Aprender a dialogar para aprender

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Sesión do Parlamento Xove no Parlamento galego en xuño do pasado 2015
Sesión do Parlamento Xove no Parlamento galego en xuño do pasado 2015 XOÁN A. SOLER

Parlamento Xove é unha actividade que fomenta a aprendizaxe de valores a través do debate

03 feb 2016 . Actualizado a las 16:36 h.

Corría o ano 979 cando nun pequeno territorio de forte raíz celta e con idioma propio se creaba o Tinvaal (nos libros adoita aparecer como Twynwald). Ese é o Parlamento máis antigo que está en funcionamento e sen interrupcións. É dicir, o órgano lexislativo máis vello do planeta. E atópase en Man, illa británica e a cabalo entre Inglaterra e Irlanda. En Galicia hai hoxe en día outros dous Parlamentos: o oficial, sito na rúa compostelá do Hórreo, e o Parlamento Xove, sen sede fixa, itinerante e que carga no seu lombo tan só seis anos de vida. Un aire fresco no mundo dos debates.

A idea de arranque non pode ser máis pedagóxica: promover un conxunto de actividades que teñen por obxecto fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias. E para iso os centros de Galicia ?ESO e bacharelato, por suposto en categorías diferentes- son convidados a participar nunha liga de debate arredor dun tema que propón a organización. Neste ano, a partires de febreiro e ata abril eses debates xirarán en torno a esta idea-forza: ¿Determina o papel do profesor o futuro dos mozos e mozas?.

Así, catro alumnos e un profesor se enfrontan a outros tantos, uns defendendo unha postura, outros a contraria (a cousa vai por sorteo) cun equipo de xuíces que avalían actitudes, habilidades, recursos e documentación achegada. E así, A Coruña, Gandarío, o pazo de Mariñán (Bergondo), Vigo, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume, Lugo e Chantada, entre outros, convértense en escenarios de debates que non son interminables porque hai un tempo fixado: cada enfrontamento dura 32 minutos exactos.

Saber perder é tamén algo ao que se aprende, porque, claro está, a ninguén lle gusta. ?Nos seis anos houbo un ou dous centros que non o aceptaron de boa gana ?di unha persoa que leva de xuíz case desde o principio-, pero aquí sempre se acaba en festa: rapaces e rapazas felicítanse con sinceridade?. Desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (que é a patrocinadora de Parlamento Xove), a súa titular, Cecilia Vázquez, segura que ?os mozos desenvolven aí valores como a capacidade de respectar a opinión dos demais, a colaboración dos compañeiros para elaborar as conclusión e fomentan a toma de conciencia no comportamento democrático?.

Dicíao de maneira solemne o presidente dos xuíces na final de hai un par de anos no salón de sesións do Parlamento do Hórreo, con alumnos, profesores e moitos pais que non se querían perder o momento: ?Pediríalles a todos vostedes que cando rematemos deixen as portas ben pechadas para que cando volvan o luns os deputados atopen, impoluta, esta atmosfera de respecto?. Despois de todo, o espírito dos creadores do Tinvaal na illa de Mans mantense vivo no Parlamento Xove: a palabra é a mellor ferramenta para acadar o que un quere.

Enrique Sampil, director do IES A Pinguela (Monforte)

«Cada ano convencémonos máis da súa utilidade para a formación»

Enrique Sampil é o director do IES A Pinguela, de Monforte, centro que gañou o Parlamento Xove na categoría de ESO no 2014.

-¿Para que valen debates coma eses?

-Nós participamos desde a primeira edición e cada ano convencémonos máis da súa utilidade para a formación do alumnado. 

-Dígame razóns para estar aí.

-Para fomentar o respecto polas opinións diferentes ou incluso contrarias, a capacidade oratoria, a deportividade, a capacidade de expresar as opinións propias, o espírito de convivencia cos demais centros e alumnos...

-¿Non están nerviosos os alumnos?

- É fundamental lograr a perda do medo a expresarse en público, co que supón de mellora da expresión oral.

-Por certo, ¿cal foi o premio no 2014?

-Once días dun cruceiro entre Lisboa e Amsterdam. Pero confiámonos demasiado e ao ano seguinte non conseguimos nin clasificármonos para a final, o que sempre sucedera.

-¿Un gran fracaso?

-O Parlamento Xove sempre foi un éxito pedagóxico.

A iniciativa en números

  • Nas seis primeiras edicións de Parlamento Xove (2010-2015) enfrontáronse 171 equipos, que suman 887 participantes (716 alumnos e 171 profesores).
  • Na sétima edición (en marcha) participan 48 equipos, o cal quere dicir 240 persoas (192 estudantes e 48 profesores).
  • A suma dos anteriores dá 1.127 participantes (908 mozos e 219 profesores).

Actividades

  • ¿Atreveríaste a crear un Parlamento no teu centro e debater coas outras aulas? ¿Que temas semellan máis interesantes para tratar entre todos?
  • Pon en orden de máis importante a menos importante estas características de todo debate: oratoria, respecto polos adversarios, voz clara, voz potente, tempos limitados, tempos ilimitados, xuíces imparciais, tema a tratar, lugar do debate.
  • Hai países que teñen un Parlamento formado por unha soa cámara. Outros teñen dúas. Tendo iso en conta, isto non é un encrucillado pero podería selo. Trátase de unir o nome de cada país co nome do seu Parlamento en xeral, da súa Cámara baixa ou da súa Cámara alta. Algúns son doados, outros non tanto:
  • Países: Albania, Angola, Andorra, Austria, Botsuana, España, Gran Bretaña, Grecia, Italia, Japón, Rusia.
  • Parlamentos ou Cámaras deles: Consell General, Consejo de los Helenos, Bundesrat, Assembleia Nacional, Senato della Repubblica, Cámara de los Ancianos ou Meshrano Jirga, Duma, Cámara de los Jefes (Ntlo ya Dikgosi), Dieta (Kokkai), Cortes Generales, Cámara de los Lores.