¿E ti que fas cos teus plásticos?

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

Carreira de motos para nenos en Monforte. As súas «monturas» son un exemplo máis da importancia que ten o plástico nas nosas vidas
Carreira de motos para nenos en Monforte. As súas «monturas» son un exemplo máis da importancia que ten o plástico nas nosas vidas ROI FERNANDEZ

A xestión destes residuos estase a converter nunha crecente urxencia planetaria

07 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

¡Un momento! Antes de empezar a ler estas dúas páxinas, bota unha ollada o teu redor e comproba cantos obxectos fabricados con plástico te rodean.

¿Xa está? Vale. Si estás na túa casa, ou no colexio, é probable que sexan uns cantos. É ademais, fácil que algún deles o leves a todas partes contigo: no teu calzado, na túa boneca (en forma de adorno ou de reloxo), nos tecidos sintéticos da túa roupa, nos teus pendentes, colares ou diademas... Na túa mochila escolar aínda haberá máis. É moi posible que os teus libros estean forrados de plástico. E seguro que esta mañá te limpaches os dentes cun cepillo de plástico. A televisión que che gusta ver, a neveira na que gardades en casa o que despois vos comedes, as lámpadas, os autobuses ou o coche no que talvez vas e vés ao cole: todas esas cousas están cheas de pezas de plástico. Os canos e o cableado do edificio no que agora estás, que son como o seu sistema sanguíneo e nervioso, son tamén en gran medida de plástico. Nos hospitais, a gran maioría dos instrumentos e máquinas que salvan vidas cada día conteñen tamén plástico.

Estamos tan adoitados a este material que nos chega a parecer que estivo aí desde sempre. É máis: ¿que sería da cultura actual sen o plástico? Sinxelamente, sería moi diferente. Tan diferente que non a recoñeceriamos. É dicir, que temos que felicitarnos pola invención do plástico.

Con todo, xa non podemos limitarnos a celebrar a existencia dese material. Hai xa tempo que os feitos nos demostraron que, ademais, debemos empezar a preocuparnos do seu abuso. E do que facemos cos seus residuos cando xa non os necesitamos. Porque ese abuso, e eses residuos, convertéronse nun problema global de xigantescas proporcións.

Antes de coñecer por que, pensa un momento en cantas cousas feitas de plástico compras, ou che compran, e utilizas cada día. Cada ano. Pensa ademais nas que vas usar toda a túa vida. Crea con elas, na túa imaxinación, unha chea. Agora suma a esa chea a de todos os teus compañeiros e compañeiras de clase. Logo, a de todas as clases do colexio. A de toda a cidade. A de toda Galicia, España, o mundo... Cando todas esas cheas van aos poucos deixando de servir, ¿que se fai con eles? Como ti ata agora, pregúntaseo pouca xente. E incluso di que non lle interesa. E así é como nos océanos seguen crecendo uns descomunais vertedoiros flotantes con fatais consecuencias.

¿Abusas demasiado dos plásticos? ¿Que fas con eles cando xa non os necesitas? ¿Que se che ocorre para reciclalos? ¿Tes ademais ideas para acabar con este problema a nivel mundial? Non, esta última pregunta non debería sorprenderte. Foi precisamente un novo estudante quen propuxo unha das medidas máis interesantes para combater a presenza de lixos de plástico no mar. Alguén tan preocupado, e comprometido co futuro, como podes selo ti.

Unha breve historia

O plástico inventouse orixinalmente case por casualidade, cando en 1860 un fabricante norteamericano de bólas de billar, ata entón feitas de marfil, ofreceu un gran premio a quen fose capaz de facer unhas dun material máis fácil de obter. Entre as propostas presentadas houbo unha que non gañou, pero que cambiaría o mundo. As súas bólas estaban feitas dunha mestura de celulosa natural, alcanfor e etanol. Esa nova mestura chamábase celuloide e sen ela non tería existido, anos despois, o cine.

Logo houbo que esperar a que en 1919, non hai aínda 100 anos, un químico crease a baquelita, o primeiro plástico totalmente artificial. Foi o primeiro paso dunha veloz carreira de creación e produción de novos plásticos que aínda non terminou. Nas seguintes décadas apareceron e proliferaron compostos como metacrilato, poliestireno, PVC, nailon, polipropileno... Nomes que igual che soan un pouco raros, pero cos que convives todos os días.

Entre as propiedades xerais que converten en tan atractivos aos plásticos están a súa impermeabilidade, a súa condición de illantes térmicos, eléctricos e acústicos, a súa resistencia á corrosión e, sobre todo, o seu baixo custo de produción.

A lista dos seus inconvenientes, con todo, non é menos importante: moitos deles non son biodegradables (é dicir, que se acumulan ao longo da cadea alimenticia), non son fáciles de reciclar e cando se queiman son moi contaminantes.

Xigantescas illas flotantes... de lixo

Hai poucas semanas soubemos que o 90 % das aves mariñas do planeta tragaron e levan anacos de plástico no seu estómago. Incluso aquelas que, como os albatros, pasan moitos meses do ano en metade do océano. Ao atopar esas partículas flotantes, tómanas por restos de peixe e tráganos. Ás veces a cantidade deles que acumulan é do tamaño dunha bolsa de caramelos. Moitas delas atopan precisamente eses restos en alta mar, moi lonxe da costa, en ocasións concentrados ao longo de enormes extensións de superficie, e baixo ela.

É o caso do famoso Great Garbage Patch, tamén chamado illa de lixo, un xigantesco vertedoiro que vira arredor de si no centro do océano Pacífico. O seu tamaño estímase en 1.400.000 quilómetros cadrados. As mesmas correntes mariñas que provocan esa rotación son as que, ao mesmo tempo, séguenlle alimentando de máis e máis residuos chegados da costa ou arroxados desde barcos. Estes restos vanse descompondo aos poucos, ata formar unha sopa de anacos diminutos, e incluso microscópicos, que é inxerida por moitos outros animais mariños: peces, tartarugas, medusas... Incluso golfiños e baleas.

No océano Atlántico existe tamén un gran vertedoiro de plástico, con centos de quilómetros cadrados de superficie.

A proposta dun estudante para limpar os océanos

Hai un ano a prensa mundial fíxose eco da proposta dun estudante de só 19 anos para recoller o lixo dos océanos. A verdadeira ilusión de Boyan Slat é ser enxeñeiro aeroespacial, pero como persoa preocupada e comprometida decidiu aproveitar a súa formación, xa moi sólida, para botar unha man con este grave problema. E poida que a atopara. O seu invento é algo en aparencia moi sinxelo: un embude. Para probar a súa eficacia necesitaba fabricalo e utilizalo no mar. Pero para iso facía falta bastante diñeiro. Puxo en marcha unha campaña de financiamento mediante crowfunding, na que calquera particular podía achegar unha parte. Pronto tivo canto necesitaba, fabricou o que ata entón era só unha idea e comprobou o seu bo resultado no mar.

  • Esta é a páxina web do seu proxecto: http://www.theoceancleanup.com/
  • Este vídeo resume a historia de Boyan Slat: https://youtu.be/6IjaZ2g-21E

ACTIVIDADES

Bota unha man: apúntate ao voluntariado ambiental

  • Aínda que non teñamos o arroxo de Boyan Slat, todos podemos botar unha man para limpar de residuos os océanos e as súas beiras. Por exemplo, colaborando como voluntarios en calquera das moitas actividades de limpeza que cada pouco tempo se desenvolven en Galicia.
  • Precisamente hai dúas semanas, os voluntarios da Fundación Fragas do Mandeo e da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas Betanzos dedicaron unha xornada a retirar das beiras e fondos da ría de Betanzos multitude de lixo, a gran maioría de plástico. Encheron 300 sacos, nos que con todo non couberon nada menos que dúas lavadoras. Esta é a web da Fundación Fragas do Mandeo: http://www.fragasdomandeo.org/
  • Outra posibilidade é colaborar co Proxecto Ríos de Adega, cuxa campaña xa está en marcha, e estenderase ata o próximo 31 de outubro: http://www.proxectorios.org/