Pequenos textos para especiais noticias

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os estudos demostran que o xadrez mellora o rendemento escolar ao pouco tempo de comezar a practicalo
Os estudos demostran que o xadrez mellora o rendemento escolar ao pouco tempo de comezar a practicalo CAPOTILLO

25 feb 2015 . Actualizado a las 09:23 h.

 Con frecuencia salta a sorpresa e estas especiais noticias perdidas polos recunchos do xornal resultan en grao sumo vivas, chámannos a atención e convértense nun foco atractivo para o noso traballo na aula. ¡A por elas! Todas pertencen á mesma data do xornal (La Voz, 16/2/2015). Escribe as palabras do título na web, no espazo superior esquerdo indicado por unha lupa, e atoparás o texto enteiro.

1. Xulgan a un funcionario do IES de Arzúa

Modificaba as notas do seu fillo, co obxectivo de aprobarlle o bacharelato para poder pedir praza logo nun ciclo formativo de grao superior. O fiscal pide unha pena de cinco anos de cárcere, unha multa económica de nove euros ao día a pagar durante nove meses.

2. Os bombeiros rescatan ilesos a dous cans

Un en Valdoviño e o outro en Ferrol. Un can de raza pitbull precipitárase polos cantiis na punta Frouxeira cando xogaba cos seus donos. O outro can de raza mediana quedara atrapado no entramado metálico baixo a vía na ponte das Cabras e non conseguía saír.

3. Profanan centos de tumbas nun cemiterio xudeu

Sucedeu na rexión de Sarre-Union, no noroeste de Francia. O ministro francés do Interior, Bernard Cazeneuve, condenou este acto criminal e anunciou que se fará todo o posible para identificar, deter e entregar á xustiza aos autores desta ignominia.

4. Nova York viviu doce días consecutivos sen homicidios

Foi un récord desde 1994, e que terminou o sábado coa morte dun home nun tiroteo. O ano pasado viviu dez días sen homicidios, desde o 13 ata o 22 de febreiro. No 2014, a cidade rexistrou o menor número de mortos (328) desde 1963, cando comezou o reconto.

5. Os accidentes laborais incrementáronse un 5,65 % na pesca

O 2014 pechouse na pesca galega cun total de 1.197 accidentes laborais, cifra que representa un incremento do 5,65 % respecto dos 1.133 contratempos rexistrados un ano antes. Da cifra total, 1.070 accidentes afectaron a homes e 127 a mulleres.

6. Xadrez en toda a primaria: baixaría un 30 % o abandono escolar

O director da Federación Española de Xadrez celebrou a proposición non de lei aprobada no Congreso o pasado mércores pola que se imporá o programa Xadrez na Escola. Os estudos demostran que o xadrez mellora nun 17 % o rendemento en matemáticas e lectura pouco tempo despois de empezar a xogar.

7. Portugal esixe 10 céntimos por cada bolsa

Os consumidores portugueses cren que a taxa é elevada, tendo en conta o nivel de vida do país. Cando pasen por caixa preguntaráselle se necesita bolsa plástica. Se a resposta é afirmativa, cargaránselle os 10 céntimos, 13 se o local xa tiña como norma cobrala.

8. Ósos de nenos na procura dos restos de Cervantes

Os especialistas que buscan a Miguel de Cervantes no convento das Trinitarias de Madrid tratan de dar cos restos do literato entre os de varias ducias de individuos achados no chan da cripta. Deles, moitos corresponderían a nenos, afectados posiblemente por fames negras. Ata agora só apareceu un féretro coas M e C, supostas iniciais do autor.

9. Falece Xerardo Pereira, gran estudioso da cultura castrexa

Era catedrático de Historia antiga desde 1980 na USC é1 un dos maiores estudiosos da antigüidade galega. Pereira profundou na conservación do territorio e denunciou o feísmo como forma de destrución da identidade dun país.

10. Editan «O bigote de Mimí», conto de Manuel María

A Fundación Manuel María presentou na Coruña unha nova edición do conto O bigote de Mimí, obra do escritor chairego, con novas ilustracións de Xaquín Marín. Trala publicación de Correspondencia entre Manuel María e Ramón Otero Pedrayo ou a reedición de Sonetos á Casa de Hortas, a fundación recupera este texto narrativo en forma de conto infantil publicado no 2003, pero que estaba esgotado.

ACTIVIDADES

Puntúa de 0 a 3 cada unha das condicións que, ao teu xuízo, leva consigo cada unha das dez noticias para que poidan ser elixidas como axuda para dar actualidade á aprendizaxe escolar:

  • ¿É a noticia importante? O xornal destácaa na súa estrutura de títulos, espazos, posicionamento nas súas páxinas, comentarios, gráficos.
  • ¿É a noticia interesante? É difícil determinar o gusto e interese que os alumnos poidan pór para que a noticia entre no seu campo vital. Ás veces acértase.
  • ¿É investigable? Isto é, búscase o que poña en acción aos alumnos e busquen ramificacións, novos datos e ligazóns creativas.
  • ¿Resulta interdisciplinar? É a axuda que se lle pide ao profesor: ¿como facer valer e ligar esa noticia coas diversas disciplinas?
  • ¿Resulta interdisciplinar? É a axuda que se lle pide ao profesor: ¿como facer valer e ligar esa noticia coas diversas disciplinas?

¿Cal é a máis elixida con mellor puntuación xeral?

¿Cal sería a mellor para a materia de...?