Aula navegante: ¿por que?

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

Miguel de la Quadra fala os expedicionarios da ruta ás montañas do Paraíso (República Dominicana e Porto Rico)
Miguel de la Quadra fala os expedicionarios da ruta ás montañas do Paraíso (República Dominicana e Porto Rico) CEDIDA

Miguel de la Quadra-Salcedo, mestre, cóntanos a historia e razóns da fundación da súa Aula Navegante, que leva xa 30 expedicións e cumpre agora, despois do seu falecemento o 20 de maio do 2016, simbolicamente -ou talvez algo máis? na mesma data do falecemento de Cristóbal Colón.

01 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«O proxecto orixinario destas expedicións remóntase a mediados dos anos 50 e como resultado da miña prolongada estancia en Porto Rico. Pero a idea vén de moito máis atrás, dos anos 40. Concretamente, das conversacións que, mentres tomabamos chocolate na miña casa, mantiven co filósofo Juan Zaragüeta.

»O filósofo realizara en 1934, e en compañía de futuros filósofos e ilustres académicos da talla de Xavier Zubiri e Manuel García Morente, unha viaxe en barco que se chamo Cruceiro polo Mediterráneo e que se fixo co apoio da Universidade Complutense e da Escola de Arquitectura de Madrid. Como dato anecdótico, cabe recordar que o alumno que levou o premio ao mellor relato da viaxe, e que logo sería publicado, chamábase Julián Marías.

»Pero, oíndo a Juan Zaragüeta e aos seus compañeiros falar con todo entusiasmo daquela viaxe mítica, que non só lles permitiu descubrir o Mare Nostrum senón que estableceu entre eles uns vínculos de amizade e compañeirismo que permanecería vivo durante toda a súa vida, ocorréuseme que sería fantástico volver crear aquela aventura cultural e ilustrada en beneficio dos mozos españois e americanos actuais, por desgraza tan distanciados e alleos os uns dos outros.

»Con todo, o proxecto non empezou a concretarse ata finais dos anos 70. E, como tantas veces ocorre nesta vida, xurdiu de forma casual, no curso dunha reunión co rei Juan Carlos. Os fastos e conmemoracións do quinto centenario do descubrimento estaban aínda moi afastados; pero de todos é coñecido o papel dinamizador xogado pola Coroa e a súa decisión de superar vellas incomprensións e resentimentos para abrir novas vías de coñecemento entre América e España e, a través desta, con Europa.

»De inmediato mostrou o monarca o seu interese e a súa decisión de apoiar un proxecto dirixido aos mozos dun e outro lado do Atlántico que pretendía suscitar, a través da cultura e a aventura, un mellor coñecemento e comprensión mutuos.

»Todo isto serviu para ir perfilando, ata darlle a súa forma actual, esta Ruta Quetzal que, non por casualidade, toma o seu nome dunha ave que foi venerada polos antigos maias e os aztecas: unha ave mítica, pero en perigo de extinción, que vén do pasado e préstalle o seu nome a unha aventura tan desproporcionada en relación á tarefa que se propuña realizar que ben podería ser tachada de quimera, no que esta aventura nosa ten de soño e de mito, pois non doutro xeito pode cualificarse un proxecto que pretende unir os mozos de hoxe no coñecemento dun pasado que os irmandará no futuro.

»Todas a sociedades posúen os seus propios ritos de iniciación e este, certamente, o é, na medida en que os expedicionarios xa non regresarán aos seus respectivos países sendo os mesmos que eran ao partir. Incluso a xeografía lles cambiou, pois desde as grandes cidade americanas ás pequenas aldeas que teñan visitado, os ríos, os volcáns deixarán de ser simples signos ilocalizables nun mapa e adquirirán fisionomía e nomes propios, pois é posible incluso que nalgún deses lugares viva un dos seus compañeiros de aventura».

(Tomado de Ruta Quetzal Argentaria, junio 1995).

  • Ruta Quetzal 1995. Os expedicionarios contan a súa propia historia en You Tube. ¡Non cha perdas! (https://goo.gl/EI2ab1)