Ríos para o verán

Patricia Barciela

LA VOZ DE LA ESCUELA

As praias fluviais tamén poden gañar bandeiras azuis, como esta de Ponte Caldelas, onde, como en tantas outras, atoparedes un espazo para disfrutar do río en verán
As praias fluviais tamén poden gañar bandeiras azuis, como esta de Ponte Caldelas, onde, como en tantas outras, atoparedes un espazo para disfrutar do río en verán CEDIDAS

A paisaxe galega recolle a auga das abundantes choivas e transfórmaa en innumerables ríos, arroios e mananciais. Son parte esencial do seu patrimonio natural e fonte de tradicións e lendas. En Galicia cada aldea, lugar, pobo ou cidade ten un vínculo co seu río

22 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A paisaxe galega recolle a auga das abundantes choivas e transfórmaa en innumerables ríos, arroios e mananciais. Son parte esencial do seu patrimonio natural e fonte de tradicións e lendas. En Galicia cada aldea, lugar, pobo ou cidade ten un vínculo co seu río

As características dos ríos galegos dependen de varios factores. O clima, de abundantes precipitacións, fai que a maioría teñan un caudal abundante e regular, con augas altas en invernos e unha baixada moderada no verán. Como o chan galego está intensamente fracturado, os desniveis que xorden propician que a auga discorra en todas direccións. Ademais, a presenza de serras próximas á costa provoca que sexan ríos de curso curto. A excepción é o Miño, que aínda así ten un percorrido de 310 quilómetros.

Os ríos son tamén espazos para disfrutar. As súas ribeiras son lugares idóneos para a práctica do sendeirismo e as súas praias, unha oportunidade para bañarse e relaxarse na natureza. Tamén se practican deportes como o piragüismo, a pesca, o rafting, o barranquismo ou o hidrospeed.

Moitas festas galegas están unidas aos ríos. Algunhas teñen un compoñente gastronómico, como as da lamprea, a troita, o salmón ou a anguía. Outras son de carácter lúdico, como os Caneiros no río Mandeo ou o Naseiro, no Landro.

Rede Natura 2000

Natura 2000 é unha rede de espazos naturais protexidos pola Unión Europea con obxecto de salvagardar os máis importantes de Europa. Estes enclaves recollen os ecosistemas máis representativos e significativos do territorio: ecosistemas fluviais, costas e rías, lagoas, serras, bosques...

Por pór un exemplo, un dos espazos incluídos na rede é o río Tea. O motivo, ser un curso fluvial de importancia para o salmón atlántico e contar cun bosque de ribeira ben conservado. O Tea é o afluente máis importante do curso baixo do Miño e discorre por un precioso val. Nace no monte Mancelo e nos seus 50 quilómetros de percorrido forma numerosas praias fluviais idóneas para o baño. É un río de augas limpas e osixenadas, carentes de contaminación ambiental e de gran riqueza piscícola. Nas proximidades do río, á altura de Mondariz, xorden augas subterráneas en forma de manancial. Estes mananciais están salvagardados por un perímetro de protección mineira, o que significa que hai que controlar a actividade humana que se desenvolve. Deste xeito, mantense a calidade da auga para o seu consumo. 

actividades

A vista de paxaro

Hoxe podemos explorar o percorrido do río que queiramos a través de Internet. Busca en Google, por exemplo, o río Tea. Localiza as fontes nas que nace, os mananciais, os tramos máis encaixados, as súas fervenzas, as súas praias fluviais, as zonas propicias para facer piragüismo, para pescar, a súa desembocadura no río Miño?

Exploradores nocturnos

Tal como sucede coas couzas, algúns habitantes acuáticos séntense atraídos pola luz. Podes elaborar unha trampa luminosa e colocala nun arroio ata as últimas horas da noite. Despois, retíraa e examina as túas capturas.

Cómo fabricar unha trampa luminosa. Consegue un frasco con tapa e introduce no seu interior unha lanterna. Coloca o frasco dentro dunha tubaxe ou algo parecido que poidas atopar. Pecha un dos extremos do tubo e coloca no outro un embude de tea metálica fina. Cunha corda, suxeita o tubo de modo que poidas subir e baixar a trampa. Cando o leves ao río, sitúa o extremo do embude sempre ao contraxeito.

Augas veloces

¿A que velocidade flúe a auga dun río? Unha forma de medila é cronometrando o tempo que tarda un obxecto flotante en percorrer unha distancia determinada. Unha laranxa é unha boa elección como elemento para medir, xa que flota xusto por baixo da superficie da auga.

Lanza a laranxa ao río e cronometra o tempo que tarda en percorrer a distancia que teñas determinado. Podes realizar varias medidas, unhas máis preto da beira e outras máis lonxe. ¿A velocidade de fluxo da auga é sempre a mesma?