O regreso do brontosauro

Susana Pérez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Tadek Kurpaski

Un recente estudo establece as diferenzas de xénero entre este diplodoco e o apatosauro

22 abr 2015 . Actualizado a las 08:52 h.

A primeira reconstrución do esqueleto dun dos dinosauros máis grandes que existiron foi exhibida en 1905 no Museo Americano de Historia Natural, en Nova York. O gran éxito que tivo entre o público supuxo o inicio da extensa popularización destes animais prehistóricos. Aquel primeiro exemplar foi designado inicialmente como Brontosaurus, ata que un par de anos máis tarde os paleontólogos revisaron os seus restos fósiles e acordaron que en realidade pertencían a outro xénero identificado anteriormente, Apatosaurus, descartando a primeira denominación. Pero o brontosauro xa cultivara a súa propia fama e, dalgún xeito, o seu nome permaneceu no tempo como unha icona destes xigantes extinguidos.

Agora a historia deu un envorco, pois un estudo recentemente publicado (realizado por científicos da Universidade Nova de Lisboa e da Universidade de Oxford) determinou que si existe o xénero Brontosaurus, restablecendo o nome deste mítico dinosauro, que significa ?lagarto do trono?. Para chegar a esta conclusión analizaron 477 trazos morfolóxicos de 81 exemplares da familia dos diplodócidos, á que pertencen as dúas especies implicadas nesta controversia, percorrendo unha vintena de museos de Estados Unidos e Europa nos que están depositados. O que pretendían era elaborar a árbore da familia e clasificar correctamente as especies incluídas neste grupo, comparando as súas similitudes e, sobre todo, as súas diferenzas anatómicas. Así, atoparon que o Apatosaurus e o Brontosaurus eran o bastante distintos como para consideralos xéneros independentes. Moitas das súas diferenzas son moi específicas, só apreciables para un especialista; outras son máis evidentes, por exemplo o pescozo máis ancho do apatosauro e o feito de que, en xeral, este é máis robusto que o brontosauro. Pero o máis importante é o significativo número de trazos diferenciadores, un factor definitivo que permite clasificalos un á parte do outro. 

O estudo vai máis aló de devolver á escena ao famoso dinosauro; achegou valiosas bases para clasificar con maior precisión os novos fósiles de diplodócidos que van aparecendo, o que contribúe a comprender mellor a súa evolución. Ademais, grazas á árbore de familia creado púidose determinar que outras especies estaban tamén mal asignadas. Por exemplo, o Diplodocus hayi ten en realidade un xénero propio, Galeamopus; e un fósil do Xurásico tardío de Portugal, o Dinheirosaurus, correspondería a un dinosauro do xénero Supersaurus.

ORIXE DA CONFUSIÓN

Apatosaurus e Brontosaurus eran dinosauros herbívoros que viviron hai 150 millóns de anos. Pertencen á familia dos diplodócidos, grandes saurópodos de pescozo longo que habitaron entre o Xurásico e o Cretácico as terras do que agora é Europa, África e América. A finais do século XIX, diversos enclaves do oeste e o norte de Estados Unidos foron testemuñas de numerosas escavacións das que se obtiveron moitos fósiles de dinosauros. En 1877 o paleontólogo Othniel Marsh descubriu un esqueleto ao que deu o nome de Apatosaurus ajax; pouco despois achou outros ósos que determinou que eran doutra especie, que denominou Brontosaurus excelsus. 

Xa entrado o século XX, a aparición doutros fósiles similares a estas dúas especies levou aos científicos a revisar a clasificación. Para eles, as diferenzas entre as dúas designadas por Marsh tiñan que ver co distinto grao de desenvolvemento dos exemplares analizados, e concluíron que ambos pertencían ao mesmo xénero. Aínda así, recoñeceron que presentaban suficientes trazos distintivos como para consideralos dúas especies dentro do mesmo xénero. E como debe prevalecer o xénero do que foi descrito primeiro, o identificado inicialmente como brontosauro pasou a chamarse Apatosaurus excelsus.

Un dinosauro moi popular

A fama que se gañou o brontosauro no pouco tempo durante o cal o seu nome foi recoñecido quedou rexistrado en diversas manifestacións culturais. Así, por exemplo, en 1914 viu a luz unha serie de debuxos animados titulada Gertie o dinosauro. O seu autor, Winsor McCay?s, inspirouse na reconstrución do Apatosaurus do Museo Americano de Historia Natural para crear ao seu protagonista. 

Outra das anécdotas en torno ao brontosauro tivo lugar moito máis tarde, en 1989. O servizo postal de Estados Unidos emitiu unha serie de catro selos doutros tantos dinosauros; un deles foi rotulado co nome de «Brontosaurus», o que provocou moitas protestas polo uso incorrecto da nomenclatura científica.

PARA CURIOSEAR

  • O Museo de Historia Natural Yale Peabody ten unha sala dedicada aos dinosauros que inclúe o exemplar que utilizou Marsh en 1879 para describir e nomear o «Bronstosaurus», máis tarde renomeado «Apatosaurus». Na súa páxina web explican o por que de ambos os nomes, e presumen de ser o único museo do mundo que pode afirmar: «Isto é un ??Brontosaurus??».
    • http://bit.ly/1yHn4BD
    • http://bit.ly/1CTomLu
  • A visita de Winsor McCay?s en 1914 ao Museo Americano de Historia Natural, onde puido ver o esqueleto do brontosauro no que se inspirou para crear a «Gertie», foi gravada. A filmación pode verse aquí: 
    • http://bit.ly/1cA5CeQ