En xogo: distancia, proximidade e factor humano

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Nenos de 5 anos participan na primeira Math Champions
Nenos de 5 anos participan na primeira Math Champions EDUARDO PEREZ

A dinámica do xogo consiste en medir aproximadamente a distancia ou proximidade dunha noticia e o factor humano que a pode facer interesante para un alumno porque contacta cos seus intereses, posibilidades, imaxinación, reto persoal, capacidade.

27 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

É soamente un xogo e non ten, por suposto, medidas exactas. Recórdase que a proximidade-distancia non é só xeográfica senón tamén histórica, científica, lingüística, matemática, social, artística, deportiva, segundo o grao de coñecemento próximo / afastado que un teña de cada materia.

  • E o factor humano? Pois iso: ¿como logramos buscarlle a cada noticia a parte humana que conecte co alumno para que se sinta atraído pola noticia? É a clave que pon en activo a ciencia do profesor.
  • Puntuación de 0 a 3 en distancia (...) proximidade (...) e explicación verbal do profesor de como esa noticia se pode conectar co factor humano de cada alumno. ¿Que se pode dicir ou facer, segundo idades e niveis, en que pode un fixarse para converter a noticia afastada en próxima? ¿Por onde empezarías?
  • Imprescindible: para localizar a noticia completa é suficiente con escribir as palabras que utilizamos nesta páxina como títulos no buscador (lupa) da web de La Voz: www.lavozdegalicia.es. 

1. HISTORIA

En tempos de lobos sucios 

A estrea de Lobos sucios, a película do galego Sergio Casal, trouxo á actualidade a febre do volframio que se desatou en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial. O filme narra a historia de dúas mulleres que viven o momento terrible en que os nazis se fan con varias minas galegas, en boa parte coa colaboración de homes de palla locais. (La Voz, 18/4/2016)

  • Distancia (...) Proximidade (...) (Segue?) 

2. CIENCIAS

Os transxénicos son seguros para a saúde e para o medio ambiente 

As Regueifas de Ciencias, unha nova iniciativa da Universidade de Santiago que se estreou onte na Facultade de Ciencias da Comunicación, abriron cun tema científico pero que está á orde do día na sociedade, o uso de transxénicos para facer unha selección xenética en alimentos co fin de incrementar a súa produtividade ou a súa resistencia (La Voz, 9/4/2016).

  • Distancia (...) Proximidade (...) (Segue?) 

3. LINGUA

Unha herdanza coa forma das palabras 

«¿Pero quen eran aqueles informantes? Pois a inmensa maioría labregos e mariñeiros, xente anónima á que ninguén consultara nunca para nada e que de súpeto comprobaron abraiados como o seu saber era de interese para a universidade». Na posguerra o idioma galego desapareceu literalmente da vida política, social e cultural. Ata 1947 non se publicaría o que os expertos consideran a primeira obra de certa entidade: Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño (La Voz, abril do 2016). 

  • Distancia (...) Proximidade (...) (Segue?) 

4. XEOGRAFÍA

Os enfrontamentos botan por centos a familias de Idomeni 

A familia Loubani decidiu deixar o campamento improvisado de Idomeni. Levan máis dun mes durmindo nunha das carpas habilitadas con outras 300 persoas. As continuas pelexas no campo da fronteira e o medo a verse involucrados nunha batalla campal contra a policía de Macedonia precipitaron a súa decisión. Hoxe subiranse a un dos autobuses facilitados polo Goberno heleno, que levan escrito na parte traseira «Crazy Holidays», vacacións tolas (La Voz, 14/4/2016). 

  • Distancia (...) Proximidade (...) (Segue?) 

5. MATEMÁTICAS

Matemáticas de andar por casa 

O colexio Montespiño organizou a primeira Maths Champions, na que participaron 150 nenos de 5 anos. Churros de piscina, cintas métricas, barallas de cartas, adhesivos, paíños, figuras xeométricas, estes elementos de andar por casa serviron como material para realizar as distintas probas da primeira Maths Champions (La Voz, 2/4/2016). 

  • Distancia (...) Proximidade (...) (Segue?) 

6. SOCIAIS

Os senteito: homes de mediana idade e cada vez con máis estudos

Das 1.258 persoas sen fogar que atendeu Cruz Vermella durante o 2015 en Galicia, 1.031 son homes e 227 mulleres. Con estes datos a entidade social explica que os perfís sociodemográficos dos sinteito son cada vez máis diversos, aínda que o maioritario responde a un home, de entre 35 e 49 anos, de nacionalidade española, sen estudos ou con estudos primarios, solteiro ou separado, que carece de calquera tipo de ingreso ou é preceptor dalgún tipo de prestación social, situación de desemprego e dorme na rúa ou albergue (La Voz, 18/4/2016).

  • Distancia (...) Proximidade (...) (Segue?) 

7. ARTE

Ángela de la Cruz funde arquitectura e pintura en Londres 

A galería PEER elixe para a súa reapertura á artista galega, que enche cunha das súas obras unha das salas case por completo. A galería londiniense PEER abre hoxe as súas portas tras meses de renovación e faino da man da artista galega Ángela de la Cruz (A Coruña, 1965). A partir de agora a rúa será unha extensión máis do espazo expositivo e os viandantes poderán gozar da arte contemporánea en todo o seu esplendor (La Voz, 18/4/2016). 

  • Distancia (...) Proximidade (...) (Segue?) 

8. DEPORTE

¿Cantos quilómetros andamos en casa? 

Conta os teus pasos diarios. Aferrados a unha pulseira, a unha aplicación do teléfono ou a un podómetro, cada vez máis xente se suma ao obxectivo de alcanzar os 10.000 pasos diarios. ¿Pero ten efectos saudables a distancia que percorremos cada día en casa ou na oficina? (La Voz, 18/4/2016). 

  • Distancia (...) Proximidade (...) (Segue?)