Os profesores son noticia a fondo

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

O profesor que recordas informaba sempre do que iamos facer, pero non lle gustaba nada repetir e repetir
O profesor que recordas informaba sempre do que iamos facer, pero non lle gustaba nada repetir e repetir JOSÉ PARDO

A súa dimensión non se acaba co tempo. Definíao Rubem Alves, brasileiro, educador, poeta e escritor (1933-2014) con esta frase: «Ensinar é un exercicio de inmortalidade e nunca pode dicirse cando acaba a súa influencia». Ademais da ciencia e coñecementos que nos ensinaron os nosos proifesores, queda sempre a súa actitude, a súa persoa, a súa forma de estar connosco, a súa estratexia de comunicación.

17 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Que recordas dos teus mellores profesores? Estes son, por exemplo, dez campos de influencia importantes que deixan rastro e figura nos alumnos, e algunhas, entre moitas, das frases máis descritivas entresacadas das análises de interacción verbal na aula de Flanders e Postic e da clarificación de valores de Raths.

1. HABITUACIÓN

Ensinábache a traballar. Non che perdoaba. O traballo tiña que ser completo. Empezaba sempre polo máis fácil e isto animábache. Seguía de cerca o que ías facendo e non esperaba á sentenza final cando xa non había nin remedio nin tempo. Todos tiñamos un modelo para aprender a traballar e que non faltase nunca o esencial. Control do tempo, non ías estar todo o día co mesmo.

2. MORALIZACIÓN

Sabiamos que era o noso traballo e non se podía eludir, sobre todo se os demais do grupo dependen da túa colaboración. É a túa tarefa, o que se espera de ti. Recoñecía o interese polo teu traballo e completar as cousas ben. Se non lograbas o que se esperaba de ti, poñíache axudas, pero había que facelo. Si faciamos mal o traballo, chamáballe fraude e había que devolver o coche ao taller.

3. EXHORTACIÓN

Veña, ánimo, temos que logralo. Ti podes, fixeches o outra día algo moi parecido. Arrincaba suores ata que acababas. Recoñecía esforzos e dicíao en voz alta. Cando lograbas algo que parecía difícil, facía stop á clase e explicabas os teus logros e como te sentías. Poñíache metas curtas. Explicabas os teus fallos e como os corrixías ou pedías a outros que podería facerse.

4. DEIXACIÓN

Nalgúns momentos e tarefas, se non lle interesaba o que facías repetía: alá ti. Pero non deixaba coar unha. Se non estaba ben, a repetir. Se non sabías, preguntaba outra cousa; pero tiñas que buscar solucións. Despois, ao presentar todos os seus traballos, tiñamos que explicar como nos arranxamos para resolver dificultades. Se copiabas, nova tarefa extra.

5. REFLEXIÓN

Pensa e logo falamos. Explica en voz alta o que fuches facendo, onde atopabas tropezos e que facías. E isto non só un por un, de cando en vez, senón grupo por grupo. Buscaba que entre nós entendésemos como as cousas se poden facer de formas diferentes, pero sempre logrando o que se nos pedía. Discutiamos por que é mellor o que fai outro grupo.

6. MODELIZACIÓN

Estes fixérono así, pero prohibido copiar. O mellor, dicía, é que cada un fixe o seu modo de traballar e o que fixo ben e gustoulle, pois vale. Pero hai que oír a moitos que logran sempre seguir adiante e moi ben. Despois, dáslle o teu estilo, a túa forma, o teu tempo, a túa presentación: imitar está ben, pero a fotocopiadora non discorre. Deixa a túa pegada dactilar en todo o que fas.

7. EXPERIMENTACIÓN

Isto podería facerse, a min gustaríame, algúns din, non sei se será posible... ¡Experimenta! Comproba, analiza, anota resultados, compara produtos, busca novas solucións. A clase é todo un laboratorio. Desespérate cando non sae, pero non quedes aí. Os tubos de ensaio tinguilean sos cando logran o que se buscaba. Inténtao unha vez máis.

8. INFORMACIÓN

Non falaba. Informaba sempre do que iamos facer. Se non entendías, preguntabas, pero tiña o costume de, ás veces, dicir as cousas, sobre todo mandatos, unha soa vez. Non lle gustaba nada repetir e repetir e repetir, por se había despistados. Iso si, explicábacho as veces que for ata que o entendías. Pero as ordes sinxelas, ¡unha soa vez! Había que estar atentos.

9. ORGANIZACIÓN

Algunhas veces, antes de poñernos a traballar en grupo, tiñamos que reunirnos e facer un esquema de traballo: que buscabamos, que recursos temos, facer consultas, deseñar a presentación, que colaboración que se espera de cada un, cales son os tempos de tarefa. Outras veces, esta planificación previa era individual: un ou dous facíana e outros preguntabamos. ¡Nada sen plan e ao que saia! Sempre unha guía previa.

10. CONFRONTACIÓN

Sobre todo, ao alumno co seu traballo, o seu horario, os seus recursos, a súa forma de cumprir co que é preciso e aproveitar o tempo. Pero tampouco cedía coa forma indolente de estar e de que me doe aquí, sen máis. Duro, esixente, pero en grao sumo atento e servizal coas limitacións e situación persoal de cada un. Comprensivo, fácil de falar, sincero, amigable, fiel, eficaz.

ACTIVIDADES

captura

  • Pois xa tes, se queres, temas e motivos para a túa carta de agradecemento aos profesores deste curso.
  • Un símbolo de última hora. «Profesor e alumnos do Colexio Santa María del Mar, da Coruña, gañan o concurso Go to Oxford Time Capsule Secondary Competition (http://goo.gl/iePDws). Na tal cápsula, que está enterrada nos campos do colexio e descubrirase dentro de 50 anos, vai tamén un exemplar de La Voz de Galicia. Xa ves: ensinar é un símbolo de eternidade.