As aparencias enganan

Fran Armesto

LA VOZ DE LA ESCUELA

Reproducción de un neandertal del Museo de Düsseldorf
Reproducción de un neandertal del Museo de Düsseldorf Erich Ferdinand

Os neandertais extinguíronse pero deixaron unha profunda pegada que perdura en todos nós

20 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os descubrimentos realizados nos últimos anos sobre os neandertais provocaron un envorco á idea sobre o que consideramos singularmente humano. De feito, noticias recentes anunciaron que repartían os traballos segundo o sexo dos individuos, igual que facían os nosos antepasados, e ata que poderían ter linguaxe. Así que aínda que moitos imaxinen que eran seres rudos e primitivos, o certo é que puideron rivalizar cos nosos antigos predecesores en intelixencia e cultura. É sabido desde hai moito tempo que tiñan un cerebro máis grande que o noso. Tan parecidos deberon ser en aparencia e capacidade que puideron seducirse entre eles. O feito é que tiveron numerosos fillos mestizos cuxos descendentes se integraron nas poboacións da nosa especie. Por iso levamos material xenético neandertal en todas as nosas células. Os neandertais extinguíronse sen que aínda saibamos o motivo, pero deixaron unha profunda pegada que perdura en todos nós.

QUEN SEDUCIU A QUEN?

Hai uns 230.000 anos unha nova especie de ser humano apareceu no continente euroasiático: eran o neandertal, ou Homo neanderthaensis, como os denominan os científicos. Tan só un pouco despois, hai uns 200.000, os primeiros individuos da nosa especie (Homo sapiens) xurdían no continente africano. Mentres que os primeiros eran unha especie robusta, adaptada aos fríos das glaciacións e aos bosques, os segundos estábano á calor e á vida en espazos máis abertos. Durante a súa existencia, os neandertais permaneceron máis ou menos no seu lugar de orixe, pero as poboacións dos Sapiens estendéronse por todo o mundo. 

Unha visión clásica sobre a evolución humana considera que as especies primitivas foron paulatinamente superadas por outras novas ata chegar á nosa. Así que os neandertais serían primitivos e nós chegariamos ao cume da evolución, ¡faltaría máis!, sen mesturarnos con eles. Son erros que suceden cando se escribe a historia desde o seu final e con certa falta de humildade. Como os neandertais se extinguiron entre hai 30.000 e 40.000 anos, debemos de ser mellores que eles. Con todo, canto máis se investigan máis parecidos connosco descóbrenselles.  O certo é que o Homo sapiens foi unha especie moi promiscua, que se cruzou reprodutivamente ¡con outros homínidos da súa época alí onde coincidiu con eles! Iso, por exemplo, é o que ocorreu cos neandertais, entre hai uns 80.000 e 50.000 anos, cando ambas especies atopáronse habitando as terras do que actualmente serían Iraq, Siria ou Xordania. E esta mestizaxe (segundo a bioloxía os individuos denominaríanse híbridos) non consistiu no efémero encontro dunha cálida noite de verán, mantívose durante milenios. 

Grazas a que no 2013 logrouse coñecer todos os xenes dos neandertais, púidose comparar cos da nosa especie. Sábese, por iso, que podían ser roxos, sufrían de intolerancia á lactosa, tiñan os grupos sanguíneos AB0 ou dispoñían dunha capacidade xenética para a linguaxe similar á nosa. Tamén, como era de esperar, que unha consecuencia destes cruzamentos é que entre o 1 e o 4 % do material xenético de cada persoa é de orixe neandertal. Ademais, considerada a poboación humana en lugar de cada individuo, o legado xenético neandertal que conservamos é do 20 %. Pero se nos limitamos a determinadas características xenéticas, como a pigmentación da pel, a nosa herdanza neandertal é do 70 %.

Demasiados prexuízos 

Reprodución dun neandertal que podes ver no Neanderthal Museum de Düsseldorf
Reprodución dun neandertal que podes ver no Neanderthal Museum de Düsseldorf USC / IPHES

Os erros sobre os neandertais xa se remontan ás explicacións sobre os primeiros restos atopados no val alemán do Neander: cando se descubriu en 1856 o seu primeiro esqueleto, o médico R. Virchow imaxinou que se trataba dos restos dun home similar a nós pero que sufría unha grave artrite. E outro anatomista alemán, F. Mayer, afirmou que se trataba dun cosaco ruso que morrera mentres perseguía a Napoleón a través de Europa; explicaba que as súas pernas estaban algo arqueadas debido a tanto montar dacabalo. O que indican estes erros de interpretación é que os neandertais non eran tan diferentes a nós.

Cos anos descubriuse que un tórax robusto, as extremidades curtas, a fronte baixa, unha face prominente e unhas mandíbulas sen queixo eran suficientes para considerar a estes homínidos unha especie distinta da nosa. E a imaxe que construímos dos neandertais foi a duns grotescos seres humanos cavernícolas. E nada máis lonxe da realidade. Por exemplo, é posible que o home de Neandertal fose o primeiro en crear vestidos, pois nos seus xacementos arqueolóxicos atopáronse artefactos deseñados para confeccionar roupas (agullas de óso e botóns de pedra). Parece lóxico, pois as peles que obtiñan dos animais os terían axudado a sobrevivir durante os duros climas que acompañaron as glaciacións. Ademais utilizaban adornos corporais como abelorios, plumas e pendentes de óso, marfil de mamut, conchas ou ámbar; e parece que se pintaban o corpo. Isto significa que eran capaces de crear e entender símbolos, igual que hoxe facemos cando interpretamos un texto escrito ou un sinal de tráfico, aínda que, segundo se pensaba, esta era unha capacidade exclusiva da nosa especie. Outro descubrimento que sorprende e profunda nesta capacidade é que nos xacementos máis tardíos atopáronse evidencias de enterramentos rituais, pois invita a pensar que tiñan conciencia sobre o significado da morte.

Ante tanto parecido biolóxico hai quen xa se atreveu a suxerir que estamos en condicións de utilizar o ADN dun neandertal para introducilo nun óvulo feminino e iniciar un embarazo Chegarase a realizar algún día? 

ACTIVIDADES: LE, MIRA E VISITA

  • A revista «Investigación y ciencia» deste mes publica un artigo bastante accesible para calquera público titulado «A mente neandertal», que tamén aborda as similitudes e diferenzas coa nosa especie.
  • Un documental emitido por La 2 titulado «O que queda de neandertal en nós» é interesante aínda que a súa realización non sexa moi divulgativa: http://bitly.com/1CJuACe 
  • Podes visitar a exposición «Homínidos e homínidas. A familia presumida», na Domus, onde atoparás referencias aos neandertais e ás vaidades evolutivas da nosa especie.