A hora dos concellos

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

A campaña electoral, que comezou o día 8, encheu as vilas de carteis, como nas Pontes
A campaña electoral, que comezou o día 8, encheu as vilas de carteis, como nas Pontes ANGEL MANSO

Protagonistas políticos dun tempo incerto

20 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os concellos son os protagonistas principais da actualidade política. Todos os municipios de España celebrarán o próximo día 24 eleccións para elixir os gobernos locais dos próximos catro anos. O concello é a Administración pública que temos máis preto, a que nos ofrece os servizos que a sociedade pon á nosa disposición para facer confortable nosa vida colectiva. O concello arránxanos as rúas, proporciónanos seguridade nelas, manténnolas limpas, organízanos o tráfico, facilítanos o transporte público, recóllenos o lixo, ilumina a cidade, mantén os xardíns e parques públicos, facilítanos a auga corrente, etcétera. A nosa vida de cada día depende nunha parte importante do bo goberno do noso concello. Por iso é tan importante elixir bos alcaldes e bos concelleiros.

COMO SE CONSTITÚE

A primeira palabra para constituír o concello téñena os veciños, que elixen ás persoas que os han representar e que se chaman concelleiros. Os concelleiros electos forman a corporación municipal. 

O procedemento de elección funciona así. Os veciños maiores de 18 anos empadroados nun municipio constitúen o seu electorado. Non é necesario ser español para poder votar. As persoas que pertenzan a algún país da Unión Europea ou a outros países que teñan convenio de reciprocidade con España poden facelo no municipio no que estean empadroados. O número de concelleiros que se elixe en cada municipio depende do número de habitantes. Os electores escollen as listas de candidatos que lles ofrece cada partido político que se presenta ás eleccións. Estas listas son pechadas, o cal quere dicir que o elector non pode introducir nela ningunha modificación. O que elixe, xa que logo, é un partido, e acepta a lista de candidatos establecida de antemán.

Os concelleiros elixidos serán os que formen a corporación municipal e teñen que reunirse obrigatoriamente vinte días logo da celebración das eleccións. Nesa primeira reunión quedará constituída a corporación e o acto constituirá o primeiro pleno municipal da lexislatura. Nel será necesario que se elixa ao novo alcalde, unha vez constituída a corporación. As candidaturas posibles recaerán nos cabezas das listas que obteñan concelleiros nas eleccións e obterá a elección o que consiga a metade máis un dos votos de todos os concelleiros electos. A elección non sempre recae no cabeza de lista do partido que consiga máis concelleiros. Moitas veces sucede que durante os vinte días que preceden á votación dous ou máis partidos chegan a un acordo de goberno conxunto e votan a un mesmo candidato que obtén así a maioría absoluta. No caso de que ningún candidato obteña a maioría absoluta, ben porque o seu partido non consiga a metade máis un dos concelleiros, ben porque non se produciu ningún acordo entre outros partidos, entón proclámase automaticamente alcalde o concelleiro que encabece a lista que obteña maior número de votos.

Quen manda aquí

Na constitución da corporación aparecen xa os dous poderes principais do concello: o pleno municipal, integrado pola totalidade da corporación, e o alcalde. Os asuntos máis importantes do municipio deben ser sempre aprobados por acordos plenarios (orzamentos anuais, plans xerais de ordenación urbana, persoal, etcétera). O pleno toma os seus acordos, sempre por votación dos concelleiros logo dun debate que ten carácter público, por maioría. 

O alcalde é a cabeza da corporación municipal e o seu presidente. Por iso ten facultades para representar ao concello, dirixir o goberno e a administración municipal, nomear e cesar aos tenentes de alcalde, exercer a xefatura de persoal, contratar obras ata un custo determinado... Con todo, o alcalde ten que delegar parte da súa autoridade e diso derívanse outros órganos de goberno. 

En primeiro lugar están os tenentes de alcalde, que son os concelleiros elixidos para substituír ao alcalde cando for necesario, sexa por enfermidade, por ausencia ou por calquera outra causa. O alcalde, ademais, delega parte das súas facultades nalgúns concelleiros. Chámanse concelleiros delegados e dirixen as distintas áreas. Por exemplo, concelleiro delegado de educación, concelleiro delegado de deportes, seguridade cidadá, etcétera. 

Finalmente, os municipios de máis de 5.000 habitantes teñen tamén unha xunta de goberno, local, integrada polo alcalde e os conselleiros delegados elixidos e nomeados por el. A única condición é que non poden exceder en número ao terzo da totalidade de concelleiros. 

OS ÓRGANOS DE DECISIÓN

No concello existen, xa que logo, tres órganos capaces de tomar decisións:

  • o pleno da corporación municipal
  • a alcaldía-presidencia
  • a xunta de goberno local.

Cada un deles ten o seu documento formal administrativo propio: 

  • acordos plenarios
  • acordos da xunta de goberno local
  • decretos da alcaldía-presidencia.

Toda a actividade municipal decídese desde eses tres órganos de poder.

ACTIVIDADES

1. É un bo momento para aproveitar e coñecer ben o voso concello. Investigade que partido gañou as eleccións, se ten maioría absoluta, quen saíu alcalde na primeira reunión do pleno, 20 días logo das eleccións. 

  • Tede en conta se houbo algún acordo entre dous ou máis partidos, en caso de que ningún obtivese maioría absoluta. 
  • Despois podedes investigar se no voso concello hai xunta de goberno local ou non. 
  • Tamén podedes pescudar en que concelleiros delegou o alcalde os diversos servizos que presta o municipio aos cidadáns.

2. Tamén podedes preparar en clase entre todos unha entrevista co alcalde redactando unha serie de preguntas sobre os plans que teña para o seu período de goberno de catro anos. 

  • Algúns representantes da clase poderían ir ao concello para realizar a entrevista en directo.