Modelos de traballo coa Noticia do día

Jesús Garrido (jgs@cursosrepeducador.es)

LA VOZ DE LA ESCUELA

Unha das noticias que propomos para traballar hoxe ten os cans guía como protagonistas
Unha das noticias que propomos para traballar hoxe ten os cans guía como protagonistas ROI PALMAS

Nada é sinxelo nin fácil. E adoita dicirse, ás veces, que o mellor é explicarlles a noticia aos alumnos, sobre todo cando é complicada, e que eles tomen nota e que a aprendan. Talvez sexa unha vía rápida, pero non tan efectiva cando a explicación necesaria do profesor se une ao adestramento dos alumnos no seu traballo en grupos. ¿Intentámolo? Velaquí algúns exemplos de noticias do día presentados aos alumnos cun esquema previo de traballo. É unha opción e, aos poucos, dará bos resultados. Boa sorte.

30 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

pie: Unha das noticias que propomos para traballar hoxe ten os cans guía como protagonistas

1. Nivel dos alumnos

¿Serve A noticia do día para traballar hoxe en clase cos meus alumnos?

Naturalmente, é o primeiro que se debe determinar. Todo o que vén despois nos 4 is (importante / interesante / investigable / interdisciplinar) está condicionado polas posibilidades que cada grupo ten.

2. Presentación da noticia

As opcións son múltiples: lectura do texto da noticia, unha foto, un vídeo da web, roda de preguntas que fan os alumnos, que queren saber, reaccións a favor ou en contra dos feitos da noticia, quen sabe responder algo sobre as clásicas 7 preguntas do quen, que, onde, por que, como, cando, canto, un escrito e lectura breve e rápida da opinión que lle suscita a noticia a cada un, interese da noticia, importancia, que se podería facer con esa noticia en diversas materias, etcétera. Crear un tenteo espontáneo e aberto de aprendizaxe, co fin de saber cal é o estado da situación, coñecementos, curiosidades que os alumnos teñen sobre ese tema.

3. Formación de 5 subgrupos de 4 alumnos

Programa de traballo para cada subgrupo, segundo a súa capacidade de investigación, resumo, actividades de presentación de resultados ante os demais.

4. Tarefas de traballo para cada grupo

Por exemplo, seguindo o modelo escrito na Noticia do día, existen sempre tres opcións que son fonte e agrupamento de noticias: quen, que, onde.

Cada un dos tres sectores pode subdividirse, segundo se vexa na cantidade diversa de información que cada unha das tres palabras crave leva consigo, e repartirse entre os 5 subgrupos convencionais que poden dividirse en cada aula.

Tres exemplos de Noticias do día

Eliximos tres noticias, de distinto nivel e capacidade de aprendizaxe, seguindo os indicativos que se marcan sempre na Noticia do día e que, no caso dun traballo máis amplo, poden levar consigo extensións ás 7 claves clásicas do quen / que / onde / por que / como / cando / canto? Un bo adestramento dos alumnos en grupo fará máis fácil o entendemento da noticia e a súa integración no currículo co que sucede por aí fóra.

O Califato aprópiase da metade de Siria (Noticia do día o 22 de maio do 2015, nivel alto).

- QUEN: Subgrupo A: Guerra de Siria / Estado Islámico de Iraq e Siria / Al Qaida. Subgrupo B: Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos / Abu Bakr al Bagdali / Barack Obama / Bachar al Asad.

- QUE: Subgrupo C: Califato / Campos de petróleo / Campos de gas / Primavera Árabe / Texto explicativo da noticia

- ONDE: Subgrupo D: Siria / Palmira / Yarmuk. Subgrupo E: Damasco / Alepo / Hamah / Iraq.

? ACTIVIDADES ¿Que facer con esta Noticia do día (propostas dos 5 subgrupos)?

A fame redúcese un pouco (Noticia do día do 28 de maio do 2015, nivel medio).

- QUEN: ONU, FAO, Campaña Fame Cero (repartir en subgrupos A e B),

- QUE: Alimentación / Fame / Demografía / Meteoroloxía / Cambio climático / Desastres naturais / Texto explicativo da noticia (repartir en subgrupos C e D).

- ONDE: Roma (FAO) / África subsahariana / Asia central / Terra (subgrupo E)

? ACTIVIDADES ¿Que facer con esta Noticia do día (propostas dos 5 subgrupos)?

Os cans guía tamén se xubilan (Noticia do día do 7 de maio do 2015, nivel fácil),

- QUEN: Fundación Once / can guía (subgrupos A e *B).

- QUE: pastor alemán / adestrador / concienciación / adestramento / texto explicativo da noticia (repartir entre subgrupos C e D).

- ONDE: Boadilla del Monte / A Coruña / Galicia / Comunidade de Madrid (subgrupo E).

? ACTIVIDADES ¿Que facer con esta Noticia do día (propostas dos 5 subgrupos)?

ACTIVIDADES

1. Exposición e debate

Todo debe terminar cunha sinxela exposición gráfica e debate aberto nos que cada subgrupo expón e xustifica a súa investigación, tratando de contestar tamén as preguntas que poidan xurdir. Por suposto, non todas as noticias do día deben someterse a este traballo conxunto, pero si se pode facer cada 20 días ou sobre noticias que pola súa importancia e interese se prestan a iso.

2. Outros temas (para diversos niveis)

Ciencias: O combustible solar xa é real (29 de abril do 2015)

Astronomía: Un raio verde atravesou a lúa vermella (22 de abril do 2015)

Saúde: Ébola, o virus máis mortífero (3 de abril do 2015)

Cidadanía: Pontevedra, paso a paso (26 de marzo do 2014)

Música: ONU, cancións que fan feliz ao oínte (17 de marzo do 2015)

Pintura: Picasso regresa á súa infancia coruñesa (19 de febreiro do 2015)

3. e-studo de noticias

Para un mellor funcionamento dos subgrupos no seu traballo, recomendamos o editado na sección e-tudo de noticias: Os sete e-studos sobre Aprendizaxe cooperativa co xornal na aula: Relación no grupo, Tarefa cooperativa, Estratexias de traballo, Modelos de grupo, Elección de grupo, Identificación de calidade no traballo cooperativo.

? http://bit.ly/1JhqaXw