Eu cociño e ti recolles

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

Todos os membros da familia deben asumir responsabilidades no fogar

21 abr 2015 . Actualizado a las 19:38 h.

Damián ten 10 anos, dous menos que a súa irmá Rosa. Os seus pais sempre lles din que a súa única obrigación é estudar e sacar as mellores notas posibles, así que se desentenden das tarefas do fogar. Laura, a nai, traballa oito horas fóra de casa. É ela a que se encarga de facer a compra, de levar aos nenos ás actividades extraescolares, de cociñar para deixar a comida lista para o día seguinte e de limpar a casa. Jorge, o pai, tamén traballa oito horas diarias. Encárgase de pór o almorzo, de levar aos nenos ao cole e tamén de recollelos. Pola tarde ten tempo para botarse unha sesta, ir ao ximnasio e xogar un intre á Play cos nenos. Polas noites, despois de cear, goza vendo boas películas. Tamén a súa muller. Pero esta a maior parte das veces, réndese: «Parece unha boa peli pero voume á cama, que estou morta».

No que ha corresponsabilidade se refire, algo avanzamos. Incluso podemos dicir que moito, si comparamos as cifras de hai medio século coas de agora. Pero a repartición de tarefas equitativa segue sendo unha materia pendente en España. Para chegar a esta conclusión non hai máis que botar unha ollada ao último Boletín Estadístico del Instituto de la Mujer, que arroxa os seguintes datos:

-O 92 % das mulleres emprega tempo no coidado do fogar e a familia, cunha media de catro horas e media de dedicación diaria. Entre os homes faino o 75 %, aínda que lle dedican case a metade do tempo: dúas horas e media.

-O coidado dos nenos asúmeno en solitario o 33 % das mulleres, fronte ao 2 % dos homes.

-As persoas dependentes son atendidas por mulleres no 49 % dos casos. Só o 16 % dos homes dedícanse en solitario a esta tarefa.

Evidentemente estas cifras pódense mellorar. E para logralo hai que facer un esforzo por educar aos fillos na igualdade e repartición equitativa de tarefas.

Algúns consellos para fomentar a corresponsabilidade na familia:

1. Ensinar habilidades a quen non as ten («Non sei pór a lavadora» ou «Dáseme fatal cambiar cueiros» non poden ser unha escusa).

2. Distribuír tarefas, negociar e organizar quendas.

3. Planificar semanalmente as cousas que haberá que facer para que quede tempo libre para todos.

4. Educar aos nenos neste sentido e asignarlles tarefas adaptadas á súa idade.

5. Evitar a transmisión de estereotipos aos fillos, axudándolles a comprender a inxustiza dos roles tradicionais asignados a un e outro sexo (por exemplo, axudándolles a valorar de forma crítica anuncios de deterxentes ou de xoguetes.)

6. Recoñecer a importancia do traballo doméstico para o correcto funcionamento do fogar.

7. Colaborar en manter a casa limpa e ordenada para non ter que empregar máis tempo do necesario no seu mantemento.

8. Repartir as tarefas máis pesadas: ¿por que han de recaer sempre sobre o que menos protesta?

9. Facer algunhas tarefas en equipo para que sexan menos aburridas.

10. Buscar tempo libre para compartir entre todos os membros da familia.

A pirámide das tarefas

Idades ás que poden responsabilizarse:

2-3 ANOS

Tirar cueiros, papeis e envases aos cubos de reciclaxe.

Recoller os xoguetes e colocar os libros nos andeis.

Dar pinzas para tender a roupa.

Despois de comer, dar o prato para levalo ao vertedoiro.

4-6 ANOS

Botar a roupa usada á cesta da roupa para lavar.

De cando en vez axudar na cociña, por exemplo batendo ovos ou estirando a masa de pizza.

Axudar a acabar de facer a cama (pór a almofada, o peluche...).

Servirse o leite e os cereais do almorzo.

Deixar o abrigo e a mochila no seu sitio.

Despois de comer, levar o prato ao vertedoiro.

Despois de bañarse, ordenar o baño.

Regar as plantas.

7-12 ANOS

Ordenar o cuarto e facer a cama con axuda.

Baixar o lixo.

Ir comprar cousas concretas (o pan, por exemplo).

Axudar a gardar a compra.

Colaborar en pequenas reparacións: pór unha lámpada, coser un botón, limpar uns zapatos...

Prepararse o almorzo, pór e quitar a mesa.

Axudar na cociña: rebozar, relar, bater, remover...

Participar en calquera das tarefas do ciclo da roupa: póla na lavadora, tendela, dobrala, gardala...

Axudar nas tarefas de limpeza xeral: quitar o po, varrer ou pasar o aspirador, limpar os cristais, fregar...

13-18 ANOS

Participar nas tarefas de axuda e protección dalgún dos membros da familia que por razóns de idade ou enfermidade o necesite.

Encargarse dalgunha das compras frescas da semana e participar na compra grande.

Facer traballos de reparación: cambiar un velcro, coser a basta dos pantalóns...

Participar nas quendas de limpeza da casa: baños, cristais, chans...

Pór e quitar a mesa, lavar os pratos, recoller a cociña, baixar o lixo.

Cociñar ou prepara algún dos pratos da comida diaria.

Fonte: Compartamos el tiempo (Generalitat de Catalunya)

Escuela de padres

Tema do mes: A corresponsabilidade nas tarefas domésticas.

Etapa: Infancia e adolescencia.

O dato: O 44,5 % das mulleres vense obrigadas a asumir en solitario as tarefas do fogar, fronte ao 9,6 % dos homes.

Comportamentos que se deben evitar: Sobreprotexer os fillos eximíndolles das responsabilidades do fogar.

Algunhas claves: Aprender a delegar tarefas, confiando nas habilidades de todos os membros da familia para asumir as obrigacións relacionadas co coidado da casa.

Para saber máis: «Diario de una mamá pediatra. Consejos profesionales y anécdotas personales para disfrutar de la maternidad» (Amalia Arce): http://goo.gl/oQ8XxB