciron este texto aos seus idiomas oficiais, entre os que se atopa o español.

2. Atenas e outras cidades gregas fixaron tamén dereitos para os seus cidadáns e leis que os protexían e organizaban a súa vida social e política.

3. Roma recolleu ese espírito e profundou nel: instituíu a categoría xurídica de cidadán (cives), os suxeitos que gozaban de todos os dereitos. Non gozaban del todos os habitantes do Imperio. Ao principio só os da cidade de Roma, aínda que foi estendéndose aos poucos, primeiro ás provincias da península itálica ata chegar a todas as provincias.

4. As invasións dos bárbaros crebaron esta situación. A historia retrocedeu durante os longos séculos da Idade Media trala caída do Imperio romano. Os dereitos dos cidadáns diluíronse na violencia e a barbarie. A recuperación foise facendo moi lentamente nun mundo organizado polas relacións de vasalaxe, no que só gozaban de dereitos os señores feudais e os eclesiásticos.

Actividades

1. Entrade en Internet na seguinte dirección: http://bit.ly/1CB9rf2. Nela atoparedes máis información sobre a declaración e o contido de todos os seus artigos. Lédeos con coidado, discutide sobre o seu contido e valorade o grao de cumprimento na vosa contorna, de acordo coas vosas propias experiencias.

2. Fixádevos especialmente no artigo 26, dedicado ao dereito á educación.