Os problemas medioambientais do mar

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

O «Prestige», cargado con 77.000 toneladas de fuel, deixou unha marea de 200 metros de anchura e 30 quilómetros de lonxitude o 4 de novembro do 2002
O «Prestige», cargado con 77.000 toneladas de fuel, deixou unha marea de 200 metros de anchura e 30 quilómetros de lonxitude o 4 de novembro do 2002 MIGUEL VIDAL

A recente sentenza do Tribunal Supremo polo afundimento do «Prestige» lémbranos a importancia que ten para o ser humano coidar este medio

03 feb 2016 . Actualizado a las 16:36 h.

Hai xusto unha semana, a portada deste xornal dedicaba un gran titular á noticia da nova sentenza do Tribunal Supremo acerca da marea negra provocada polo afundimento do petroleiro Prestige. Houberon pasar nada menos que trece anos para que a Xustiza decidise acerca da responsabilidade daqueles sucesos. Tanto tempo que moitos de quen leades esta dobre páxina ou non nacerades aínda ou daquela erades moi pequenos. Os danos de todo tipo causados nos nosos mares e costas por aqueles sucesos foron calculados pola Fiscalía en 4.442 millóns de euros. Unha barbaridade que pon en números contantes e soantes a gravidade das feridas que sufriu Galicia entón. Praias, cantís e illas cubertos de negro fuel. Pescadores e mariscadores privados do seu traballo e dos seus recursos durante moitos meses. Decenas de miles de aves mariñas mortas?

Xa se sabe: non era a primeira vez que un petroleiro se ía a pique ante as nosas costas derramando todo o contido da súa barriga. A lista dos antecedentes é longa: Polycommander, Andros Patria, Urquiola, Mar Exeo... ¿Sóanvos estes nomes? Así se chamaban os barcos cuxos naufraxios provocaron, a finais do século pasado, as peores mareas negras da nosa historia. Ata que chegou a do Prestige no 2002. Esta foi a peor de todas. Alcanzou desde o norte de Portugal ata Francia. E afectou sobre todo aos nosos 1.692 quilómetros de costa.

Contan quen saben disto que moitos dos mellores mariños e pescadores do planeta son galegos. Aquí sabemos moito do mar. De como aproveitar os seus recursos e estar atentos aos seus cambios de ánimo. Entre outras moitas cousas, porque estamos nun lugar do planeta de notable riqueza pesqueira e marisqueira. As nosas rías cóntanse entre algúns dos ecosistemas litorais máis produtivos do mundo, e no noso mar aberto abundan os caladoiros. Tan é así que na nosa comunidade viven nada menos que a metade do total dos traballadores do mar de España. Unhas 24.000 persoas. Calcúlase que por cada un deles, ademais, son catro as persoas que traballan en terra en tarefas vinculadas de forma indirecta á pesca: conservas, transporte, venda, etcétera. Iso suma moitas familias. ¿Como non imos saber tanto do mar? Por iso mesmo imos desde hai séculos, ademais, a faenar a augas de case todos os océanos do mundo.

Ao mesmo tempo, Galicia é un auténtico cruzamento de camiños mariños. Desde o comezo da historia da navegación polo Atlántico, este foi lugar de paso obrigado para cantas embarcacións quixesen chegar desde o Mediterráneo cara ao norte de Europa. Co tempo, foron pasando por aquí moitas de cantas unían multitude de países americanos, asiáticos ou africanos co noso continente. Moitos deles detíñanse nos nosos portos, traendo todo tipo de noticias e novidades. O mar era a nosa conexión co resto do planeta. Hoxe calcúlase que polo corredor marítimo de Fisterra, unha especie de autoestrada de grandes barcos situada varias millas mar a fóra da nosa costa, pasan cada ano uns 40.000 ou 60.000 mercantes, petroleiros, gaseiros... Tanto tráfico marítimo provoca que cada pouco tempo nos levemos un susto. O máis recente foi precisamente o día que se facía pública a sentenza sobre o Prestige. Esa mesma tarde un mercante quedaba á deriva ao norte de cabo Ortegal tras ter sido evacuada toda a súa tripulación.

Para saber do mar a estas alturas da historia é necesario coñecer a fondo os seus problemas ambientais. As mareas negras son só parte deles. Nesta páxina abordamos ese e algúns máis, que teñen cada vez máis preocupados aos científicos e ás autoridades internacionais.

Mareas negras

Derrames de petróleo ou fuel cóntanse entre os problemas do mar máis graves, fáciles de advertir e difíciles de esquecer. Pero non todos proveñen de naufraxios. Así, o maior coñecido tivo orixe na chamada guerra do Golfo, cando os pozos petroleiros de Kuwait chegaron a esparexer preto dun millón e medio de toneladas de petróleo no golfo Pérsico. Séguelle en importancia, polo volume vertido, o derrame provocado no golfo de México tras rebentar a plataforma norteamericana Deepwater Horizon no 2010. Había un precedente xa en 1979, cando sucedeu o mesmo cunha plataforma petroleira mexicana, chamada Ixtoc. A maior marea negra causada por barcos petroleiros tivo tamén lugar en 1979, cando chocaron dous buques no mar Caribe.

Se falamos dos danos causados ás comunidades do litoral, destacan sobre todo as mareas negras provocadas polo Exxon Valdez en Alaska, e o Amocco Cadiz, o Prestige e o Erika en Europa, entre outras.

Os Museos Científicos Coruñeses editaron hai uns anos unha estupenda monografía divulgativa acerca das mareas negras. Pódese descargar en http://www.casaciencias.org/docs/mc2-mareas-negras.pdf

Quecemento do mar

Igual que a nosa atmosfera, tamén o mar se quenta. Faino, por unha banda, de forma natural e cíclica. É o que sucede, sobre todo, co fenómeno chamado O Neno no océano Pacífico. Pero o que máis preocupa na actualidade é o seu quecemento por mor de cambio climático. Algo tan grave que a mesmísima NASA advertiu do seu alcance. Segundo os seus científicos, o nivel do mar xa subiu oito centímetros de media en todo o planeta desde 1992. E a tendencia é a que siga ascendendo. Débese isto á maior temperatura das súas augas. Así como o frío as contrae, a calor expándeas. E desxea os casquetes polares. É o que sucedeu este ano por exemplo ao sur de Groenlandia: os mapas do quecemento do planeta mostran como en case todas partes as temperaturas medias son superiores ao medido ata agora. Salvo nesa rexión oceánica. Alí o mar está moito máis frío. ¿Por que? Porque o xeo polar estase desconxelando, e esas augas moi frías baixan cara ao sur. O problema é que no seu camiño vanse atopar coa cálida corrente do Golfo, ese río mariño que desde América amorna as costas europeas. Se a interrompe e a corta como un coitelo, cambiará o clima do noso continente.

Nesta web podes comprobar como quedarían as nosas costas nunha subida de temperaturas de entre 2 e 4 graos: http://bit.ly/1NbZL05

Sobrepesca

Este xornal daba hai tres meses unha noticia desoladora: «A sobrepesca minguou nun 39 % os recursos nos países da OCDE». A Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico reúne a algúns dos 34 países máis desenvolvidos do planeta e colabora con moitos outros. Pois ben, segundo un informe dado a coñecer en outubro pasado, «a produción pesqueira neses países diminuíu máis dun 39 % desde 1988, como resultado da sobrepesca, que reduce a capacidade de produción dos recursos». Mentres tanto, en Asia péscase máis que nunca, e sen apenas límite. O problema é moito maior do que parece, pois transcende a conservación da natureza mariña: falamos da alimentación da poboación global. A propia Comisión Europea e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) alertaban o ano pasado de que «o 7,5 % dos peixes que habitan os mares da Unión Europea atópanse en perigo de extinción pola sobrepesca».

Nesta ligazón podes consultar un informe de WWF sobre este problema: http://bit.ly/1Nxdv37

Plásticos

Cando hai dúas semanas algunhas das personalidades máis poderosas do planeta se reuniron na cidade suíza de Davos para analizar o futuro económico, un demoledor informe ambiental esperáballes nas súas mesas. Así recollía La Voz de Galicia a súa principal conclusión: «O Foro de Davos proxecta que no 2050 haberá máis plásticos que peixes no mar. Un estudo asegura que o cociente entre toneladas de plástico e as de peixes excederá o un por un dentro de 35 anos».Este estudo, titulado A nova economía do plástico, alerta da desatada produción a nivel global deste tipo de materiais, e o seu tremendo impacto en mares e océanos. Viña precedido doutro informe que desvelaba que o 99 % das aves mariñas do mundo levan plástico no organismo. Plástico consumido no mar xa sexa directamente ou ao comer os peixes dos que se alimentan.

Este é a ligazón á noticia en La Voz de Galicia: http://bit.ly/20ulyTQ

Urbanización do litoral

Máis da metade da poboación humana do planeta vivimos en cidades. Segundo o Banco Mundial, é nas áreas urbanas onde se xera o 70 % das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. Este organismo expresou a súa preocupación polo feito de que a tendencia a crecer das cidades vai aumentar nas próximas décadas. Tamén por que nas cidades situadas no litoral viven xa 500 millóns de persoas, «o que os fai máis vulnerables aos efectos das tormentas e do aumento do nivel do mar». En consecuencia, advirte de que son necesarias políticas sostibles que reduzan o impacto das cidades a nivel global e local.

Pode consultarse esta información nesta ligazón: http://bit.ly/1m8svFq

Os nosos decisores, os cidadáns e... vós, os estudantes

¿Son os nosos decisores actuais capaces de facer fronte a estes e o resto dos problemas dos mares e do planeta? ¿Cumpren a súa obrigación, neste sentido, os nosos alcaldes, conselleiros, presidentes autonómicos, ministros... por pór só uns exemplos? ¿E cada cidadán, independentemente da súa idade? Calquera, a través do seu compromiso e o seu esforzo, ou a falta de ambos, contribúe a que estas situacións se vaian resolvendo ou empeoren. Ninguén é alleo a iso. Unha forma de axudar a buscar solucións é estudar: formarse o mellor posible para ser capaz de achalas no futuro. Oxalá que en Galicia quen hoxe estudades, como galegos que sodes, deades no futuro ao planeta leccións de como coidar do mar. ¿Quen o ía facer mellor que vós?