O inglés sen libros entra mellor

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Na clase de Inglés do CEIP Os Casais xa no fan falta os libros de texto
Na clase de Inglés do CEIP Os Casais xa no fan falta os libros de texto JOSÉ PARDO

Todos os alumnos de primaria do CEIP Os Casais, de Maniños-Fene, aprenden o idioma estranxeiro practicando con colegas de Grecia, Polonia, Francia e Italia

25 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O calendario marcaba setembro do 2013. Comezaba o curso e a profesora Ainhoa Carballo percorreu todas as aulas do CEIP Os Casais, en Maniños, concello de Fene, un centro escolar aberto hai catro decenios non moi lonxe dun castro e que por entón acollía a catrocentos alumnos. O certo é que entón o paseo se lle fixo curto a esa profesora de Inglés: esas paredes só albergan a 65 rapaces («Isto foise despoboando pola crise do naval»), o os de primaria, que suman 39, repártense en tan só tres aulas.

O que ía propoñer era traballar co portal chamado eTwinning, unha plataforma de comunicación entre centros escolares de toda Europa. A resposta foi unánime: afirmativa. E aí comezaron e aquí continúan, porque se o ano pasado a profesora Carballo empregou poucos libros de texto, este curso, ningún. A pregunta é, entón, como traballan: «Pois por tarefas ou proxectos, tratando de empregar sempre materiais o máis realistas posible para facer entender ao alumnado a necesidade de aprender unha segunda lingua». E os nenos, asegura, están «contentísimos». Quizais tamén porque non hai exames: o que se avalía é o desenvolvemento e o resultado deses proxectos, e no centro destacan que iso «resulta menos estresante para eles».

Os rapaces coinciden. Isaac, de 6º, non dubida ao afirmar que «comunicándose se aprende máis inglés que estudando», e Paula, do seu mesmo curso, engade que aprende máis inglés porque ten «ilusión» por comunicarse. Xoel, dous cursos menos, reflexiona: «A min gústame coñecer a outra xente, contarlles como é a nosa escola, presentármonos...».

¿Que é eTwinning? «O primeiro é dicir que non é un invento noso, senón que é un portal para profes. Digamos que como Facebook, pero con seguridade, non entra calquera, compróbase que en efecto é quen debe ser». eTwinning dá a súa aprobación e concede un espazo para subir o que fan nese centro. E Os Casais están agora mergullados nel con outros alumnos de Italia, Grecia, Polonia e Francia.

Non todos con todos, claro está, que iso é moito rebumbio. O primeiro ciclo desenvolve o Hello there con Italia e Francia (agora están cun vídeo para explicar as comidas típicas de cada país). Os do segundo ciclo andan a voltas con Around the world xunto con Grecia e Italia, metidos noutro vídeo no que contan como é a súa escola. E os de terceiro ciclo non paran con Penpals, o carteo cun centro da polaca Gdansk.

Os Casais está tamén no proxecto Abalar, así que non amosan escaseza de novas tecnoloxías. Pero é ela quen teclea no ordenador subindo fotos, vídeos ou o que sexa, agás no caso do carteo dos do terceiro ciclo.

Á pregunta de se iso non é moito xogo e os rapaces poden pasalo ben pero se cadra aprender menos, Ainhoa Carballo responde que «é un xeito de empregar a linguaxe dunha maneira real». Pero non parece contenta: quere pisar o acelerador e ampliar actividades para os meses vindeiros e o ano que vén, porque «os resultados son bos».

Creappcuentos, unha aplicación para a escola que permite desenvolver a imaxinación

Pantallazo de la aplicación Creappcuentos
Pantallazo de la aplicación Creappcuentos captura
Chámase Creappcuentos e é unha app (aplicación) pensada para tabletas, e saída de Vigo. Unha máis no mundo tan extenso das app, pero moi orixinal: permite que os nenos cambien e mesturen como lles pete os contos, e así fomentar a súa imaxinación: a avoa quedará desorientada, sen dúbida, porque ata agora o lobo comía a Carapuchiña e Brancaneves espertaba cun bico dun príncipe. Comentábao Avelino Correa, o seu ideólogo e promotor, cando arrancaba co proxecto, hai ano e medio, e aínda non tiña nin de lonxe as 25.000 descargas que ten hoxe. E dicía que cando lle contaba as narracións de sempre a súa filla algo fallaba ao final, xa non eran os tempos de antes: «De maneira que agora podes mesturar a Carapuchiña con quen ti queiras, e cando aburras, pois cambias».

Iso podía ficar como algo familiar, pero nunca se sabe onde están as sorpresas: a algúns centros a idea lles entrou polo ollo e traballan coa app, como desde hai máis de un mes o CEIP Corión, de Dena (Meaño). Alí a profesora Cuca da Silva, tras informar que son cen os alumnos implicados («de 2.º a 6.º») e que andan co invento unha hora á semana, asegura que «é moi chula e a eles gústanlle moito».

ACTIVIDADES

  • ¿Queres practicar inglés? Pois aquí tes o blogue que están facendo os alumnos do CEIP Os Casais: letsgooscasais.blogspot.com.es
  • Falando de idiomas, ¿ cal é a lista dos máis falados no mundo? Vaite á Wikipedia en español e busca «Idiomas más hablados». ¿Atreveríaste ti a facer unha lista dos cinco primeiros? ¿Acertaches? Fíxate no número 10. ¿Sabías que existía o que ocupa o lugar 13 desa clasificación?
  • A «app» á que se refire esta páxina é de balde. Seguro que no centro poderedes baixala nalgún dispositivo e practicar con ela.
  • Pero se non tes tempo, polo menos olla a súa web: www.creappcuentos.com