Os cinco grandes focos

Jesús Garrido | cursosrepeducador.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

Oscar Vazquez

17 dic 2014 . Actualizado a las 11:05 h.

Estes son os 5 grandes focos que a organización do Ano Internacional da Luz nos propón para o seu estudo pola súa relación directa coa luz: láser, fontes de luz, a luz na natureza, a luz na arte e a cultura, a luz na vida. E, como sempre, nesta páxina buscamos algún exemplo de noticias que se publicar en La Voz de Galicia co fin de conectar o tema co que pasa cada día. Bo traballo. O texto completo da noticia, imprescindible a súa lectura, obtense escribindo o título no recuncho Lupa de www.lavozdegalicia.es

1. MENSAXES COLGADAS NO CEO CON RAIO LÁSER

(La Voz, 21/10/2014) Unha compañía xaponesa proxectou onte unha imaxe no aire grazas a raios láser, ofrecendo a posibilidade de proxectar mensaxes no firmamento. Os seus inventores esperan que co tempo este sistema se poida empregar para alertar á xente dun perigo. A empresa tecnolóxica Burton Inc. mostrou espirais, bolboretas e a silueta dunha mazá flotando a poucos metros do sistema de proxección. O dispositivo concentra unha intensa luz láser nun pequeno punto suspendido no aire, permitindo a emisión dunha luz branca que parece un cruzamento entre unha pequena explosión e un led brillante.

- ACTIVIDADES: láser. Busca noticias da súa achega á lectura dos CD, aos escáneres e redes de comunicación, o estudo das diferenzas coa luz normal e as súas aplicacións científicas.

2. A NEVE NEGRA QUE PREOCUPA AOS CIENTÍFICOS

(La Voz, 8/8/2014) Investigadores americanos estiveron estudando o suceso da neve negra que se pode atopar no Ártico. A neve negra afecta ao albedo, que controla a cantidade de enerxía solar que se reflicte do xeo, conseguindo que se acelerase o desxeo dos glaciares nun 20 % tan só en 30 días. As observacións desde o satélite mostran que, desde o 2009, incluso na primavera o aumento de impurezas que son absorbidas pola luz na neve e a atmosfera é maior, tal como informa a revista Nature Geoscience.

- ACTIVIDADES: fontes de luz no mundo. Aínda que soe a palabras científicas difíciles de entender, a existencia e desenvolvemento do ciclotrón e dos sincrotróns, determinantes na aceleración de partículas, sempre atoparás outros exemplos de noticia sobre o tema.

3. INDOMABLE NATUREZA

(La Voz, 10/2/12014) A natureza é así, como se presentou estes días: indomable. Non hai tecnoloxías capaces de amainar os ventos tempestuosos nin as ondas do mar de fondo. Só sabemos predicir o que vai ocorrer e cuantificar os datos mediante satélites meteorolóxicos, boias medidoras de alturas das ondas, anemómetros electrónicos e programas informáticos. É unha pena que non saibamos deseñar dispositivos que poidan transformar a inmensa enerxía dos meteoros profundos noutro tipo de enerxía. Os seres humanos tampouco aprendemos a aproveitar de forma eficaz a enerxía que cada día nos regala o sol. Só na fotosíntese, nos invernadoiros e nas placas fotovoltaicas. (Manuel-Luis Casalderrey).

- ACTIVIDADES: a luz na natureza. É moi fácil a actividade, o arco da vella, as postas de sol, a fotosíntese, a aurora boreal, a noite e o día, o sol e a lúa, e as estrelas. ¿Que importancia ten a luz na natureza?

4. O NADAL XA ALUMA

(La Voz, 28/11/2014) A iluminación do Nadal chega a 214 rúas e prazas. A tradicional árbore de Nadal que o Concello instala cada ano no Obelisco xa está listo. A estrutura de luz aluma desde que ás sete e media da tarde de onte o rexedor Carlos Negreira premera o botón que conecta as miles de lámpadas á rede eléctrica. Non só a árbore empezou a lucir. Ao mesmo tempo comezaron a brillar todas as luces instaladas na cidade, que non son poucas. A iluminación, toda de tipo led, chega a 214 rúas e prazas da cidade, e conta con 1.550.000 puntos de luz que se abastecen cunha rede de cables de 30 quilómetros.

- ACTIVIDADES: a luz na arte e a cultura. Vese noite e día: vidros de cores, luz de multitudes, feixes lumínicos, fotografía e cine, teatro e danza, iluminación de edificios artísticos, restauración de imaxes. Trae algunha imaxe, foto a clase.

5. A PANTALLA QUE CHE FARÁ QUITAR AS LENTES PARA VER BEN

(La Voz, 1/8/2014) Aqueles que empregan lentes para ver a televisión ou o computador poderían estar de sorte coas pantallas para tabletas e ordenadores graduadas. Científicos da Universidade de California en Berkeley, e investigadores do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts e Microsoft, realizaron unha investigación con algoritmos que permiten ver imaxes e textos sen levar as lentes postas. Esta tecnoloxía «utiliza algoritmos para alterar a imaxe baseándose na gradación das lentes xunto cun filtro para a luz colocado diante da pantalla».

- ACTIVIDADES: a luz na vida: Aplicacións á optometría, diagnósticos clínicos e, en xeral, á investigación e desenvolvemento de todo o ámbito científico. Está por ver. ¿Còmo levas o estar fronte á pantalla sen fatiga esaxerada?

PARA SABER MÁIS

n Mira este proxecto: http://bit.ly/1wcQsTl

¿Anímaste a algo parecido? IESO Princesa Galiana (Toledo: http://bit.ly/1vOfmc1)

n Contacta co Comité do Ano Internacional da Luz:

luz2015.sedoptica@csic.es

http://www.luz2015.es/agenda.php

n Os 5 grandes focos do Ano Internacional da Luz. Learn About Light: http://bit.ly/1yPlhP5