Aprender a discutir sobre o que da noticia

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Nas discusións das noticias hai que aprender a relativizar. Non sempre «o máis alto» nunha situación éo tamén noutra
Nas discusións das noticias hai que aprender a relativizar. Non sempre «o máis alto» nunha situación éo tamén noutra CEDIDA

O que necesita debate en grupo. Cando falamos na Noticia do día dos tres compoñentes clave ?quen, onde e que? este último leva sempre a palma da dificultade e por iso necesita máis investigación por parte dos alumnos e asistencia técnica dos profesores en clase. Por iso pode resultar unha boa axuda para profesores e alumnos o debate na aula deste e doutros temas. E por iso recordamos aquí algunhas das pautas publicadas na guía do profesor do Programa Prensa-Escuela que se titula «A noticia»(http://goo.gl/vKeRFy).  Ábreo na sección A8-Sentido crítico.

25 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Existen pautas para discutir ben e con eficacia e virannos moi ben para coñecer que actitudes deben ter os que gustan de discutir e que vantaxes pódense obter cunha boa práctica do intercambio de ideas e sentimentos no grupo cando se fala dunha noticia. Imos analizalas rapidamente.

1 Pensamento independente

Capacidade que ten o individuo de pensar por conta propia. Para iso necesita ser crítico consigo mesmo e co que poidan opinar os demais: consigo mesmo, non deixándose levar por ideas e sentimentos que non teñen unha base razoable; cos demais, non aceptando sen máis o que digan, senón analizando quen o di, por que, en que se funda.

2 Egocentrismo / sociocentrismo

Nin o egocentrismo exclusivista (fixarse só en si mesmo) nin o sociocentrismo compracente (quedar ben cos demais) favorecen a actitude crítica. Se non estamos decididos a ventilar as cousas en grupo e preferimos o ego ao socio, dificilmente imos ter bos resultados.

3 Punto de vista dos demais

Exercicio de repetición do que acaban de dicir os outros do grupo. Os que queren velo todo desde a súa propia fiestra perden de ver o que observan os demais desde outra. ¿Somos capaces de repetir o que os demais ou temos pechado o audífono e estamos a esperar a que o outro termine para dicir a nosa idea?

4 ¿Penso ou sento?

Clarificar a conexión entre ideas e sentimentos: as persoas co sentido crítico desenvolvido saben moi ben que moitos sentimentos xorden dependendo do enfoque que lle deamos a un mesmo feito. Por iso ás veces sentimos que outros están en contra do que dicimos, pero en realidade é que falan desde un punto de vista diferente. Hai que aclararse: ¿desde que punto de vista dis ti isto ou falas fixándote máis nos teus sentimentos que no que de verdade pensas?

5 Suspender o xuízo

O sentido crítico leva consigo suspender o xuízo cando os datos non son suficientes ou non teñen a calidade debida. Opinar e pecharse en banda antes de tempo leva consigo non só a posibilidade de equivocarse senón tamén a dificultade de cambiar de opinión ante vos demais e quedar mal polo que defendías fai un momento.

6 Evitar simplificacións si / non, todo / nada. 

Analizar por que usamos tanto as simplificacións si / non, todo / nada, sempre / nunca, bo / malo, desastroso / fantástico... no canto de «ao meu xuízo», «paréceme», «de momento, eu penso», «talvez», «supoño» e outras frases que non sexan pesadas por repetitivas. En todo caso, explicar un pouquiño máis o si e o non, se fai falta e é o que procede claramente nalgúns casos.

7 Defender o que un pensa

A historia está chea de persoas que defenden o que pensan a pesar de que iso lles trae problemas, o cal non hai que confundilo con defendernos a nós mesmos. Pero hai que ser valentes e o medo a non quedar ben che impide ás veces dicir o que pensas e sentes.

8 Analizar crenzas propias

Moitas veces oímos que cada un fala da feira segundo lle vai nela. A frase é un exemplo de alguén que dá opinións, segundo os seus propios intereses. A discusión dirixida, se procede adecuadamente, é unha boa ocasión para comprobar se as nosas crenzas teñen ou non bo fundamento, e cambiar se procede.

9 Saber preguntar

Nin esa pregunta crítica ou irónica que trata de deixar mal outras opinións. ¿Entón, con esa resposta túa como arranxas ti iso de...? A ver, a ver, deféndete agora. Non, trátase de preguntar o que uno non sabe ou non entende, aínda que iso sexa difícil porque un queda como ignorante. Ou calar un pouco ata que se vaian aclarando as cousas

10 Determinar criterios de avaliación

Estaban reunidos seis rapaces duns 10 anos e todos eles discutían quen era alto e quen era baixo e que quere dicir iso de maior e menor. De súpeto pasou por alí un equipo de baloncesto. Todos quedaron ananos. Ás veces a discusión sobe de ton e non logramos admitir a dimensión, anchura e altura de coñecementos que temos sobre un tema que discutimos. Chamemos ao equipo de baloncesto, de ciencias, de literatura, de política... o que for. E poñámonos á altura do tema que discutimos. Todo sairá mellor.

actividades

Puntúa de 0 a 3 a importancia que ti lle dás a cada unha destas afirmacións sobre a discusión en grupo:

  • O diálogo supón admitir que as cousas poden verse desde diversos puntos de vista [...] 
  • O diálogo axúdache a ter novos coñecementos dun mesmo asunto [...]
  • O diálogo obrígache a probar e demostrar o que dis [...] 
  • Ao falar en alto, xorden novas ideas que ás veces estaban ocultas [...] 
  • O diálogo axúdache a distinguir como moitas persoas ceden no que pensan ou cren ante persoas amigas e, en cambio, non admiten ideas doutro, aínda que son válidas, porque non lles agrada esa persoa [...] 
  • Moitas veces, no canto de dialogar e atender ao que o outro di, o que nos preocupa é vencer ao outro e demostrar que un ten razón [...]
  • Frecuentemente, moitas persoas non son capaces de repetir o que o outro lle está dicindo porque só pensan no que eles lle van replicar [...]
  • Hai persoas que sempre falan do seu nunha conversación. No canto de atender á noticia ou opinión que o outro conta, di: «Pois eu tamén tiña un can que...» [...]
  • Co diálogo atópase un bo camiño para resolver conflitos [...]
  • O diálogo en grupo faiche ás veces cambiar de opinión [...]