JONES, o descubridor da «estrutura marabillosa»

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os estudos sobre a linguaxe deron a principios do século XIX en Europa unha importante volta

28 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os estudos sobre a linguaxe deron a principios do século XIX en Europa unha importante volta, na que moito tivo que ver a noticia que deu William Jones en 1786 na súa comunicación lida na Royal Asiatic Society in Calcuta, recollida dous anos máis tarde no primeiro número da revista Asiatic Researches : «Sexa cal sexa a súa antigüidade, posúe unha estrutura marabillosa: é máis perfecta ca o grego, máis rica ca o latín, e máis refinado e delicado que ambos os dous». Estaba a falar do sánscrito, que viña de descubrir.

A lingüística india, fundada na necesidade de preservar a pureza dos textos litúrxicos hindús, é moito máis antiga ca a europea. E permaneceu agochada a Occidente moitos anos, ata que Jones coñeceu a gramática de Panini. En canto Jones divulgou a noticia, deu tal pulo á lingüística histórica e comparativa que 1786 é considerado, de xeito simbólico, claro, o comezo destes estudos. O seu traballo establecera o parentesco da lingua clásica da India co latín, o grego e as linguas xermánicas e deu pé a infinidade de traballos de comparación de linguas.

Aquí non temos espazo para moito máis que para amosar algunhas similitudes que, sen dúbida, vos sorprenderán. Pai e nai, que en latín se di pater mater, en sánscrito eran pitar matar. ¡Case como en inglés! ¿Ou non?: father mother. Por non falar do castelán. Velaí outro trío: irmán é en latín frater, en inglés brother e en sánscrito bhratarOutras coincidencias que non son tales, senón parentesco. Damos primeiro o termo sánscrito e entre parénteses o latino e o galego: avis (ovis, ovella), naus (navis, nave), navah (novus, novo). E o presente do verbo ser, primeiro en sánscrito: asmi, asi, asti, smah, stha, santi; e despois en latín: sum, es, est, sumus estis, sunt.

E é que o sánscrito pertence á familia indoaria, que, xunto á iraní, procede do indoiranio, unha escisión da suposta lingua protoindoeuropea. Esta última, da que non hai datos, senón meras reconstrucións, e tamén a nai do grego, das linguas itálicas (e, xa que logo, do latín e das linguas románicas: galego, español, portugués, francés...), das xermánicas (entre ellas, o alemán e o inglés) e doutras moitas, a meirande parte, das faladas en Europa.